Menu Xerais

Manuel Veiga: «A miña novela é case un balance dos trinta anos de democracia». Entrevista de Jorge Lamas

La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Jorge Lamas a Manuel Veiga sobre a súa nova novela Os xornalistas utópicos.

 

 

«Resultou case un balance dos trinta anos de democracia»

O escritor vén de publicar «Os xornalistas utópicos», un traballo que cualifica de chegada á madurez literaria

Despois do seu ensaio Do G ao Z. Dicionario indignado e humorístico, o escritor e xornalista Manuel Veiga regresa á narrativa con Os xornalistas utópicos (Edicións Xerais)

-¿Que é Os xornalistas utópicos?

-É un libro que comeza en 1977 coas primeiras elección democráticas e acaba no 2007-08, a pé da crise. Conta con escenarios diferentes, dende o Madrid da Transición, pasando por Vigo, Monforte, San Francisco e Porto. O libro está escrito nun estilo directo, ás veces chega a ter un ton case de conversa. Aínda que non estaba previsto cando empecei a escribilo, resultou case un balance dos trinta anos de democracia.

-¿Ten moito de vivido?

-Si, tamén se podería dicir que o libro é unha especie de autobiografía ficcionada. Hai partes realistas e outras ficcionadas, pero ten un punto importante de autobiografía. Quere dicir que o libro, aínda que está tratado dende eses trinta anos de democracia, está feito dende un punto de vista moi persoal. Por exemplo, a Transición está vista dende os ollos dun estudante, que máis que estar pensando na Constitución está nas manifestacións. Todo o libro está impregnado dun punto de vista moi persoal, como debe ser a literatura.

-¿Como entende vostede a literatura?

-Eu non son unha persoa que planifique os libros; non sei cando empezo nin como vai acabar o libro. Entendo a literatura dunha maneira bastante libre; aínda que fale de cousas moi reais e dunha maneira moi directa, en realidade, todo vai un pouco por onde o leve a imaxinación. Creo que a literatura debe ter bastante de espontánea.

-¿Por iso acode á variedade de estilos e xéneros?

-Responde ao que me vai pedindo o tema. Basicamente hai na novela tres estilos, un de dietario ou diario, outro que poderiamos chamar de documental coma se fosen entrevistas cunha cámara a diferentes personaxes, e o estilo máis autobiográfico.

-Vostede é unha persoa cun gran sentido do humor. ¿Aparece no libro?

-A ironía cruza todo o libro, está moi presente dende o principio. Tamén cruza os diferentes estilos.

-¿Hai unha mirada cara ao xornalismo destes anos?

-Por suposto, eu traballei como xornalista eses 30 anos, primeiro como estudante de xornalismo e despois profesionalmente. É outra das liñas que impregnan todo o libro. Hai unha mirada á profesión e á realidade dende o que é o traballo dun xornalista, pero non das grandes redaccións, máis ben é una mirada lateral, case dende a marxinalidade da profesión.

-¿Como sae parada a profesión?

-Tampouco é unha reflexión sobre o xornalismo, é unha mirada dende o xornalismo pero non sobre o xornalismo. Nun momento do libro, un personaxe di que o xornalismo parécese máis a literatura porque ten moito de ficción. As noticias, por exemplo, fanse acontecementos cunha escena, uns personaxes e uns argumentos. Incluso, os debates da televisión, que poderían parecer feroces, están guionizados, con partes altas e baixas. Fálase no libro dun xornalismo moi próximo á literatura de ficción.

-¿O Vigo do que fala é parecido ao da novela Lois e Helena buscándose un día de tormenta?

-Non, é moi diferente. Este libro é moi distinto aos anteriores. Creo que sinala tamén un punto de madurez dentro da miña propia traxectoria. Penso que houbo un cambio.

Jorge Lamas

Deixa un comentario!