Menu Xerais

María Canosa: «Escribo libros que eu creo que se deben escribir, non só libros que se queiran ler». Entrevista de Montse Dopico en «Praza Pública»

O xornal Praza Pública publicou unha entrevista de Montse Dopico á escritora María Canosa sobre varios dos seus libros, entre os que se atopan: MurielA cazadora de estrelas O lado do que dormes, publicados por Xerais. (Imaxe: Santi Garrido – Praza Pública)


María Canosa: “Pretendía amosar as pequenas pingas machistas da sociedade que, ás veces, custa discernir, é dicir, os micromachismos”

Laura é unha profesional cun posto de traballo no seu. Cunha nai que a axuda cos fillos. Cun marido ás veces ausente, mais non mal pai. Unha privilexiada, dadas as circunstancias. Mais tamén unha muller que carga coas culpabilidades aprendidas nunha sociedade que non deixa de ser patriarcal aínda que, ás veces, non se note tanto. Laura irá aprendendo a ser máis consciente de por que se sente desbordada. Máis reflexiva sobre a desigualdade estrutural na que sobrevive. E máis aberta a apoiarse nas súas iguais: outras mulleres. Disto vai ‘O lado do que dormes’, a última novela para público adulto de María Canosa, autora máis coñecida polo seu traballo na LIX. Falamos con ela, que respondeu as nosas preguntas por correo electrónico, deste libro e, en xeral, da súa narrativa.

Laura é unha muller nova, con fillos, hipoteca, traballo e a sensación de que a súa vida quedou atrás, pois séntese desbordada. Laura podería ser moitas mulleres. Como xorde a personaxe?

Laura xorde da experiencia persoal. Da propia e da allea que me rodea. Laura é o compendio das experiencias vividas ao longo da miña existencia, a través de min mesma e das mulleres coas que compartín vida. Así que podería dicir que Laura non é unha muller, senón moitas mulleres, como ben apuntabas. Crear a Laura foi o froito dunha necesidade de expresar unha situación habitual.

Ela defínese a si mesma como “corredora de fondo” e di que non existe a conciliación, senón a “reconciliación”. Parte do seu conflito é ese: carga cunha culpabilidade na que os homes, normalmente, non son educados, aínda que é o seu compañeiro o que está máis veces ausente. En que sentido quixeches facer, neste libro, unha reflexión sobre isto? 

Como me acontece moitas veces, o libro concibino dun xeito máis natural e irreflexivo do que se poida pensar. Eu déitome continuamente coa necesidade de reconciliar a miña mente, a miña conciencia, porque me foi imposible a conciliación. Iso da reconciliación é moi María, ademais de moi Laura. A miña intención era reflectir a situación da miña xeración desde o meu punto de vista e experiencia.

A sensación de Laura é compartida por moitas mulleres da miña contorna vital. O que eu pretendo é amosar a realidade que vivimos, e a reflexión aparece soa despois. O que pretendía era amosar as pequenas pingas machistas da sociedade que, ás veces, custa discernir, é dicir, os micromachismos, eses que ás veces non detectamos ata que nos fatigan, por insistentes e persistentes. Aí centrei o meu esforzo, nas cousas pequenas, unha teima (a das cousas pequenas) que me persegue, haha!

Malia todo, non deixa de ser unha persoa con sorte, dadas as circunstancias: é unha muller con estudios que traballa do seu, ten a axuda da nai e o compañeiro non é mal pai, cando menos cando está. O caso de Laura non é o máis representativo da realidade. Algún motivo para escoller unha muller licenciada, de clase media…? 

A escolla da situación de Laura é totalmente consciente. As mulleres coma ela son consideradas unhas privilexiadas. E si, son privilexiadas en parte, pero tamén sofren, por máis que certos privilexios ou eleccións oculten outros problemas.

Non son moi dada a xeneralizar, quizais porque son consciente de que cada persoa é un universo completamente diferente, por iso non me gustan as visións xerais. Eu pretendía amosar un caso particular, pero non illado. Como ben dis, por moito que existan colexios, xardíns de infancia… as xornadas laborais adoitan ter un horario incompatible con eles.

Así pois, a crianza dos fillos adoita converterse nunha re-conciliación, que só é posible grazas á axuda externa. Laura debátese entre a responsabilidade laboral e responsabilidade familiar, porque a súa elección foi ter as dúas cousas, traballo e familia. Agora ben, como conseguilo?

A sociedade non debera facela elixir, pero é habitual escoitar o de: ela quixo traballar, ou ela quixo ter fillos. E si, ela quixo as dúas cousas. E neste caso, o seu home, tamén. Por que non se lle fai a mesma pregunta a el? Por que se lle esixe a ela que cargue con todo ás costas? Á fin e ao cabo, dá igual a clase social, a situación, o status. O caso é que é ás mulleres a quen se nos esixe.

Laura vive un proceso no que o que muda, basicamente, é que vai adquirindo maior conciencia das causas do que lle acontece -a desigualdade estrutural- e se vai achegando a outras mulleres. Ao cabo, a novela é unha historia de mulleres que van aprendendo a buscar apoio entre elas, fóra do ámbito da familia, aínda que sen romper tampouco con esa estrutura en canto a rede principal de afectos. Por que decidiches que a historia fose por aí, pola sororidade?

Porque creo que, ao final, é inevitable tecer redes entre mulleres para sobrevivir, sacar a cabeza fóra e respirar… Por moi distintas que sexamos unhas doutras, por moi diferentes visións da vida que teñamos, precisamos apoiarnos. Iso tamén foi consciente, a busca de mulleres diferentes que se procuran e se protexen, mulleres todas coas súas fortalezas e debilidades, mulleres que tecen arañeiras.

Ao longo da miña vida decateime de que é necesario falar, poñer en común, expresar, reclamar… loitar. Xuntármonos para compartir experiencias, sentirnos acompañadas…

É como un seguro de cordura, un xeito de evitar pensar que só nos pasa a nós, que somos unhas esaxeradas e que o problema é que non podemos abranguer todo o que nos propoñemos. O problema non é individual, é un problema colectivo, social… por iso a necesidade de comportármosnos tamén como grupo, como parte desta sociedade. Neste caso a frase sería non son eu, somos nós.

Algo que me sorprendeu desta novela foi que se converteu nunha premonición. Cando eu a escribín, non era nai de dúas nenas, só de unha. Así que Laura non era, daquela, tan semellante a min. Agora si teño dúas pequenas, e… son unha corredora de fondo total! Quizais iso significa que ben intuía o que ía ser a miña vida… pero o certo é que me resultou un impacto verme máis Laura. Iso tamén me fixo reflexionar e pensar que estou loitando contra unha sociedade… de aí de novo a necesidade de facer grupo.

O principal problema é, quizais, porén, o machismo que ten que aturar no traballo, e que a lectura vai desvelando progresivamente, do máis sutil ao xa máis abertamente vexatorio. É un contexto profesional no que todo o mundo conta con altas cualificacións, educación… pero todo segue igual… É un pouco o que ti mesma percibiches na túa propia experiencia? 

Aí está, o micromachismo. Esta obra é un intento de facer visible os micromachismos dos que estamos invadidas. No fondo, todo o libro é un pouco o reflexo da miña experiencia. Tiven a sorte de ser educada nun contexto moi igualitario, o que tamén fixo que tardase máis en ser consciente de como era realmente a sociedade. Estudei unha carreira que, ata ese momento, estaba ocupada practicamente na totalidade por homes. A miña promoción foi na que máis mulleres entraron…

A medida que medraba, decatábame do que había fóra da miña burbulla. Os micromachismos máis sutís ás veces fan dubidar do que realmente son, velados por falsos paternalismos ou outras situacións. Pero fan saltar a alarma e mantéñente á espreita. A reiteración dos mesmos fan que a burbulla estoupe, a todos os niveis. Sen ser unha biografía, a protagonista bebe das experiencias vividas. Foi gratificante ver como outras lectoras pertencentes a outros campos profesionais me comentaban que era a pura realidade, que elas eran Laura.

Aínda que non todos os personaxes se comportan do mesmo xeito: o xefe ou o cliente son diferentes do compañeiro de traballo ou do marido, que non é que sexan quizais exemplos de homes feministas -ás veces consenten cousas que non deberan- pero polo menos perciben e rexeitan a discriminación cando a ven clara. Que representan, ao respecto, estas catro personaxes masculinas?

Outra parte da sociedade! Penso que nestes personaxes aparecen os que son machistas conscientes e os inconscientes… O compañeiro de traballo, por exemplo, é un personaxe que me parece moi interesante, ese home que muda a súa percepción en función de se lle toca de preto ou non. Se lle pasa á súa parella, sáltalle a alarma.

Se, pola contra, a atacada é unha compañeira de traballo… non ve. Ou cando menos, ao principio, non ve. Logo xa si… De aí a importancia de falar, denunciar, protestar… alzar a voz. Nestes protagonistas masculinos hai voces (e mentes) diferentes, era algo que quería amosar. Con todo… é suficiente? O que buscaba no pouso final da novela era iso, o interrogante, a reflexión, o… xa está? E non, non está.

É unha novela de feitura narrativa sinxela -unha protagonista que fala en primeira persoa, diálogo…- e escrita cunha linguaxe directa, un ritmo fluído… Algo debe notarse, supoño, o pulso dunha autora de LIX. E tampouco é unha novela que teña que ser necesariamente para adultos -podería servir para adolescentes-. Formulas de xeito moi diferente a técnica narrativa cando é para adultos?

A estrutura da novela é sinxela e natural, como a mesma historia. Un amigo definiuna como unha novela na que non pasa nada, só pasa a vida. Pareceume un agasallo de definición! E a vida ás veces é así, sinxela e natural e tremendamente complicada. Eu quería amosar a vida de Laura dun xeito sinxelo porque quería centrar a atención no que pasaba, no que lle pasaba, e tamén no que lle pasaba a ela pola mente… Pero tamén é porque me gustan as novelas así, sinxelas e directas.

A miña idea é que fose, ademais, unha novela flexible, para ler por adultos e pre-adultos. Quizais poida axudarlles a saber o que se van atopar nun breve espazo de tempo. O estilo escollido pode axudar á súa achega. Eu concibo as historias coma un todo, un universo propio, como lles explico aos rapaces cando vou visitar colexios. Na miña cabeza vaise conformando a historia e a forma de contala ao mesmo tempo. Coido máis como o conto cando é para rapaces, pero nas dúas teño moi en conta o que conto e o que calo… porque os silencios e os ocos que se deixan ao lector parécenme importantísimos.

Ana, a protagonista de ‘Candorcas e unicornios’, un dos teus últimos libros de LIX, ten un problema semellante ao que tivera Violeta, a antiga compañeira de escola de Laura: o rexeitamento social, a soidade… De fondo está o abuso que sofren algunhas persoas por seren diferentes e a maneira na que os demais miran -miramos- para outro lado, como en ‘O neno inverno’. Por que é un tema tan presente no que escribes?

Son cousas que unha leva dentro… Cando eu era pequena, usaba lentes, tiña un remuíño no pelo que me “obrigaba” a levar o mesmo peiteado sempre, levaba zocos para non coller infeccións de gorxa, usaba un parche nun ollo. Tiña as miñas debilidades á vista, coma Inverno, un dos protagonistas. Esa parte de min estaba aí latexando, chamando por contalo nunha historia. Porque eu fun unha nena feliz, que non se sentiu acosada. E tiña todos os boletos para ser o centro das burlas!!! Pero entre meus pais, os mestres, os compañeiros… fixeron sentirme unha nena normal, porque así o era.

Moitas veces penso no diferente que podería ser eu de sentirme acosada de pequena, o que mudaría a miña personalidade e a miña vida. Cando lles conto aos nenos que Inverno nace dunha nena que leva parche, zocos, lentes grosos… rin. Cando lles digo que esa nena son eu, calan. A sociedade construímola entre todos, temos parte de responsabilidade. Ser conscientes do noso papel dentro da colectividade paréceme moi importante. De aí a teima de expoñelo. Porque a historia pode ser como nós queiramos. Eu fun unha afortunada, pero hai moitísima xente que sofre. Podemos evitalo. E para iso o primeiro é ser conscientes. De aí Inverno, Ana, ou Violeta.

Violeta é un dos personaxes máis querido por min en ‘O lado do que dormes’. Porque hai moita xente que só me asocia a Laura. Pero hai moito de min en Clara e tamén en Violeta. Todas elas mulleres débiles e fortes. Iso é a vida, o compendio de debilidades e fortalezas. O problema é cando unhas se fan moito máis visibles ca outras…

Muriel’, obra gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil en 2017, ten que ver cunha volta -en canto á túa propia memoria- ao lugar da infancia, como tamén ocorre en ‘O lado do que dormes’. Por que esta coincidencia? Por que a historia dun neno e un leiteiro?

Ás veces son inconsciente das miñas teimas literarias ata despois de publicar os libros. É curioso, pero léoos diferentes cando son libro a cando son só papel… Axúdame a poñerme do outro lado, do lector. O de Muriel foi buscado. Non foi só un regreso á infancia, foi querer escribir un libro coma os que lía eu de pequena. Foi un regreso, en todos os sentidos, ao de antes. Levaba tres anos sendo finalista no Merlín. Estaba moi contenta, porque era un recoñecemento, pero tamén un chisco amolada porque tiña que haber algo que me faltaba para non dar chegado nunca a levar o premio… Así que dixen: ou vai desta, ou abandono. E comecei a pensar nun libro especial, diferente, un libro que enganchase, que tivese ese ingrediente máxico que non tiñan os outros… e obsesioneime un pouco nesa busca do libro perfecto. Quizais porque non existe…

Así que veume ben porque abrín os ollos e volvín ao comezo. Ao meu comezo literario. E ese era o de escribir por pracer, por necesidade. Escribir para vivir historias. E escribir tamén para que os demais puidesen vivir esa historia, que era o que me pasaba a min cando lía. Así que decidín non facer un libro perfecto, escribir tan só un libro. Un libro sinxelo, pero un libro no que o protagonista fose quen o lese tamén, que se convertese nese Muriel. Un neno normal cunha vida normal e que se deixa atrapar pola maxia das historias.

Así que decidín escribir un libro para min, para aquela nena que fun, para aquela lectora, para aquela soñadora… en definitiva, para a cativada de antes e de agora.

E sobre que escribir? Pois… a pensar! E daquela lembrei que tiña en mente había tempo escribir sobre os produtores de leite, de cando foran as protestas pola cota. Producir leite a prezo de custo… ou por debaixo!!! Fixérame pensar no sector primario, nos esforzos de tanta xente que non se ven… Que fariamos sen leite? Sen iogures, sen sobremesas, sen espaguete á carbonara!!! (Iso é o que lles pregunto aos rapaces tamén cando vou aos coles). O leite lembrábame á infancia. Ás vacas. Á aldea. A min de pequena.

Así que nada, deixei voar a imaxinación e escribín Muriel, co meu avó e a miña madriña na cabeza. Había relativamente pouco que faleceran e sentíame que perdera a infancia. Eles eran quen me mantiñan atados a ela… e esa corda, ese fío, xa non estaba. Por outra banda, meus pais xa se converteran en avós. A relación que teñen coas netas (daquela unha soa) pareceume tan brutal que tiña que escribir algo sobre iso. E así foise tecendo Muriel.

Que, por certo, non ía presentar ao Merlín, porque, como xa dixen, non era o libro perfecto, só un libro… Pero finalmente presenteino e creo que fixen ben!!! Hahahaha. No caso de ‘O lado do que dormes’ a volta á infancia foi unha busca de cando unha comeza a ser consciente da situación que vive. No fondo, todo está fiado e somos un conxunto de experiencias, algunhas tan remotas e inconscientes coma as da infancia. Quizais por iso o punto de partida xusto nela, cunha mirada atrás, buscando a orixe, situándose…

Megumi, unha grande tiradora e tamén fantástica amazona supera os problemas impostos polo seu rival, que non é outro que Zeus. Megumi é a protagonista de ‘A cazadora de estrelas’, que foi finalista do Premio Merlín dúas veces. E é unha das túas moitas protagonistas que son rapazas valentes que desempeñan roles tradicionalmente considerados masculinos. Poderíase dicir que foi sempre unha preocupación túa crear este tipo de personaxes femininas? Percibes un avance importante ao respecto nos últimos 20 anos de LIX galega?

A miña primeira novela, que escribín sendo practicamente unha nena, ten unha personaxe feminina tamén valente e curiosa. Nese caso a escolla foi inconsciente, ou totalmente consciente! Quero dicir, eu escribín unha historia que protagonizaba eu, como lectora. Non pensei que esa nena, por ser nena, non puidese ser como eu a describía na novela. Sinxelamente porque cando lía, por moito que os personaxes fosen nenos, eu convertíame neles. Pero isto era produto da educación que eu recibía, claro, unha visión parcial do mundo. Cando un é pequeno o universo vital é moi próximo. A medida me medramos, vaise ampliando e modificando.

Agora a miña visión é distinta, cunha visión máis global debido ás experiencias vividas. É por iso que busco personaxes que transmitan valores de igualdade, e provoco certas actitudes. Eu antes escribía só por gozar facéndoo. A medida que fun medrando a responsabilidade do que escribo aumenta. Non deixo de congratularme co que fago, obviamente, pero cada vez son máis responsable do que escribo. E sempre aprendo!

Tamén en ‘DisParo’ ou ‘Non é París’, dúas das túas obras para público adulto,’ hai mulleres que superan obstáculos impostos polas circunstancias que cambian, como non deixa de ser en ‘A cazadora de estrelas’. Cal pode ser a conexión entre estes tres libros?

Eu diría que a conexión é a realidade e, polo tanto, a necesidade de reflectir o que acontece. Tamén na crítica da sociedade, e a necesidade persoal de denunciar. Eu non son moito de berrar, pero si de dicir. E a miña forma de contar as cousas é esta. Ademais, gústame deixar os libros “abertos”, no sentido de non pechar as historias sempre cun final feliz, senón cunha dúbida. Porque a historia real, a vida, continúa. E quedar con ese punto de reflexión paréceme moi interesante e necesario.

Faíscas’ e ‘Cando cae a luz’ son dous libros de relatos tamén para adultos relacionados, entre outras cousas, pola noite… Lembro ler ‘Cando cae a luz’ e sentir, de verdade, medo. Como foi a experiencia de escribir este libro? Apetecíache probar algo diferente?

Outra das miñas teimas!! Facer cousas distintas! E aprender. Aprender sempre.

O dos relatos de medo apetecíame moito! Porque nunca me atrevera con iso, así que alá fun probar. Gustábanme moito as lendas e contos de medo, normalmente de transmisión oral. Tamén os libros que máis tarde lin sobre este tema.

Os que máis me atraían eran os relatos curtos, e… alá fun probar! Así que ocorréuseme facer algo máis actual, por iso as historias transcorren en situacións cotiás. No fondo, ese é o verdadeiro medo, o que vive entre nós, de aí a decisión de trasladar os protagonistas ao día de hoxe, vivindo na súa normalidade cotiá e véndose envoltos de súpeto nun medo abafante. Asustámonos máis cando non contamos, cando o contexto non é propicio… esa foi a miña busca.

Unha característica que ten a túa LIX é o estilo: bastante poético ás veces, limpo e con frases moitas veces bastante curtas… Ao mesmo tempo, na túa poesía está moi presente o cotián… Dirías que a procura da sinxeleza, e da sensibilidade (nos teus libros están moi presentes as sensacións e as emocións), poden definirte, en parte, como escritora?

Pois sería estupendo que me definise, si! A min cústame moito definirme a min mesma, claro. Porque non sería nada obxectiva… Pero cómproche esa definición! Gústame! Si é certo que son sinxela, e que me gusta a sinxeleza. Tamén é certo que non podo evitar amosar os sentimentos (ou non podo e non quero). Para min é importante que os rapaces e os maiores cultivemos a emotividade. A intelixencia emocional paréceme importantísima. Nestes tempos de andar ás présas adoitamos esquecer os sentimentos e… eu non podo vivir sen telos en conta!

Tamén é certo que penso que os libros sinxelos, con historias sinxelas, son necesarios. Como tamén o son os outros pero… os sinxelos tamén. Eu son defensora das distintas voces, e a miña é así. Sei que con ela non vou chegar a todos os públicos, pero tampouco busco iso. E a poesía, só hai que saber buscala. Por iso fago poesía do cotián, máis na poesía para os máis pequenos. Gústame que a vexan como algo natural e ata divertido. O nome de poesía ás veces non os atrae, pero a poesía en si, si. E aí vou eu. A que se acheguen a ela sen medo.

Publicas moito tamén. Supoño que porque escribes moito. E cando se publica tanto poden xurdir dúbidas de se algún libro debería quedar no caixón… Tiveches esa sensación algunha vez? Que pensas da crítica que se fai ás veces aos autores de LIX de publicar cousas con pouca calidade para vender aos centros de ensino?

Ui… teño cousas no caixón, eh! E tamén traballos que foron rexeitados por editoras. Fíome dos profesionais, porque a min cústame moito lerme só como lectora e non como escritora tamén. Por iso necesito poñer distancia para lerme e corrixirme. E aínda así… Intento ler moitos libros antes de volver revisar as miñas obras, para esquecerme dalgún xeito da historia e lela como se fose allea a ela, pero resúltame difícil. Tamén é certo que levo moito escrito porque comecei hai moito, moi noviña.

No relativo a escribir para que nos lean… eu creo que manteño un equilibrio. Escribo historias que me gustan a min, pero que quero contar para que lle gusten tamén ao lector. Mais o certo é que escribo libros que eu creo que se deben escribir, non só libros que se queiran ler. O exemplo é Muriel. Eu escribín o libro que me apetecía. Non pensei que fose un libro comercial, pero parecíame que esa historia debía ser contada. Unha historia sinxela escrita tamén sinxela. Pero unha historia que pensaba que a min, como lectora, me gustaría ler. Unha historia, como dixeches, que se apoia nos sentimentos. Iso vende? É o que máis lles chama aos cativos? Pero eu cría que debía escribila, e amosar o amor polos maiores, o respecto…

Tivo sorte. O xurado do Merlín creu nesa historia. A sorte ás veces ponse do lado da sinxeleza… E sempre pasa así. Escribo libros que penso que deben ser escritos. Son consciente de que, ao mellor, aos nenos lles apetece máis outras cousas, pero eu son teimuda. Non sigo modas por ditame. Que cadra que un tema que elixo está de moda? Pois perfecto. Pero non é consciente. Ademais, os tempos da escrita non sempre van parellos aos da edición… así que igual cando sae xa está “trillado”.

Mira, unha cousa fermosa que me pasou con Muriel foi o primeiro encontro que tiven nun club de lectura sobre o libro. Sempre vou expectante, porque é o termómetro que me indica a saúde do texto cos lectores… Tiñan penduradas das paredes unha chea de cartas aos seus avós e avoas. Os que estaban e os que non. Comezamos a falar… e emocionámonos todos. Alumnos, profes e eu. Bágoas a mares! Só por iso pagou a pena Muriel.

Hai algún dos teus libros de LIX que non citaramos ao que teñas especial cariño? Por que? Algún que creas que pasou un pouco desapercibido?

Sempre penso que ‘A cazadora de estrelas’, por saír pouco antes ca “Muriel”, pasa desapercibida. Pero… vexo por ti que non! Unha alegría!!! Así que, dos que faltan por nomear, eu falaría de ‘Rubicundo’, un libro que foi un cambio para min. Retomei a escrita despois dun tempo e mantiven o equilibrio da fantasía e realidade a partes iguais. Gustoume a experiencia e manteño esa teima desde entón.

Ademais, foi finalista do Merlín tamén e animoume a presentarme a concursos, despois de moito tempo sen facelo. Rubicundo é unha novela curta, sen capítulos… un libro que tamén pensei que era bo contalo, no que os sentimentos levan todo o peso da historia. Ademais, tiven a sorte de que Teatro dos Ghazafelhos fixo unha adaptación marabillosa da obra. Foi tan emocionante velo en carne e óso… E é que os soños, ás veces, fanse realidade.

 

Comentarios pechados