Menu Xerais

Manuel Rivas, María Lado, Antón Cortizas, Antonio G. Teijeiro, Antonio Reigosa e Xosé Cobas, premiados na Gala do Libro Galego por libros publicados por Xerais

Manuel Rivas na categoría de Narrativa, pola súa novela O último día de TerranovaMaría Lado na categoría de Poesía polo seu libro Oso, mamá, si?Antón Cortizas na categoría de Teatro, pola súa obra Xogando con gatos; e Antonio García Teijeiro, Antonio Reigosa e Xosé Cobas na categoría de Iniciativa Bibliográfica, pola obra Lendo lendas, digo versos; foron os autores e autoras premiados por libros publicados por Xerais no transcurso da Gala do Libro Galego, celebrada o pasado sábado en Santiago de Compostela, que foi presentada polo escritor Camilo Franco e amenizada polo grupo musica Áureas. De O último día de Terranova, o xurado destacou «a súa complexa arquitectura, esixente, que recoñece o labor de libreiras e libreiros a través dun percorrido emocionante»; de Oso, mamá, si, o xurado destacou «a unidade do poemario, vinculado á construción dun relato que une a tenrura ás condicións máis escuras do ser humano, transitando por un campo emocional moi diverso»; de Xogando con gatos, o xurado fixo finacapé en que se «sobrancea o dominio dunha escrita coidada e dirixida ao público infantil dentro do xénero dramatúrxico»; e de Lendo lendas, digo versos o xurado valorou «o excepcional traballo de conciliación da literatura oral coa escrita, harmoniosamente acompañado polo labor de ilustración».

 

Ademais, concedéronse os premios honoríficos á Libraría Pedreira, de Santiago de Compostela, por parte da Federación de Librerías de Galicia; á editorial Laiovento por parte da Asociación de Galega de Editores; e o galardón Escritor Galego Universal ao autor catalán Pere Gimferrer, por parte da Asociación Galega de Editores. Nas outras categorías, os galardoados foron a asociación Espazo Lectura, na categoría de Iniciativa Cultural ou Fomento da Lectura, asociación da que Xerais é socia-protectora; o libro Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, de VVAA., na categoría de Ensaio; a Mocidad, de Joseph Conrad, traducido por Alejandro Tobar, na categoría de Tradución; a O meu pesadelo favorito, de María Solar, na categoría de Literatura Infantil e Xuvenil; a Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, ilustrado por Xosé Cobas, na categoría de Libro Ilustrado; e ao xornal Sermos Galiza, na categoría de Xornalismo Cultural.

 

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou no seu blog Brétamas unha anotación sobre os Premios Gala do Libro Galego, que reproducimos:

 

Primeira Gala do Libro

Saímos felices da primeira Gala do Libro celebrada no serán de onte en Compostela. A iniciativa, compartida pola AGE, AELG e a Federación de Librarías de Galicia, coa intención de recoñecer a excelencia dos traballos realizados cada ano no sector da lectura e da creación literaria, abre unha nova etapa para o futuro deste sector estratéxico da cultura galega. No marco das incertezas que supón o actual proceso de hibridación da comunicación literaria e a ausencia en Galicia de políticas públicas de lectura, o discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias, en representación das tres asociacións convocantes, expresou un estado de ánimo esperanzoso e proactivo, propio de quen non acepta resignado as actuais políticas conformistas.

A homenaxe ao sabio catálán Pere Gimferrer, como escritor galego universal; o recoñecemento das traxectorias de Laiovento e da Libraría Pedreira; os premios a Sermos GalizaEspazo Lectura e a Poética, a iniciativa de creación hipertextual de Fran Alonso foron do meu maior agrado. Como tampouco podo queixarme dos premios que corresponderon a Xerais en Narrativa, Poesía, Teatro á Mellor iniciativa bibliográfica que achegan azos e doses de autoestima ao traballo do noso cadro.

Comentarios pechados