Menu Xerais

Máis espazo para a poesía nas aulas, a reivindicación de Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil

O xornal La Voz de Galicia publicou unha reportaxe de Xesús Fraga sobre a concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017 ao escritor Antonio García Teijeiro polo seu libro Poemar o mar.

 

 

García Teijeiro suma o sexto Nacional de Literatura Infantil para o galego

Con «Poemar o mar» teima na súa reivindicación dos libros de versos para a mocidade

Nunha fermosa coincidencia, Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952) estaba onte fronte o mar cando recibiu a chamada do Ministerio de Cultura na que lle comunicaban a concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha coincidencia fermosa, pero moi factible: o escritor non deixa pasar un só mes no que non se mergulle no mar algún día -e sen neopreno-, ese mesmo mar que aparece unha e outra vez na súa obra.

O libro premiado, Poemar o mar (Xerais), con ilustracións de Xan López Domínguez, pecha unha triloxía na que García Teijeiro tamén coloca aos lectores fronte a auga, como xa fixera nos volumes anteriores, Palabras do mar e En la cuna del mar. Con este galardón, suma para as letras galegas o seu sexto premio neste eido, tras os acadados por Paco Martín, Xabier P. DoCampo, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz e Ledicia Costas. Unha proba elocuente do nivel na escrita para a mocidade e que subliña García Teijeiro: «Eu leo moita literatura infantil e xuvenil, tamén en castelán e catalán, e a que se escribe en galego ten unha calidade moi alta e goza de moito recoñecemento fóra».

Ao autor, o que máis o alegra do premio é que se distinga un libro en galego e de poesía, pero poesía dirixida ao público máis novo. É unha teima de García Teijeiro, quen, como escritor e ao longo dos seus anos como docente, levou os versos aos seus lectores e alumnos baixo as premisas da naturalidade e o goce. «Eu sempre dixen que a poesía ten que entrar nas aulas en voz alta», lembrou onte. «É algo que lle repito aos que participan nos meus obradoiros e nas miñas clases. Cando cos cativos liamos versos en voz alta producíase unha sinfonía coral poética marabillosa. Moitos deles non o esquecen, alumnos meus que agora, de adultos, asisten ás presentacións dos meus libros».

Desbotar os tópicos

A través dos seus libros e no seu maxisterio, García Teijeiro, sen querer coutar a presenza da narrativa, reclama máis espazo para a poesía nas aulas. «Fálase sempre de contos, de narracións, algo do que eu estou totalmente a favor, pero tamén hai que desbotar ese tópico de que a poesía non lle chega aos rapaces», ao tempo que apunta á evidencia de que moitos relatos, especialmente os da tradición oral, comparten esa raíz vocal cos versos.

A causa pode estar, segundo analiza, en que «hai xente que lle ten medo á poesía», e que sen esa sensibilidade para a lírica resulta moi difícil transmitir o entusiasmo necesario para contaxiarse da súa maxia. Por isto mesmo, García Teijeiro sostén que «a poesía é un xénero tan maldito como necesario», polo que a satisfacción experimentada polo premio nacional vén precisamente do que pode ter de difusión e de reivindicación dos versos concibidos para a mocidade.

No caso concreto de Poemar o mar, o océano ocupa unha posición central, pero en toda a súa complexidade e variedades posibles. Na súa crítica do libro para La Voz, Ramón Nicolás destacou a diversidade de rexistros, dende os «relampos lorquiamos» aos haikus, o onírico, o surrealista, o lúdico e o irónico, no que o mar, de simboloxía «rica, intensa e plena», serve para falar de todas as cousas. O autor coincide na apreciación, ao cualificar o poemario como unha «suma total» das súas vivencias e lecturas en relación á auga mariña. Aí coinciden dende Rosalía e Celso Emilio a Alberti -«estaba en débeda con el, que me abriu as portas da súa casa», evoca García Teijeiro- ou a tradición popular mareira galega.

Emoción e música

Pero Poemar o mar, sendo unha suma, non é «un catálogo». «Non se trataba de facer un poema sobre a estrela de mar. Hala, xa está. E agora toca outro sobre o mexillón», describe. O que conta é a emoción que latexa como inspiración de cada peza, inseparable doutro elemento que o escritor considera crucial: o ritmo e a musicalidade; sen estes dous elementos non concibe os versos, como tampouco sen a devandita emoción: «Sen ela podemos falar doutra cousa, pero non de expresión poética». Testemuño desa querenza musical son as versións cantadas que dalgúns dos seus poemas fixo Paco Ibáñez: «Cando lle din as grazas respondeume que era el quen mo agradecía a min, xa que entendía que eran os propios poemas os que pedían música», lembra. Os coñecidos e seguidores de García Teijeiro tamén notarían a frecuencia coa que se viste camisetas na que se ve o rostro de Bob Dylan: «O Nobel de Literatura para Dylan era algo que levaba agardando anos», confirma.

O rebumbio que vén aparellado a un premio como o fallado onte colle a García Teijeiro ben adestrado en xestionar unha axenda avultada: proximamente viaxará a México e mais a Porto. Todo, por compromisos literarios, por espallar a creación, a expresión poética, a lingua galega e por pensar nos máis novos.

Xesús Fraga

Deixa un comentario!