Menu Xerais

Marcos Calveiro: «Lin unha noticia sobre as mulleres suahilis que tiñan que buscar o gran para comer nos formigueiros. De aí naceu ‘Palabras de auga’»

Dioivo publica unha entrevista do xornalista Alberto Ramos a Marcos Calveiro, gañador do Premio Merlín 2012 con Palabras de auga.

 

 

«Amancio Ortega non é exemplo ético de nada. Quen teña cartos que faga algo polo país!’»

“É o premio de referencia da literatura infantil e xuvenil en Galicia”. Así define  o escritor Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968) a satisfacción por gañar o premio Merlín, que acadou nesta edición con Palabras de auga,obra que narra a aventura iniciática de Amadou, un rapaz suahili que pertence a un clan de nómades. Dioivo publica unha extensa entrevista co escritor, na que se fala do seu libro, da crise e da literatura infantil e xuvenil.

Que sente un ao gañar o premio Merlín ao mesmo tempo que o rescatan?

[Risos] Ese día o rescate non me preocupou moito. Logo vin no twitter que, ao tempo que recollía eu o premio, estaba Luis de Windows comparecendo… O premio emocionoume moito porque os outros foron, case todos, gañados fóra da casa. E neste estaba rodeado de todo o mundo, de moitos amigos.

Moi comentados foron os seus pantalóns amarelos. Pereiro dicía no twitter que Calveiro falara moi ben, pero que os pantalóns eran horribles…

[Risos] Levo anos levando pantalóns rechamantes. Visto sempre de negro, pero chega o verán e hai que alegrarse a vida. É un pouco unha broma cos pantalóns que levamos facendo dende hai anos na festa de Xerais.

ntemos un pouco de que trata estas Palabras de auga.

Realmente, como O Carteiro de Bagdad, a novela nace dunha nova de xornal. Xorde dun elemento tan vilipendiado agora mesmo coma é o xornalismo. De aí nacen moitas das miñas novelas. Hai dous ou tres anos lin unhas noticias das mulleres suahilis que tiñan que buscar nos formigueiros o gran para conseguir algo que comer Con ese gran facían un pouco de comida para os seus fillos. Pareceume unha imaxe moi potente do tempo no que vivimos. Recortei a noticia do xornal e tiven esa imaxe dándome voltas na cabeza até que decidín un día e poñerme coa novela.

Voulle facer unha pregunta tan típica como reiterada. A literatura infantil e xuvenil segue a ter unha inxusta consideración dentro do canon literario?

 Pese a figuras como Agustín Fernández Paz ou Xabier P.DoCampo, segue a ter unha consideración menor. E iso que no caso de Agustín… Agustín xa é unha figura que se sae do molde da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), xa é un exemplo ético e reivindicativo. Eu lémbrome que cando publicara Festina Lente, alguén me dixera: “Vaia, es escritor!” E xa levaba catro ou cinco novelas escritas! É dicir, a xente segue a ver a LIX coma unha literatura de segunda división. Para min é o contrario. A mellor literatura que se fai en Galicia agora mesmo é a LIX. Hai libros extraordinarios, con moitísimo máis nivel que moita da literatura para adultos. Supoño que ten moito que ver con que os medios poñen moito máis o foco na literatura de adultos. Pero realmente a LIX é a que está a formar lectores, a que máis vende e a que máis traducións ten no mundo adiante. En fin, a min tanto me ten. Eu non escribo un libro pensando se vai ir a unha colección infantil, adolescente ou de adultos.

O trato entre o lector e o escritor neste caso é máis directo e máis enriquecedor, non? O ano pasado percorreu unha morea de centros para falarlles aos rapaces de Lois Pereiro…

Levo cinco anos percorrendo colexios e este ano foi a primeira vez que fun fóra de Galicia. Realmente non hai mellor lector ca un adolescente. Son moitísimo mellores lectores cós adultos. Todo ese mito de que os nenos non len… Realmente é mentira. Len moito máis. Nin punto de comparación! Segundo as estatísticas, o 60% dos adultos din que non colleron un libro en todo o ano pasado. Por outro lado, non hai un 60% de nenos que non colleran un libro o ano pasado.

Con eses datos podemos dicir que non somos un país moi lector…

Tampouco somos un país musical. É unha cuestión cultural que vén de lonxe. En todos os países centroeuropeos non hai unha casa que non teña un violín ou un piano. Aquí non. Son moitos os factores. É unha cultura que vivimos dun xeito diferente e, por outra banda, pasamos un páramo de corenta anos de franquismo. Iso influíu. A situación cultural en Galicia antes de 1936 resultaba abraiante. Estábase a construír un sistema educativo que era pioneiro no mundo e en calquera vila de Galicia había un café teatro, un ateneo libertario, unha tertulia literaria, mesmo un xornal! Todo iso desapareceu. Vimos de onde vimos… E somos o país que somos.

Somos un país?

Este ou o do lado, España?

Deixemos o do lado, falemos deste…

Somos un impaís ás veces… É que as cousas están moi fastidiadas. Estamos nunha situación de laissez faire. A min sorpréndeme que non esteamos a queimar sucursais bancarias. A xente está tranquila. Imaxino que ten outras prioridades: pagar a hipoteca, as letras do coche… e non se preocupa doutras cuestións que son realmente importantes a longo prazo. Vivimos un desmantelamento da educación e da sanidade… E eses son os piares de calquera sociedade. Pero vaia… Se España gaña a Eurocopa, todo será unha festa e ninguén se lembrará disto. É unha boa anestesia, sorpréndeme a tranquilidade da xente. Agustín [Fernández Paz] é dos que pensa que hai algo polo baixo que está callando. Eu, polo momento…

Non o ve…

Non, non o vexo en ningures. Son malos tempos para todas as sociedades. O progreso nalgún aspecto resulta moi malo. Tampouco quedan intelectuais que abran os ollos. O intelectual que opinaba e que tiña unha tribuna nos xornais? Iso desapareceu. E se o intelectual ten que ser Pérez Reverte ou Juan Manuel de Prada… Pois vaia! Onde está Camus? Onde Sartre? Non hai un exemplo, un modelo ético. O modelo ético agora, para a sociedade, é un deportista. Pois vale! Eu admiro bastante máis un bolseiro que está cobrando 800 euros na Universidade de Santiago ca un deportista.

Non quedan xa moitos bolseiros na USC…

Algún queda. Pero se ves a lista do Nobel nas ciencias, non ves a ningún investigador de España…

É que din que en España sobran investigadores, home.

Si, bueno, vale. O que sobran son deportistas, deportistas que leven reloxos de 300.000 euros. Como diaños pode levar alguén un reloxo que custa 50 millóns das antigas pesetas? É unha inmoralidade. Ese é o modelo que temos. Os rapaces queren ser Nadal ou Iniesta… Pois moi ben!

Está vostede indignado.

Estou cabreado. Acaba de morrer Pahiño, que era un modelo de deportista que está nas antípodas dos Nadales. Comprometido, lector, que tivo problemas polas súas ideas… Os deportistas de agora van ao seu. Moita campaña solidaria de ONG, pero pouco máis. Non vin a ningún Nadal ou un Gasol opinando sobre o que está a pasar en España. Se non hai intelectuais, pois que opinen os deportistas… Pero tampouco. É que vivimos nun tempo anestesiado!

Por que Calveiro escribe novelas afastadas no tempo e na xeografía? Non lle atraen as novelas ambientadas na Galicia contemporánea, por exemplo?

Non é algo intencionado. A min préndenme historias na cabeza e acaban saíndo sen máis. Situándote nese tipo de historias, afastadas no tempo e na distancia, tes máis facilidade de narrar, de fabular. A historia actual estase a contar na rede, nos xornais e penso que non se conta na literatura. Agora todo é moi inmediato. Hoxe hai un bombardeo constante e inmediato, iso non pasaba nin no século XIX nin no XX. Eu aprecio moito unha ferramenta tan instantánea como é twitter. Hai grandes reflexións nos tweets, pese a ser de 140 caracteres como máximo. Francamente, un tweet de 140 caracteres pode valer tanto coma unha novela. É unha ferramenta que pode captar a esencia do momento dun xeito incrible… Supoño que todo iso fai que fuxa un pouco da actualidade, pero non o fago dun xeito consciente. Iso non quita que mañá poida comezar a escribir unha novela do que está pasando en Vigo agora mesmo.

A historia do libro é unha historia africana, moi lonxe deste Vigo no que estamos a falar para a entrevista. Como se documentou Calveiro para narrar esta novela?

A verdade é que esta é a novela na que menos me documentei. A historia trata dun pequeno clan dunha tribo africana. Está nunha chaira, en medio da nada, decidindo que facer coa súa vida. Veñen fuxindo da violencia, da seca, da milicia, da fame. Están nun momento importante, agardando a que o chamán tome a decisión de que facer coas súas vidas. Realmente non é unha tribo concreta, inventei o nome do clan e documenteime pouco. Interesábame o instante dramático. E ese instante dramático combineino cos flahsbacks que me permitiron contar como chegaran até ese punto. Ademais, hai un conflito xeracional entre os máis novos do clan e os máis vellos, que teñen concepcións do mundo moi distintas. Documenteime en cuestións do suahili, pero a situación, o drama pódese extrapolar a calquera lugar do mundo…

Unha decisión desas características e un choque xeracional prodúcense en calquera parte…

Si… Podería ser unha familia de Vigo que está toda no paro e os seus membros teñen que decidir que van facer coa súa vida. É unha situación dramática nese sentido e a novela tamén resulta dramática, mais tamén é esperanzadora.

Na foto de San Simón un pódese fixar nunha cuestión se a compara coa do ano pasado. Este ano hai tres premiados: Calveiro e Manuel e María Lourenzo. Tres premiados, pero só dous galardóns. O ano pasado eran tres certames diferentes. Desapareceu un dos premios, precisamente o que levaba o nome e o apoio das finadas caixas. Resulta elocuente.

A situación é a que é. E, ademais, hai que agradecerlle a Xerais o esforzo que fixo para seguir adiante cos premios. O que caeu estaba financiado pola Fundación Caixa Galicia, que nestes momentos está missing. Non sei, se cadra o ano que vén debería financialo Amancio Ortega, que tivo un 30% máis de beneficios. Que os que teñan cartos fagan algo por este país. A xente que di: “Eu admiro moito a Amancio Ortega”. Pois vale, mira… É un empresario e punto. Amancio Ortega non é un modelo ético nin un exemplo de nada neste país. Pensa que vimos de homenaxear nas Letras a Valentín Paz Andrade, que era un empresario. Si, un empresario tamén… pero o que fixo si repercutiu no país. Os empresario de hoxe en día… En fin.

Unha pregunta por marear. Lémbrome do que dixera no seu blog hai uns anos: “Anxo Lorenzo é o traidor”. Segue a selo?

Bueno, xa paso deles. É que de verdade… Abúrreme este asunto. Volver repetir o mesmo de sempre.

Vaia! Non obstante, algo cambiou… Cambiou de posto.

Xa bueno, pero segue a ser o mesmo. Canto recibiu a Fundación Cela? Penso que uns 300.000 euros. A AELG? Pois 5.000 euros. Eu considero que é máis importante apoiar unha asociación que reúne a 400 escritores galegos e non pagarlle os pufos a Marina Castaño. As súas preferencias son as que son! Xa o dixemos, xa o protestamos, xa fixemos todos moito nese sentido, chega un momento en que estás…

Canso?

Canso, farto, si. A razón de ser deste país é a súa cultura. Se non fose por iso, seríamos Cuenca e Valladolid. Se non houbese unha lingua e unha cultura de noso… Que diferenza habería? Ningunha! Que lle imos facer! É loitar contra pedras de muíño.

Alberto Ramos

Deixa un comentario!