Menu Xerais

Manuel Portas: «Cando nunha sociedade hai machismo, haino nos homes e nas mulleres»». Entrevista de Montse Dopico

Praza Pública publicou unha entrevista de Montse DopicoManuel Portas pola súa novela Faneca Brava. (Foto de Roberto Rodríguez Carballada).

 

«Cando nunha sociedade hai machismo, haino nos homes e nas mulleres»

Manuel Portas volve, na súa nova novela, contarnos a Historia desde abaixo, como fixera en Denso recendo a salgado e en Un dedo manchado de tinta. Desde a pluralidade de experiencias da sociedade de cada época. Mais, desta volta, hai claras protagonistas, e son mulleres. Marcadas por un tipo de represión e de violencia da que non se fala moito cando se lembra a ditadura: a sexual. A que quedaba agochada baixo o silencio e que era, moitas veces, exercida pola institución que o réxime dicía protexer: a familia. No contexto desa sorte de franquismo sociolóxico que durou moito máis que o propio ditador. Faneca Brava (Xerais) vai xa pola segunda edición. E o seu autor segue coa rolda de presentacións.

Faneca Brava vai pola segunda edición…

Si. A primeira saíu en abril e vamos pola segunda. Está a funcionar ben: parece que a xente o recomenda… E non é unha lectura recomendada nos institutos, como tantas veces se di da literatura galega. O problema é que os rapaces teñen, moitas veces, a percepción de que a literatura galega é unha cousa antiga, doutro tempo…

Pensaba ao lelo, precisamente, que é un libro que podería gustarlles a moitos tipos de lectores, tamén adolescentes.

Un escribe para pasalo ben, por pracer, e tamén por uns principios éticos: hai unha aposta polo galego, claro. Pero, cando escribes, é unha cuestión implícita que hai alguén ao outro lado, alguén que le. O que está na túa cabeza e pasas ao papel ten que ser gozado por quen le. Ten que gustar, e para iso é bo que sexa de lectura sinxela.

De estilo sinxelo, pero cun tema ben complexo: os abusos sexuais a menores. Escolliches como narrador ao primo da protagonista para poder tratar esta cuestión cunha certa distancia?

Penseino como elemento de verosimilitude pois, por que alguén vai preocuparse por unha muller que desapareceu hai anos? É un familiar, seu primo, que a través das lembranzas da súa infancia, e tamén por un certo sentimento de culpa, comeza a achegarse á historia dela, de Concha. A el foille ben na vida e ten un permanente remorso que se mestura co recordo que ten dela como unha nena especial, rebelde… De todas maneiras, mediada a novela hai un cambio de narrador. Pásase a unha terceira persoa omnisciente que nos conta a historia e que abrangue tamén ao primo. E desta maneira vaise producindo a descuberta da verdadeira historia de Concha, desde a visión estereotipada inicial á presentación dela como heroína…

Hai un claro contraste entre distintas xeracións de mulleres na novela: a avoa que podería representar un xeito de franquismo sociolóxico moi común, a neta que se rebela, Lela que é o suficientemente valente como para marchar cun home sen casar pero que non se arrepón aos malos tratos…

Non é socioloxía, é unha novela, pero si está detrás ese cambio social. A muller conquistou unha serie de liberdades, entre as que se atopa a sexual, nun proceso de transformación social que se desenvolveu nas últimas décadas, pero as mentalidades tardan moito máis en cambiar. A avoa representa un xeito de vivir moi vencellado á proxección dunha imaxe pública, a un certo tipo de moral que agocha todo o que faga falta para evitar a vergoña. E nin Concha nin a súa irmá Encarna aceptan esa moral que só oculta os problemas, sen evitar que sigan a estar presentes.

O tema dos abusos sexuais podería considerarse un dos silencios do franquismo. Pero xa viña de atrás e aínda continuou despois. Non se falou no ámbito público de curas pederastas até hai ben pouco.

É un problema que vén de moi atrás. Poderiamos relacionalo mesmo co dereito de pernada da Idade Media. E que se perpetuou até a actualidade. A novidade é que é agora cando adquire relevancia pública, cando xa non se acepta que a muller teña que ser considerada un obxecto subxugado aos apetitos do home. As mulleres cada vez calan menos, como non calan Concha, nin Encarna… Hai un cambio social moi notable nisto.

Dixo Fernández Paz do seu libro Non hai noite tan longa que quería retratar a miseria moral da sociedade das últimas décadas do franquismo. Faneca Brava é tamén así…

Cando nunha sociedade hai machismo, haino nas homes e nas mulleres. E a avoa é un tipo de muller machista que pasou toda a vida xogando ao xogo do nome dos Pereira, do clan, da estirpe, aínda que para iso tivese que sacrificar a neta. Ás veces pensamos que este tipo de comportamento só se daba nas familias burguesas, pero non é así. Na novela, é unha familia de mariñeiros e carpinteiros. Lela ocupa, porén, como diciamos antes, un lugar intermedio entre a avoa e a neta. E Encarna é o alter-ego de Concha, que representa outro tipo de muller. Deste xeito, grosso modo, falo dun abano de mulleres que reaccionan de xeitos diferentes ante os feitos. É evidente a miseria moral de tapar un crime como o que se comete contra Concha.

O libro percorre distintas etapas históricas, desde a escola dos primeiros anos do franquismo até os últimos tempos da represión da ditadura… Utilizaches moita documentación?

Houbo documentación, si, pero tamén me apoiei nas miñas lembranzas. Eu recordo aquela escola de pizarra e pizarrín. E houbo moitas mestras como a que describo na novela, que atendían a nenos de distintas idades na mesma aula. A utilización da violencia na aula é algo que se che queda gravado na memoria.

En Faneca Brava hai moitos personaxes: ao final debúxasnos unha árbore xenealóxica con todos. Tamén Denso recendo a salgado e Un dedo manchado de tinta eran novelas corais. Por que esta preferencia?

Fago novelas sinfónicas porque a vida é sinfónica. Se queres trazar un bosquexo da realidade, tes que falar do feo e do belo… Aínda que Faneca brava ten uns protagonistas claros, malia haber moitos personaxes. Non se trata tanto de que quen lea a novela se identifique cos personaxes, senón de reflectir a realidade. En Denso recendo a salgado tentei dar unha visión plural dunha xeración. En Un dedo manchado de tinta a pluralidade viña dada pola casualidade: xente que non se coñecía pero que tiña vidas que se cruzaban nun lugar. En Faneca brava non é a xeración nin a casualidade, senón a pertenza a un clan, a unha estirpe, o nexo do que parte esa pluralidade.

A novela cóntanos a historia desde a experiencia da xente de abaixo, como nas túas obras anteriores. Afástase, nisto, dos relatos de heroes do tardofranquismo e Transición -políticos, e mesmo militantes de base de organizacións políticas, sindicalistas-,… Fálasnos dun tipo de violencia e de represión, a de xénero, que sufriron as mulleres correntes.

É que xa hai tempo que se deu en contar a Historia sen heroes, reis…, sen grandes protagonistas, senón desde abaixo. A Historia desde a perspectiva das mulleres, por exemplo. Gústame moito como o explicaba o historiador Fernão Lopes: a raia miúda: o pobo anónimo. Non se trata de facer hiperrealismo naturalista, senón de falar da realidade de todos os días.

Hai na novela temas secundarios como a emigración. E trátala, ás veces, como un xeito de fuxir non só da pobreza ou da falta de oportunidades, senón do caciquismo e dunha sociedade opresiva.

Casos como algúns que conto na novela están baseados en experiencias vitais das que souben. A un veciño meu acaba de reaparecerlle o pai despois de moitos anos sen saber del. Isto acontecía no século XIX con máis frecuencia. Marchaban en barco, só podían comunicarse por carta… As distancias eran moito maiores. E ás veces non conseguían o seu obxectivo e morrían de miseria ou no propio barco no que emigraban. Por iso o estereotipo que se creou do americano que volvía rico moitas veces non se corresponde coa realidade.

Malia a dureza da experiencia de Concha, tampouco fas dela unha heroína sen fisuras. Ao medrar faise paparazzi e extorsionadora, aínda que sexa de peixes gordos corruptos. A avoa tampouco é unha simple vítima dun tempo: o que ela quere é preservar a súa autoridade, que é a chave do seu poder.

É que non se trata de presentar bos e malos. Todos teñen o seu lado escuro. Cando Fernando vai ver a seu pai, ten que arrincarlle a verdade. O poder da avoa radica nesa suposta autoridade moral que ten e que non permite que lle disputen nin noras, nin netos… Está claro que as mulleres eran educadas para transmitir os valores da sociedade porque eran elas as que educaban os fillos. Pero ela actúa con toda a crueldade para salvar, tamén, a súa propia imaxe, a aparencia, o status social que lle corresponde como viúva de heroe de guerra. E Concha é unha muller dura, rebelde, forte, que acaba non só rebelándose contra xefes franquistas, senón tamén extorsionando xente… Non é perfecta, é unha persoa coma calquera, con comportamentos cuestionábeis desde o punto de vista ético.

Se na primeira parte da novela se nos presenta unha sociedade que silencia o abuso sexual, despois chegamos a un tempo no que, malia os cambios, se perpetúan as mentiras, corrupción. Neste sentido, o teu libro é un dos que están a cuestionar, como diciamos antes, os mitos do cambio que veu coa fin da ditadura…

Todos lembramos escándalos daquela época como o Matesa. O grao de corrupción era moi elevado, claro. E nese marco é cando se empeza a falar do que só despois da morte de Diana de Gales coñecemos como paparazzi. Fotógrafos que traballaban para a prensa rosa, para revistas como Garbo. Sacaban á luz a corrupción dunhas elites sociais que finxían ser o que non eran. Outra cousa que me interesou, nesta novela, é o tema da música. Un dos capítulos móvese arredor dunha canción de Fausto, por exemplo. Tamén está a poesía: A xustiza pola man de Rosalía por exemplo. Porque entendo a novela como fusión de distintas artes, e interésame moito o intercambio entre música e literatura. Se antes se fixo coa poesía, por que non coa narrativa?

Ao final non sabemos se Concha chega ou non a ser feliz, ou se se atreve a tentar selo. Querías que quen le o decidise?

A interpretación do lector é fundamental na literatura. Concha mantivera sempre o contacto con Carlos, que era un amor de xuventude marcado polo que a ela lle pasara…

Xa que dirixes un instituto, como están a afectar os recortes en Educación?

Pois aféctannos desde o máis básico. Andamos moi axustados de orzamento. Os gastos máis importantes son de cousas básicas como luz, calefacción, papel… e agora hai moi pouco diñeiro para todo. Ademais agora están a volver á pública nenos que estudaban na privada, ou xente que traballaba. Como non hai traballo, aumenta a matrícula en nocturno… É normal, e é difícil con tantos recortes.

E o tema do galego? Que ocorre na práctica?

O que si se nota é que agora os profesores teñen moita máis formación. Por iso, se houbese apoio, a galeguización sería maior. Con máis apoio legal poderíase avanzar moito, sen que pasase, desde logo, nada traumático.

Montse Dopico

Comentarios pechados