Menu Xerais

Manuel Darriba: «Falta máis risco de investigación e experimentación, ambición artística, autocrítica feroz, inconformismo». Entrevista de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou na sección «Parlamento das letras» do seu blog Criticalia unha entrevista co escritor Manuel Darriba, autor de O bosque é grande e profundo.

 

Parlamento das Letras

Manuel Darriba

A escrita de Manuel Darriba é sempre un iceberg, agocha ben máis do que parece. A súa metodoloxía é elusiva, pois impórtalle máis o que cala que o que expresa, que é tanto como dicir que o que conta é substantivo porque o esencial debe deducirse. Nas últimas dúas décadas foi luíndo os seus textos ata anorexizalos. Non lle tremeu a man cando tivo que cortar a cantil os versos, nin pestanexou amecendo océanos de elisións nos relatos, inzados decote de seres comportamentalmente caracterizados, pois Darriba foxe das descricións ao uso coma do lume.

Guións, ensaios, álbums infantís, traducións, novela —curta, xaora— e poesía —espida, abofé— son os territorios transitados por este sarriao, centáurico xornalista filósofo, posuidor dunha das voces máis distintivas dunha hora literaria que, polo seu reloxo, vai sempre con retraso.

Ollo cos seus estiletes verbais, poden cortarse.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Pois en 1997, na editorial Sotelo Blanco. Era unha novela que apareceu na colección xuvenil 12×22, Paf Xarope.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

A mellor tratada pola crítica está a ser a última, O bosque é grande e profundo. En xeral, a crítica tratoume sempre bastante ben e as miñas obras véndense pouco. Asumo que non son un escritor “comercial”, pero si que teño a lexítima aspiración de chegar a públicos cada vez máis amplos, na miña lingua e noutras.

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Ningún.

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

En poesía, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Xiana Arias Rego, Daniel Salgado e Cesáreo Carballido. Síntome irmandado a eles xeracional e literariamente.

En narrativa, Cid Cabido, Xabier López López, Miguel Anxo Murado e Samuel Solleiro. E se podo escoller un finado moi vivo, Camilo Gonsar.

—Se tiveses que historiografiar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

No temático, o interese pola conformación do individuo nunha dialéctica de poderes. No formal, a aspiración a buscar vías novas de expresión literaria en idioma galego.

 —¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Joseph Conrad, William Faulkner, James Joyce, Scott Fitzgerald, Ernest Hemingway, Raymond Carver, Philip Roth, Gay Talese, Ryszard Kapuscinski, John Maxwell Coetzee, Kurt Vonnegut, Philip Larkin. Tamén Antonio Gamoneda, Vázquez Montalbán, Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra… (Lista moi incompleta).

 ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Máis risco de investigación e experimentación, ambición artística, autocrítica feroz, inconformismo, traballar máis as obras. Sobrar, pois non o sei… Os complexos e a reiteración de fórmulas caducas. Daría a mesma resposta en relación á literatura española.

 —Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Nin idea. Incapaz de responder esta pregunta.

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Supoño que a pregunta se refire a Galicia. Do artístico xa dei algunha nota nas respostas anteriores, así que vou facer unha consideración socioeconómica: creo que non debemos resignarnos a facer literatura para a propia parroquia, nin considerar que o que facemos é unha parte máis do “Proxecto Galicia”. Somos escritores, artistas, cunha cosmovisión de noso e con todas as potencialidades para ser universais. Axudaría bastante que todas as partes implicadas arredor da industria do libro consideren algún día que a literatura galega pode/debe saír do recuncho, romper o teito de cristal do mercado literario español (que parece unha peaxe de paso obrigada, non entendo ben por que) e saír ao ancho mundo.

Armando Requeixo

Comentarios pechados