Menu Xerais

Manuel Portas, entrevista en “Xornal de Galicia”

Manuel Portas é entrevistado en Xornal de Galicia por Iago Fandiño con motivo da presentación da súa segunda novela, Un dedo manchado de tinta.

A relación de Manuel Portas (Barcelona, 1960) co galego vén de lonxe. Á parte de dedicarse ao ensino de lingua e literatura no instituto Xelmírez I de Compostela no mundo do idioma, desempeñou postos na dirección da Associaçom Galega da Língua. Agora, o que foi concelleiro en Santiago adéntrase de cheo no mundo da literatura coa súa segunda novela, Un dedo manchado de tinta, editada por Xerais, que onte á tarde presentou na Feira do Libro da Coruña.

A cultura e a lingua galegas son as “manchas de tinta” que a Xunta quere borrar?

Iso parece. Esperemos que non o consiga, pero é algo que está pretendendo ao considerar a cultura como algo residual, anecdótico e do que se pode prescindir.

Cal é o motivo que explica que a causalidade sexa o centro dos seus relatos?

Defendo a existencia da causalidade, do que resulta fortuíto, onde os seres humanos interactúan e se coñecen por designios nada aplicables á razón. Creo que é necesario darlle autenticidade a esa conexión inexplicable que se produce na sociedade porque sería tremendo que todos fósemos programables desde o punto de vista da nosa propia existencia.

Existe algunha razón para que as figuras anónimas protagonicen as súas obras?

A razón dáse porque pertencen ao común dos mortais. Hai que buscar o extraordinario do cotián, porque é aí onde está a riqueza e a grandeza da humanidade. Non temos que escribir sobre Superman para facer atractivo un personaxe literario.

No seu libro hai un relato acerca dunha situación dramática entre unha nai, o seu marido violador e a súa filla. É unha posible metáfora da situación do galego?

Si, ambas son situacións moi dramáticas. Descoñezo no mundo un goberno que desprece ao seu idioma como acontece no contexto galego. Non se dá, que eu coñeza, noutras latitudes, como as colonias africanas que, durante moito tempo, rexeitaron os seus propios idiomas pero que se decataron que era necesario mantelos e protexelos. Nin en contextos deste tipo se dá unha situación parecida como á que vive este país.

Tamén toca o tema do cárcere. A sociedade vive con indiferenza este tema?

Si, a sociedade crea membros que se moven fóra da lei pero acaban abocados a seren recluidos en vez de considerar as alternativas da rexeneración e da recuperación para o mundo. A privación da liberdade está a provocar a creación de submundos.

Inspirouse nalgunha historia da realidade para algún dos seus relatos?

Un escritor bebe sempre da realidade que observa. O que se pretende en todas estas historias é facelas cribles. Todos os relatos poden ser verosímiles e poden parecerse á realidade.

O libro sae cun disco de regalo. A que se debe estar mestura de artes?

A arte como tal non ten límites nin barreiras, xa que viviron en constante interacción. A música, por exemplo, non deixa de ser a poesía convertida en canto. A nosa propia lírica medieval é unha demostración desa mestura de arte que vén de vello, da antigüidade. A poesía e a música estiveron de sempre en relación e é necesario explorar novas maneiras de expresión artística. Neste caso, o proceso creativo foi grazas ao labor da arpista Clara Pino que, coñecendo o orixinal, leun­o e foi capaz de extraer poesía, musicala e facer do produto unha expresión artística diferente. Non é un complemento senón que é un produto artístico diferenciado a partir da propia historia. Creo que as artes teñen que ir todas da man para intentar dar, non unha visión artística global, senón unha proposta estética completa e o máis redonda posible.

No seu libro tócase o tema da emigración actual que se vive no país. Hai racismo entre os galegos?

Non o hai porque o fenómeno da inmigración segue a ser moi reducido. Somos galegos, e por iso mesmos somos cidadáns do mundo e o mundo non nos pertence a nós senón que lle pertence a humanidade. Pode parecer contraditorio coa postura dun nacionalista coma min, pero a defensa da nosa identidade está ligada coa nosa universalización e cos nosos brazos abertos a que persoas doutras latitudes poidan vivir connosco.

Cal cre que é, para vostede, o futuro do libro?

O futuro do libro está no risco e na valentía que os axentes do sector teñan para encarar a chegada dos novos soportes, que teñen potencialidade tremenda en comparación co libro en papel. Adaptarse canto antes é fundamental para a propia supervivencia da actividade literaria. Non hai que ser apocalíptico, os diferentes soportes convivirán durante un tempo. Isto pode ser un grande oportunidade para unha cultura como a nosa que ten que chocar de fronte cos mercados e que, cos novos soportes vivirá a posibilidade da internacionalización cunha política de verdade, por parte das institucións , que consiga que a cultura galega se internacionalice a través do seu propio idioma. E aí está o mundo galego-portugués esperándonos.

Comentarios pechados