Menu Xerais

María Canosa reinvidica a figura dos avós en «Muriel». Crítica de Carmen Ferreira

O xornal El Correo Gallego publicou unha crítica de Carmen Ferreira sobre a novela  Muriel, de María Canosa, Premio Merlín de Literatura Infantil 2017, ilustrada por Lucía Cobo.

 

María Canosa reinvidica a figura dos avós en «Muriel»

Tras ser finalista do Premio Merlín en dúas ocasións, María Canosa (Cee, 1978) cumpre o dito “á terceira vai á vencida” ao obter este merecido galardón en xuño do pasado ano pola obra Muriel, publicada en outubro de2017 por Edicións Xerais de Galicia para unha franxa de idade de “9 anos en diante” na súa emblemática colección Merlín. A obra cativaba ao xurado pola súa orixinalidade e a sedución do poder das palabras, daquelas que se din e das que se calan tamén. Eríxese, como recolleu o xurado na emotiva cerimonia de entrega na Illa de San Simón, como un canto á imperiosa necesidade da cor que xorde do branco.

Estruturada en vinte e cinco capítulos, reivindica a figura dos avós, grazas aos recordos de Muriel, o neno protagonista, que bota de menos a súa avoa, as conversas, os contos, os pasteis e os bicos máxicos que compartían e da que lle queda como recordo o maxestuoso carballo que ela plantara para el. Na compaña dun raposo riseiro, chamado Blim e con recendos do que acompañaba ao Principiño, co que descifra o verdadeiro valor da amizade e das relacións persoais, Muriel adéntrase na aventura da descoberta e do proceso de madureza, enfrontándose aos seus medos. Pouco a pouco o gris que tingue o seu mundo, a triste e sombría vila de Cartaria, vai virando cara á cor que simboliza a conexión co seu pasado feliz, a través da figura da avoa, do recendo do leite e da importancia das cartas, que atesouran información e emoción e que lle entrega o enigmático leiteiro Fígaro, quen o leva a coñecer o seu castelo na luminosa Martiñeira. Así pois, un problema real, como foi o das cotas de leite dos gandeiros galegos, leva á autora a reivindicar por medio desta historia as materias primas e os oficios más tradicionais xa en perigo de extinción (como o de leiteiro e de carteiro) e a rememorar no lectorado máis adulto os tempos nos que o leite aínda sabía a leite e se repartía polas casas na leiteira e non se mercaba no supermercado.

 Este fermoso e emotivo relato acompáñase das delicadas ilustracións que realizou a artista plástica Lucía Cobo (Lugo, 1982) e que representan magnificamente e con sensibilidade e delicadeza os dous protagonistas desta historia que engaiola e transmite desde as primeiras liñas. Unha obra que, en clave simbólica e cun rexistro moi coidado, fala de xustiza, honestidade e amizade e que se enfía cos ingredientes da intriga, da ilusión e da curiosidade do protagonista, unidos á maxia e fantasía.

Carmen Ferreira

Comentarios pechados