Menu Xerais

Manuel Rivas bota man da súa infancia na novela «As voces baixas»

El Progreso de Lugo publica unha información de Europa Press sobre o último libro de Manuel Rivas, As voces baixas. (Foto de Cabalar)

 

Manuel Rivas bota man da súa infancia na súa nova novela, «As voces baixas»

O autor presentou onte na Coruña a súa obra, na que mestura medo e ironía e sitúa a súa irmá como fío condutor da historia

 

A CORUÑA. O escritor e xornalista Manuel Rivas presentou onte na Coruña a súa última obra, ‘As voces baixas’ (Xerais), unha novela con tinguiduras autobiográficas que mestura as memorias persoais do autor coa memoria colectiva e que resulta ser unha biografía a través doutros, segundo espuxo. O tempo no que sucede é un presente recordado, sinalou en rolda de prensa o escritor coruñés, quen explicou que quen fala na novela son os murmurios das voces baixas. Unhas voces que o autor describe como aqueles que non queren dominar na sociedade, pero que realmente resultan máis interesantes.

Así, ‘As voces baixas’ é un libro que fala dun tempo pasado e ten como fío condutor a irmá de Manuel Rivas, María, quen coprotagoniza moitas das vivencias que recorda o autor. É o caso do primeiro medo que viven os dous irmáns, provocado por uns cabezudos que resultan ser figuras dos Reis Católicos, segundo relatou o xornalista.

A obra, cuxo ton está marcado pola mestura de medo e ironía, poderíase definir, segundo resumiu Rivas, como unha parte da biografía dun pero non é totalizadora, resaltou. E un encontro entre o eu e o nós, comentou o escritor, quen sinalou que ‘As voces baixas’ axuda a descubrir a vida ante outros.

Ademais, o xornalista galego chanceou sobre quen escribiu a novela. Non sei se foi o neno que vive os espertares ou o case vello que son, comentou antes de indicar que é coma se unha terceira persoa fose quen escribise isto.

Segundo adiantou Rivas, ao longo do libro quedan reflectidas vivencias de cando el era neno, que trasladan ao lector á cidade herculina. Así, Rivas recordou os momentos da misa nos que o cura contaba episodios cinematográficos da Biblia, apuntou.

 

PRIMEIRO E ÚLTIMO LIBRO

Teño a sensación como de presentar o meu primeiro e último libro, sinalou Manuel Rivas ao inicio da rolda de prensa, na que tamén destacou que a crise económica non pode coa imaxinación, senón que a activa.

Por último, sobre o papel que xoga a literatura, Rivas subliñou que o que procura é o rescate do recordo, sentenciou antes de precisar que nese rescate a vida aparece con certa imaxinación.

Quen son as voces baixas?, son as criaturas, os nenos e as nenas, as mulleres que falan soas, os animais, os mortos…, explicou o propio Rivas na presentación de onte á tarde na Coruña.

Comentarios pechados