Menu Xerais

Máis Astérix e en galego!

O blog da biblioteca da EOI de Lugo publicou unha recensión sobre Astérix en Italia, o novo volume de Astérix que Xerais publica en galego.

 

Máis Astérix e en galego!

A pasada fin de semana chegou ás librarías o novo álbum do heroe galo máis famoso da banda deseñada: Astérix et la transitalique.

E máis unha vez poderemos gozar do cómic en pé de igualdade coas grandes linguas, grazas a Xerais, xa que se publica en galego, co título de Astérix en Italia, ao mesmo tempo que en francés e outros 16idiomas.

Astérix é un dos poucos cómics cunha tradición de edición na nosa lingua, con case 30 álbums traducidos desde 1976, en que saíron do prelo os primeiros a cargo do insigne escritor ourensán Eduardo Blanco Amor.

Durante a presentación na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña o guionista Jean-Ives Ferri e o debuxante Didier Conrad deron un pequeno adianto desta nova entrega na que os dous heroes atravesarán de norte a sur a Península Itálica e coñecerán os seus pobos, que “tratan de conservar a súa autonomía e ven con malos ollos os intentos de dominación de Xulio César e as súas lexións“.

Nela parece que non faltará moita acción, diálogos esmendrellantes e encontros con personaxes famosas, coma a Mona Lisa! Tamén din os murmuradores que Obélix terá un papel protagonista, non perderá ocasión de probar a pizza e que seica andará namoriscado dunha beleza local.

Non contamos máis porque o álbum estará axiña na Biblioteca. Mentres, para facer máis breve a espera, convidámosvos a revivir as aventuras destes irredutíbeis galos levando emprestado algún dos volumes anteriores que tedes dispoñíbeis tanto en galego coma noutras das linguas da EOI.

A diversión está garantida, por Tutatis!

Comentarios pechados