Menu Xerais

Manuel Rivas: «Non hai nada comparable a un conto que che contan de neno para durmir». Entrevista de Ángeles F. Maira

 El Progreso publica unha entrevista de Ángeles F. Maira con Manuel Rivas.

 

MANUEL RIVAS / ESCRITOR

«Métome en moitas cousas… porque me atopo con elas»

23/06/2012 – Ángeles F. Maira / El Progreso (Lugo)

É xornalista, escritor, poeta e ensaísta, pero, sobre todo, Manuel Rivas é un activista social, comprometido coas causas da lingua, a cultura e a ecoloxía desde unha concepción política de esquerdas. Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña e membro numerario da Real Academia da Lingua, conta con importantes distincións, aínda que a súa calidade humana é o rasgo máis salientable deste escritor, cuxos libros revolucionaron a literatura galega.

Pódese dicir que vostede é unha ‘rara avis’: a pesares de escribir nunha lingua considerada pouco comercial, como o galego, os seus libros gañan cada vez máis adeptos dentro e fóra de Europa. ¿ A qué atribúe este fenómeno?

Por sorte, a literatura ten os seus propios camiños; ben é certo que funciona moito a opción política e dentro da cultura existen unhas relacións de poder. O que pasa é que tamén a literatura ten unha estratexia de supervivencia e nos lugares onde semella máis difícil cruzar, fai moito contrabando pola súa conta. Digo isto pensando en ‘O lapis do carpinteiro’, que xa chega ás 30 linguas -o outro día comunicáronme que o ían traducir ao coreano-. Penso que isto se debe, en gran parte, a que unha obra, nun momento determinado, é coma un foguete espacial que todo o mundo ve, como pasa cos ‘best seller’, aínda que iste non é o caso. En Galicia estamos nunha especia de recanto e existen outros camiños campo a través, onde hai xente que se atopa con obras como a citada ou ‘A lingua das bolboretas’. E podemos pensar que esto, raro e excepcional, se pode dar máis.

¿Como se pode ser activista en tantas frontes?

Eu non me vexo con compartimentos estancos, senón que é un camiño que se vai facendo a cada intre. A cuestión é seguir vivindo, estar vivo e soñar cara adiante, non é ser un moble máis neste século. É algo que un fai por unha especie de estraña obriga, sen programarse. Moitas das cousas nas que un se vai metendo é porque se atopa con elas. A miña propia experiencia é semellante ao andar do vagabundo de Charlot, que leva un sentido no seu andar, pero non sabe moi ben cal é. A orientación vai sendo a idea da felicidade, que só vas rozando, e no medio existen moitas pozas. Eu de neno sempre me metía nas pozas. Gustábame moito, ¡e sigo meténdome…!

A súa faceta poética, a menos coñecida como escritor, ¿que lugar ocupa na súa vida?

Realmente, foi a primeira biograficamente, no sentido de que foi a miña primeira idea, o primeiro que me saiu cando empecei cunha caligrafía voluntaria, e polo menos eu chamáballe poesía. Ás veces, a forma na que se nos transmitiu a poesía no mundo mediático e no educativo é moi reductivo, porque unha cousa que poucas veces se reflicte é a enorme cantidade de información que hai na poesía sobre a condición humana, como dicía Luis Pimentel: «A poesía é o grande milagre da vida».

Tamén foi un xornalista precoz, ¿que o levou a ese mundo?

Foi coma ese golpe de mar que no canto de amolarte lévate a bo porto. Nesa idea de ser escritor, o camiño de ser xornalista parecíame práctico. Pregunteille a un coñecido que comezara a traballar no Ideal e díxome que fora por alí. E así o fixen. Unha secretaria púxome en contacto co director e iste díxome que si. Así, con 15 anos, empecei facendo de recadeiro, o que me mandaban, e acabei cunha máquina de escribir e fumando -parecíame que con saber escribir a máquina sen mirar e fumar xa era xornalista- e facendo de todo, ¡ata o horóscopo! Iso permitiume ir a Madrid, escribindo crónicas. Era unha época moi boa, o outono do 74, a situación política, cultural, social, etc. era moi propicia para escribir. Eu tiña unha sección que se chamaba ‘Estación del norte’, estilo Charlot [ri].

¿Por que optou por traballar como ‘freelance’?

Gran parte do tempo fun ‘freelance’. Vivín épocas bastante intensas, pero cando viñen de Madrid, con 18 anos, metinme en Teima, que foi o primeiro semanario en lingua galega. Durou un ano, pero, dadas as condicións, paréceme un milagre: tiña una difusión de 15.000 exemplares. Foi moi avanzado para o seu tempo, en tódolos sentidos. Tamén era unha época especialmente veloz (76-77). A mágoa foi que non había publicidade. Era unha revista progresista e naquela época eramos o demo…

Tamén fundou Radio As Mariñas.

Iso de meterse nas pozas… tamén foi clausurada. A inspiración veu de Cataluña, dun congreso de xornalistas no que se falou das emisoras libres que se estaban a montar non concellos. No de Oleiros animáronse, pero de súpeto apareceron 24 jeeps, porque vían algo perigoso na radio…

Entre outras iniciativas, dirixiu a revista Luzes de Galiza.

Faciamola coma traballo voluntario e respostaba a esa condición de espazo de encontro que nos permitía xuntarmonos persoas moi inquedas e compartir información. Alí estaban os primeiros poemas que se publicaban en España de John Berger. Cousas moi insólitas…

Falemos de súa faceta literaria.

O sentido de camiñar pola vida e o mesmo que o de camiñar pola literatura. Realmente, escribes cando eres capaz de que todo se mova por unha enerxía alternativa que é o desexo. En varios libros que escribín hai un treito da viaxe, do noso país, que é tráxica, pero que se segues adiante é porque o que en termos freudianos se chama ‘ethos’ (desexo) ten moita máis forza que o ‘tanathos’ (morte). Eu penso que a literatura e cada vez máis necesaria, tanto para quen escribe coma para quen le, porque o lector cando abre o libro xa o fai seu. Pódense esquecer moitas cousas, pero nunca o agasaio dun conto que impacta. Non hai nada comparable a un conto que che contan de neno para durmir ou que escoitaches un día, cando aínda estaban os vellos arredor do lume.

De preto

Orixes

Manuel Rivas naceu na Coruña, no 1957. Casou con María Isabel López Mariño e ten dous fillos, un deles é o actor Martiño Rivas.

Traxectoria

Escritor vocacional, namorouse do oficio escoitando aos narradores orais, aínda que chegou a el pola vía do xornalismo, licenciándose en Ciencias da Información en Madrid. Dirixiu o Diario de Galicia e colaborou con diversos medios de comunicación galegos e españoles, entre eles El País.

Como xornalista, mantén un compromiso constante cos problemas sociais e ecolóxicos. Foi socio fundador de Greenpeace España e portavoz do movemento Nunca Máis, xurdido trala catástrofe do ‘Prestige’.

Literatura e cine

Algunhas das súas obras foron adaptadas ao cine con éxito. ‘O lapis do carpinteiro’ estivo dirixida por Antón Reixa e ‘A lingua das bolboretas’ (baseada en ‘Que me queres amor?’), por José Luis Cuerda, o mesmo que prepara a adaptación do seu último libro, ‘Todo é silencio’.

«En outubro estrearei outro filme con cuerda»

¿Pensa que os libros seguen ardendo mal?

Penso que é un momento tamén de crise, porque hai unha crise de tipo económico, pero en certa maneira tamén de futuro existencial respecto do libro. A min paréceme un erro plantexar a cuestión como un dilema entre o avance tecnolóxico e o papel. O libro de papel é moi moderno e o libro electrónico, pois tamén está ben. Temos que poñer máis atención no contido e pensar que o libro pode convivir de moitos xeitos, como ocorreu coa prensa cando apareceron a radio e a televisión, que son complementarios.

¿En que proxectos está a traballar?

Estou rematando un libro de memorias de infancia e mocidade que sairá despois do verán. É unha desculpa para contar as vidas de xente que coñecín, diso que chaman algúns historiadores as voces baixas, dese mundo extraordinario da xente común. Apetecíame porque, quen o lea pode pensar incluso que é ficción, pero é a parte da realidade que a min máis se me gravou. Seguramente titularase ‘Story board’, co subtítulo de ‘Murmurios de infancia e mocidade’.

¿Como ve as súas historias levadas ao cine?

En outubro vaise estrear ‘Todo é silencio’, dirixida por José Luis Cuerda, sobre a última novela que escribín, e fixen eu o guión. Creo que é unha película feita tal como a sinto. Tras vela rematada penso que é moi boa. Con José Luis Cuerda teño moi boa experiencia. Este traballo fíxoo cunha intensidade igual ca que puxo en ‘A lingua das bolboretas’.

Non figurará Martiño no elenco de actores…

Martiño anda noutros proxectos. O derroteiro que tomou paréceme fantástico. Martiño cada vez faino mellor, vino hai pouco no teatro e agora grava unha serie. A miña filla tamén voa libre, facendo cousas de arte por América. Fan o que queren facer e nós deixámolos voar o máis ceibes posible.

Comentarios pechados