Menu Xerais

Manuel Gago, autor da novela «O anxo negro»

O blog Café Barbantia publicou un artigo de Pastor Rodríguez que traza un perfil sobre Manuel Gago, autor da novela O anxo negro.

 

Comunicación e patrimonio

Nacido en Palmeira en 1976, xa na súa mocidade amosou interese pola poesía e a narrativa, para dedicarse logo a temas de comunicación. Doutor en Ciencias da Información, profesor da Universidade de Compostela, vencellado ao Consello da Cultura Galega, dirixe o diario dixital culturagalega.gal. No ano 2000 colaborou no volume colectivo El Catón compostelano. Estudios, obra que estudaba o primeiro xornal de Galicia, saído en 1800. Ese mesmo ano, en colaboración con X. López García e J. Pereira Fariña publicou O novo xornalismo electrónico. Xa en 2012, xunto con Xurxo Ayán, sacará do prelo a obra Herdeiros pola forza, un traballo a prol do patrimonio cultural galego e a súa posta en valor, partindo da premisa de que «herdar é preservar». No eido da narrativa publica en 2013 a obra Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia, na que converte en algo vivo todos os nosos vellos mitos, merecente do Premio ao Mellor Libro Educativo 2013, pola Asociación Galega de Editores. En 2015, en formato electrónico, Platos rotos. Textos Gastronómicos (2003-2015), unha antoloxía da produción xornalística de Gago ao redor da relación entre viño, comida e sociedade. Recentemente foi comisario da exposición Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura, para a que coordinou o catálogo, encargándose das voces «Pote de queimada», «Pelegrín» e «Xabarín». Xa neste ano de 2016 publica a novela O anxo negro, na que se evidencia tamén a preocupación polo patrimonio galego.

Pastor Rodríguez

Deixa un comentario!