Menu Xerais

Manuel Veiga: «A literatura nace das dúbidas: escribo a medida que vou aprendendo; o mesmo proceso que propoño ao lector»

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre presentación en Vigo da novela Todo ser humano é un río, de Manuel Veiga Taboada.

 

«Todo ser humano é un río» de Manuel Veiga»

Presentamos no serán de onte na libraría Librouro de Vigo Todo ser humano é un río, a nova novela de Manuel Veiga. Presentou a obra o poeta Antonio García Teijeiro que a culificou de “novela río, da memoria, que mestura xéneros e rexistros sintácticos diferentes cunha brillantez enorme, unha verdadeira obra de arte”. Comezou Teijeiro o seu discurso referíndose á novela “como un xénero que ampliou horizontes, un xénero en movemento capaz de rachar muros e procurar intertextualidades, o que leva a resultados fascinantes como a novela que presentamos de Manuel Veiga, un autor que sempre creu na novela literaria”. Debullou a seguir o presentador as tres partes dunha novela “que funciona como un conxunto arredor da memoria, do paso do tempo e do seu devalar”. “Na primeira a protagonista é a montaña, os seus segredos e as súas xentes, mesturados con referencias históricas, literarias e artísticas coa intención de afondar na Galicia interior”. Na segunda, “refírese á familia do escritor, con especial relevancia para a nai, nun relato cálido, non exento de humor, ameno, anécdotas que dan sentido ao texto, case unha literatura oral que fascina, onde Monforte conforma un espazo físico e emocional”. “Nesta segunda parte atopamos poesía e xogo filosófico, toda a maxia e a solidez da escritura de Veiga.” “Na terceira, o autor ofrece a biografía do Pazo de Muíños de Antero e dos seus habitantes de varias xeracións”.

Comezou Manuel Veiga expresando a súa gratitude a Xerais por acompañalo dende hai anos “nun proxeco literario que sei é un pouco raro”. Referiuse despois á importancia da ficción, “que non é simplemente unha representación da vida, non é un retrato é un engadido, froito da observación do artista dende un punto de vista propio”. Relatou Veiga como naceu a primeira parte do libro, os dous primeiros capítulos, “cando me arrastraton a un monte mítico, o Penagache, onde acabei descubrindo todo un mundo”. “A literatura nace das dúbidas, cóidome de non saber todo de nada, vou escribindo a medida que vou aprendendo, o mesmo proceso que propoño ao lector”.”En certa medida este é un libro de viaxes. Se ampliamos o concepto, toda a literatura é unha viaxe capaz de mudar a nosa percepción da vida, razón pola que é unha editorial sería tamén unha axencida de viaxes”. “No Penagache descubrimos moitas histoiras interesantes como a dos contrabandistas”.

Manuel Bragado

Deixa un comentario!