Menu Xerais

Manter a atención en vilo. «As meigas de Lupa», de María Solar. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre As meigas de Lupa, de María Solar.

 

De meigas e castros

María Solar combina nesta noveliña para rapaces dos derradeiros anos de Primaira ou dos primeiros de Secundaria dous motivos que sempre atraen os máis novos: as historias de bruxos e meigas, cos seus poderes extraordinarios, e mais a recreación da vida nun castro nos tempos da invasión dos romanos e da suposta chegada do cadáver de Santiago ao territorio da tamén lendaría raíña Lupa.

A autora, de acordo cos preceptos da literatura infantil-xuvenil, coloca como protagonista do relato un grupo de rapaces, dirixidos por un adulto que sintoniza con eles, neste caso a avoa, que participan nunha aventura de bruxas e meigas.

O primeiro que se lle debe esixir a un relato xuvenil-infantil é un argumento ben artellado e que atraia cara á lectura os máis novos. Nese sentido a noveliña ofrécenos un argumento de loita entre meigas, con abundantes efectos máxicos e acción, que manteñen en vilo a atención deste tipo de lectores. Por outra banda, os feitos máxicos e fantásticos pertencen á cultura, mesmo audiovisual, que posúen hoxe os nosos rapaces e rapazas polo que non se sentirán estraños ante eles.

A carón do entretemento, pídeselle á literatura xuvenil unha dose de información para o lectorado. A autora opta por reproducir a vida na comunidade castrexa da raíña Lupa e recrea o episodio do traslado do corpo de Santiago a Galicia polos seus discípulos. Tamén divulga o tema folclórico dos tesouros gardados por seres míticos. Neste aspecto tamén cumpre co estipulado para a literatura infantil e xuvenil, en canto á información.

Xa que logo, estamos ante unha novela pensada para un público do derradeiro ciclo de primaria ou para primeiro da ESO que non achega realmente nada novo, mais que pode ser unha lectura útil para estas idades, posto que ten un argumento entretido, divulga coñecementos sobre os castros ou sobre o folclore galego ou mesmo a historia da chegada a Galicia do corpo de Santiago, que son temas adecuados para tratar nestas idades e en diversas materias, como Lingua ou Ciencias Sociais. É dicir, que a noveliña cumpre co esperado dun relato deste tipo.

(…)

Ler a recensión completa.

Comentarios pechados