Menu Xerais

Maldades sen nome: «Un lume azul», de Pedro Feijoo. Crítica de Francisco Martínez Bouzas

O crítico Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Novenoites, e no xornal Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre novela Un lume azul, de Pedro Feijoo, publicada por Xerais na colección: Narrativa.

 

Maldades sen nome

Esta é, na miña estima, a novela máis dura publicada na narrativa galega. Tan inhumana, tan violenta que, tendo moito de thriller, quizais cumpriría encadrala nun novo subxénero:novela da maldade. Un lume azul é unha novela que, se narrativa houbera unha deep web,  unha rede invisible como a de internet, debería estar nese precipicio profundo, porque o que Pedro Feijoo nos achega é un pesadelo tan monstruoso e abominable que dificilmente ten cabida na narrativa normal. O macabro asentado en Vigo e nos seus arredores.

Todo comeza cunha casa que arde e un corpo deitado ao pé da escaleira, pero a muller non morreu polo incendio.Ten o pescozo esganado. É soamente o prólogo dunha historia de maldades, na que dificilmente se pode ir máis alá no asañamento. Endalí que, se para o autor non foi fácil escribir esta longa novela de máis de cincocentas páxinas nunha estrutura non de todo lineal -abondan os flashbacks- para o lector asimilar moitas das súas páxinas resulta por veces vomitivo.. Con vitimarios que primeiro foron vítimas e sufriron todo tipo de vexames, abusos e o asasinato do ser máis querido.

Abondará con amosar, a xeito de imaxes “expresionistas,” trazos dalgunhas secuencias: un “matrimonio republicano”: dous vellos espidos, afogados e desangrados nunha bañeira, amarrados con arame de espino e coas mans cortadas; un porco enorme ocupado en devorar a un home vivo: primeiro unha man, un brazo, finalmente a fazula esnaquizada por unha dentada nun túnel do Cabo Silleiro; un policía modélico, tan modélico que fora torturador, metido en toas as leas, agora xubilado, engaiolado nunha caixa co corpo untado de unto, atacado primeiro por un exército de cascudas e logo devorado lentamente por ratas porque o queren ver morrer de forma lenta e dolorosa;un médico crucificado, cravado sobre unha parede de formigón. Poren, non son estas vítimas as que tomaron as decisións importantes.

 Os auténticos depredadores son outros: unha longa estirpe de poder e corrupción moral. E ese asoballamento dos poderosos sobre a xente humilde esta moi presente na novela. Mentres tanto a policía enfróntase aos casos, e por eles sabemos cómo se  vai avanzando na investigación, e outra voz que o fai en terceira persoa, infórmanos sobre a sorte das vítimas / vitimarios.

Esta novela é o paradigma da violencia máis estarrecedora. A súa lectura provoca o noxo de pensar que a condición humana é capaz de levar a cabo estas baixezas. O autor articula un encomiable traballo cunha estrutura apropiada: o lector sempre sabe máis do que descubre a policía. Emprega un galego coloquial moi apropiado para entender unha historia onde non hai misericordia.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 20 de febreiro de 2020). Pode lerse un descargarse en formato pdf. nesta ligazón.

Francisco Martínez Bouzas



Deixa un comentario!