Menu Xerais

«Mal de escola» de Daniel Pennac, premio Spinoza de ensaio

Onte o xurado do Premio Spinoza de ensaio, formado por alumnado do Insituto Rosalía de Castro de Santiago, anuncio que Mal de escola de Daniel Pennac foi a obra gañadora da primeira edición deste premio. A obra, traducida para o galego por Xavier Senín e Isabel Soto, foi editada por Xerais no pasado mes de outubro, sendo reeditada a comezos deste ano 2009. Recollemos o texto da noticia preparada por A. Iglesias e publicada por Galicia hoxe sobre a concesión do premio:

Reivindicar o filósofo Bento Spinoza como “o pensador máis extraordinario do século XVII” e, ao mesmo tempo, “fomentar a lectura do ensaio entre os máis novos” eran dous dos obxectivos que perseguía a dirección do instituto Rosalía de Castro desde había algún tempo. A fórmula que se utilizou para conseguir ambas as premisas foi a mesma que a empregada no Certame Literario Arcebispo Juan de San Clemente, cuxos quince anos de extraordinaria acollida entre alumnos e escritores pon de manifesto o seu máis que probado éxito. Así, os estudantes de cinco institutos de Secundaria de Galicia volveron converterse en xuíces lectores, elixindo nesta ocasión o mellor ensaio do ano, que non é outro que Mal de escola, do francés Daniel Pennac, tal e como deu onte a coñecer o xurado do certame, que este ano celebra a súa primeira edición. O libro aborda a cuestión da escola e a educación desde un punto de vista insólito, o dos malos alumnos. Con humor e tenrura, análises críticas e fórmulas efectivas, Pennac, un prestixioso escritor e “pésimo estudante” na súa época, como el mesmo confesa, ofrece unha brillante lección de intelixencia, mesturando recordos autobiográficos e reflexións acerca da pedagoxía e as disfuncións da institución escolar, a dor de ser un mal estudante e a sede de aprendizaxe, o sentimento de exclusión e o amor ó ensino. Mal de escola é, ademais, a historia dunha metamorfose, de como un mal alumno chega a ser profesor e máis adiante un escritor recoñecido. A “identificación coa visión do estudante que presenta o autor en primeira persoa e en pequenos capítulos a modo de relatos para facilitar a súa lectura” é un dos motivos da súa elección polo xurado que destaca que “todas as accións que realiza e as vivencias que experimenta o autor nos serven coma referencia para a nosa vida de estudantes”.

Comentarios pechados