Menu Xerais

Marcos Calveiro: «A literatura infantil e xuvenil é o primeiro elo na formación lectora». Entrevista de Ramón Nicolás en Que Leer

Ramón Nicolás publicou na revista nº 173 unha entrevista con Marcos Calveiro. No seu blog, Caderno da Crítica, ofrécea traducida ao galego.

Marcos Calveiro: «Os personaxes mandan»

Poeta, biógrafo, responsables de novelas de fondo histórico para adultos e destacado autor da literatura xuvenil galega fálanos dos seus proxectos e das súas  últimas obras.

Marcos Calveiro (Vilagarcía de Arousa, 1968) exerce a avogacía na cidade de Vigo, onde vive, compaxinando este labor coa literatura. En narrativa para adultos destacan as súas novelas Festina lente e Settecento e no ámbito da literatura xuvenil colleitou numerosos éxitos en forma de galardóns literarios e unha indiscutible aceptación entre o lectorado. Neste último xénero destacan, entre outros, O carteiro de Bagdad, O pintor do sombreiro de malvas ou, o máis recente, Centauros do deserto (Rodeira/Edebé), co que conseguiu o premio Raíña Lupa.

Realizou unha orixinal biografía de Lois Pereiro este ano pasado. Que supuxo para vostede este traballo?
Era a primeira vez que aceptaba un encargo e ademais dunha obra de non ficción. Foi o maior reto ao que me enfrontei como escritor, o de maior responsabilidade e tamén o que máis me cambiou, sobre todo como persoa. E iso que ao final, desesperado pola miña propia incapacidade, fixen algo de trampa e a obra saíu con moita ficción.

O seu O pintor do sombreiro de malvas, co que conseguiu numerosos premios, segue reeditándose. Cal cre que foi clave do seu éxito?
Supoño que a emoción. Unha historia emotiva e emocionante polo que me comentan os lectores. Unha historia  na que tiven un guía extraordinario que nunca volverei ter: o propio Van Gogh coas súas palabras e os seus cadros. Gran parte do éxito débolla a el, á súa sensibilidade como artista e como persoa.

Centauros do norte foi a súa última publicación. Que pesa máis nela: a revisión histórica, o cinema, a acción?
O pasado, a miña propia memoria de infancia: a dun neno que quedaba pasmado diante do televisor vendo un western tras outro. O Sétimo de Cabalaría,  Xerónimo, o xeneral Custer, o derradeiro mohicano, Shane, o Mississipi, as dilixencias, Grupo Salvaxe, a febre do ouro, Liberty Valance…

Reclamou con frecuencia a relevancia da literatura infantil e xuvenil galega, por que?
As cifras e os datos, ás veces fríos, avalan neste caso a miña reclamación: a LIX é o máis traducido, exitoso,  e premiado da literatura galega, pero aínda non se lle dá a importancia que debería ter. Só hai que ver a repercusión nos medios de calquera premio ou publicación de LIX para decatarse da súa escasa relevancia social en moitos casos. Cando publiquei a miña primeira novela para público adulto houbo moitos que descubriron que era escritor, cando xa levaba varias obras de LIX publicadas e premiadas.
A LIX é o primeiro elo na formación lectora, sen ela non habería futuro, os lectores, como os dinosauros, extinguiríanse.

Algún proxecto narrativo?
Estou a traballar, tras case un ano en branco no que non parei de viaxar por centros escolares. Trátase dunha novela de adultos en principio e aínda teño para moitos meses de traballo por diante. Non sei, é unha historia que se me meteu dentro e ata que consiga  botala fóra non poderei porme con outros proxectos de LIX que tiña máis inmediatos. Son da opinión de que son as historias ou os personaxes os que o escollen a un e non ao contrario. Eles mandan e eu obedezo.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!