Menu Xerais

María do Cebreiro: «Entendo a poesía como un espazo de liberdade». Entrevista de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou na sección «Parlamento das letras» do seu blog Criticalia unha entrevista con María do Cebreiro.

 

 

Parlamento das Letras

María do Cebreiro

María do Cebreiro é unha habitante da Galicia futura, da Galicia que aínda non é, pero que desexamos sexa. Vai, como tantas veces acontece cxs artistas, por diante do seu tempo: culta, consciente, comprometida, sensible.

De pequena asistía a partidos de tenis poéticos, privilexio de ter uns proxenitores entregados ás Musas. Así que cando se fixo maior non tivo moito que pensar: o seu sempre fora a escrita, ou mellor, o pensamento da escrita, a proxección verbal dese cavilar infindo. E como a súa información mitocondrial estaba moi por riba dos carburantes metabólicos soft, decidiu que había que romper nos espellos, reivindicarse en ánima, pero tamén en corpo, e declararse insubmisamente inadaptada, mesmo ata a guerra, soa ou en compaña, asegún.

Fundou hospedaxes para chinesas desbarriadas en cuartos de outono, percorreu os hemisferios todos dos sentidos e devocionou as damas negras, black soul forever. Mesmo se compadeceu de si mesma, deixou que os poemas a (re)coñecesen e aprendeu as artes do escanciado antologador.

Aquí vén dixital, ela, tan pouco cursi e sen xardín, mais enferma do mal de Gutenberg ata a náusea, ata precisar como o alento para respirar o recendo da tinta e o papel aínda fumegantes do prelo, sobre todo se deles se desprenden volutas versais. Talvez non consiga nunca autodefinirse (esa súa, nosa, identidade necesariamente cambiante), pero sabe moi ben onde lle aperta o zapato e o mundo (literario) no que (sobre)vive.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

O primeiro texto que son quen de lembrar foi unha carta que lle escribín de cativa a Xohana Torres, e que se publicou na Festa da palabra silenciada. No ano 1998 publiquei en Dorna as primeiras versións dalgúns poemas que logo verían a luz no meu primeiro libro de poemas, O estadio do espello (1999).

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

Penso que a miña obra sempre foi moi ben acollida, e desde logo moito mellor do que sempre agardei.

Escribiuse bastante sobre O estadio do espello e (nós, as inadaptadas). Tamén, coido, sobre Os hemisferios. Dalgún xeito son os meus tres libros preferidos, así que estou en plena conformidade con iso.

Quixen editar os meus dous últimos libros (Poemas históricos e O grupo) en tiraxes pequenas, que procuraban deliberadamente unha circulación restrinxida, case íntima. Loxicamente non recibiron ningunha atención da crítica, o que foi unha experiencia curiosa e, en certo sentido, moi liberadora.

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Ningún e todos… Escribo moito durante as viaxes, xeralmente en cadernos. É como se vinculase o acto de escribir ao de estar en movemento (non é a primeira vez que se me ocorren cousas mentres camiño ou xusto antes de quedar durmida, e teño que coller o caderno para anotalas).

Teño observado que a maioría dos meus libros xurdiron dalgunha idea que se me ocorreu fóra da casa, en situacións e contextos que non me eran familiares. Como o hábito da escrita forma parte da miña actividade profesional, cando escribo poesía non me gusta suxeitarme a ningunha disciplina. As primeiras ideas e borradores de versos prefiro escribilos a man (aínda que nunha segunda etapa traballe no ordenador).

Entendo a escritura, mesmo a crítica e a teórica, como un proceso bastante impulsivo, así que teño tomado apuntamentos nos soportes, circunstancias e momentos máis diversos.

Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Citados pola orde na que comecei a lelos: Manuel Outeiriño, Xabier Cordal, Chus Pato, Daniel Salgado e Ismael Ramos.

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

Éme extraordinariamente difícil aplicar o criterio crítico á miña propia literatura, quizais porque a crítica está moi vinculada ao meu exercicio profesional e porque entendo a poesía como un espazo de liberdade, tamén con respecto aos determinismos da crítica.

Diría intuitivamente que a miña literatura camiña cara ao despoxamento. Que comezou tendo moito peso verbal (incomódame algo a verbosidade dos meus primeiros libros) e agora traballa máis no espazo entre as palabras e entre os versos. Que tentaba dialogar coa literatura lida e amada, e agora traballa máis na introversión, é dicir, na lectura crítica do meu propio interior.

Engadiría que todos os libros comparten certas cousas: unha preocupación pola respiración e polo ritmo interno da linguaxe, un inmenso respecto ás obras e aos escritores que admiro, unha tentativa por vincular certas palabras a certas imaxes, un sentido interrogativo e case violento sobre o mundo, unha indagación sobre o xeito no que as persoas nos relacionamos lingüisticamente entre nós e connosco, unha ironía que tenta ser elegante e non ruín (a ironía é unha arma que hai que empregar con moito tino, porque se revolta a miúdo contra quen a usa) e, por último, unha impugnación do “pacto social” que regula a nosa maneira de vivir e de categorizar os afectos. Ao cabo, penso que os meus poemas tentan recuperar a lírica na súa acepción primordial. É dicir, non entendida como a expresión dos sentimentos individuais, senón como un espazo no que as emocións sinalan unha procura incómoda con respecto a determinados acordos ou convencións.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro, Samuel Beckett, J. M. Coetzee, Hölderlin, Sebald, John Keats, José Ángel Valente, Luis Cernuda, Wordsworth, Coleridge (na orde na que me saíron)… Moitos!

—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Eu penso que habería que superar a concepción “deficitaria” da literatura galega. Ningunha literatura pode telo todo! Así que eu diría que o que lle sobra á literatura galega é esa conciencia carencial que ten, para min bastante inxustificada.

—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

En todo momento tento dicirlles ás persoas que quero as cousas que me parecen importantes. Son consciente de que a vida é moi fráxil e de que niso non temos tempo que perder. Pero coa escrita non o vexo do mesmo xeito. Non creo que me quede nada transcendental por escribir e, á inversa, penso que sería insoportable que todo o que escribimos fose memorable.

En todo caso, o que tento facer na escritura obedece a leis internas, e non o dou conectado con ningún outro tipo de necesidade. Ao final, eu creo que por sorte, a transcendencia do que facemos non depende de nós. Se das cousas que escribín acaba quedando algo, imaxino que quedará xustamente o que teña que quedar, e ningunha outra cousa.

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Na poesía, o ámbito que mellor coñezo, paréceme magnífico. Hai autores novos (Samuel Solleiro), moi novos (Gonzalo Hermo) ou novísimos (Ismael Ramos) polos que sinto un grande respecto. Penso que, cando a literatura que está a facerse xusto agora dá razóns fundamentadas para a esperanza, non pode pedirse moito máis.

—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Mentres pensaba nas respostas, decatábame de que ler e escribir se converteron en hábitos incorporados naturalmente ao meu día a día, que se voltaron moi semellantes aos de respirar, bicar, camiñar, abrazar ou durmir. Así que che agradezo realmente a fondura deste cuestionario, que me deu a oportunidade de reflexionar sobre o hábito da escrita, do que fun facendo algo así como unha dimensión case física da miña existencia.

Armando Requeixo

 

 

 

Comentarios pechados