Menu Xerais

María Lado: «A poesía ten que estar entre a xente, a pé de rúa»

Noticieirogalego.com publicou unha entrevista que lle fixo Carlos Loureiro Rodríguez á poeta María Lado, que acaba de publicar en Xerais o libro de poemas  oso, mamá, si?.

 

María Lado: «Eu disfruto tanto recitando que non me imaxino sen facelo»

María Lado Lariño (Cee, 1979) é unha das máis relevantes voces contemporáneas da nosa literatura. Comezou a súa andaina no “Batallón Literario da Costa da Morte”, e a partir de aí a súa participación en recitais poéticos, en montaxes poético-musicais… vai ser un referente, non esquecendo o seu paso como actriz e a súa participación en múltiples obras colectivas, como na obra Narradoras (2000), Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (2003)… sen esquecermos que a súa obra poética Nove resultou gañadora do “Premio de poesía Avelina Valladares” no ano 2007.

Amiga María, que alguén che faga a túa biografía e te sitúe nacendo nun coche dunha banda de rock mítica creada polos míticos Lou Reed e Jhon Cale e abandeirada nin nin menos que polo artista e cineasta Andy Warhol, anterior ao teu nacemento real, que pretende darnos a entender?

Pois basicamente que nacín nun taxi, isto é verdade (é unha anécdota que contaba moitas veces cando comecei a recitar) e que na miña casa se escoitaba ese tipo de música. Aínda que honor da verdade o que máis escoitaban meus pais era Pink Floyd, Camel, radio Futura e rock.

Claro que tamén nesa biografía se fai moito fincapé en dous espazos moi importantes: Cee e Santiago de Compostela…

Si, Cee porque eu son de alí e alí vivín ata que fun estudar a Compostela, onde pasei anos de estudante moi importantes para min. Alí ademais escribín tres libros (moi diferentes) Casa atlántica casa cabaret, Berlín e Nove.

Na maior parte de escritoras e escritores aparece algo no seu percorrer vital que lles supón ese pulo cara á arte literaria… Será en María Lado o “Batallón Literario da Costa da Morte” ese pulo?

Claro, eu tiven a sorte de atoparme coas xentes do “Batallón” nun bar que rexentaba en Cee Modesto Fraga, o poeta, e con eles comecei a escribir poemas e, sobre todo, a ir de recital en recital. Era unha época moi activa, na que recitabamos moito (festas, bares, homenaxes literarias…) e foi unha escola moi importante para min.

E aquí achamos a unha moi moi nova María Lado, con dezasete ou dezaoito anos, dando a coñecer os seus poemas ao carón doutros dunha xa consagrada Marilar Aleixandre, dos irmáns Villar… Desde logo que aqueles comezos deberon ser para ti un reto con múltiples caras, non?

Eu recordo como unha época moi fermosa, nunca coma un reto senón como algo moi divertido. Para nós lernos as cousas que escribiamos, facer poemas colectivos ou ir recitar a calquera vila era unha festa, algo que faciamos porque nos divertía moito. E creo que era tanto para min como para os Villar, ou para os Creus, Modesto, Suso Bahamonde… que eran dos máis activos no colectivo.

A poesía é un lume arrebatado aos deuses, e logo inzado polas mans e os corazóns das xentes, pero nunca concedido por aqueles.” Para comezar non estaba nada mal este concepto de poesía que vós presentastes naquel “manifesto”(?)… unha poesía desligada do divino nas mans humanas…

Nin sequera recordaba esa frase… O que si recordo era que para todos aqueles poetas que estabamos no día a día do “Batallón Literario” a poesía era algo que tiña que estar entre a xente, a pé de rúa, non consagrada nunha columna para adorala catro iluminados. Eu sigo pensando exactamente o mesmo vinte anos despois.

Tamén os teus versos bogaron por diferentes revistas moi presentes naquel fin secular… Non se botan de menos estas publicacións na actualidade que tanto influíron na normalización da nosa poesía así coma no nacemento poético de novas plumas?

Pois eu non, a verdade, porque agora estamos en tempos moi diferentes onde calquera pode publicar grazas a internet e chegar a máis xente e de maneira moito máis económica. A ansia de publicar está moi ben cuberta hoxe en día e os tempos son outros e os instrumentos tamén. Aquelas publicacións estaban ben para o noso momento, pero o momento de agora esixe outros instrumentos.

Tamén vemos os teus versos na rede… pode ser esta versión unha boa axuda para a nosa lírica, ademais da súa mestura con outras artes?

Eu teño moito máis publicado en papel que na rede, aínda que non sempre é fácil de conseguir porque algúns títulos meus están realmente esgotados. As cousas que teño na rede forman parte de antoloxías ou de algunha biblioteca, como a Biblioteca Virtual Galega ou a da Asociación de escritores en Lingua galega. Durante unha tempada tiven un libro, Berlín, a libre disposición nunha páxina, pero agora ese sitio morreu. O meu primeiro libro, A primeira visión, creo que segue en poesiagalega.org, onde se pode descargar de balde, pero nin sequera o teño claro. Pero en xeral non emprego a rede para dar a coñecer a miña obra, non por nada, senón porque teño outras cousas que facer e non teño tempo para todo. E tamén porque eu recito moito e moita xente coñece os meus poemas nos recitais e despois achégase ás librerías ou escríbeme directamente para pedirme tal ou cal poema. A rede é unha ferramenta moi útil, pero eu non lle saco moito partido. Pero ten un potencial moi interesante.

En tempos dedicáballe máis tempo, pero agora non o teño. Facía videopoemas, fotos con versos e mesmo mantiña un blog, pero agora non me dá a axenda para tanto.

Por outra banda, ti sempre fuches partícipe de múltiples recitais poéticos… Que gaña a lírica con estas actividades interactivas segundo ti?

A poesía achégase moito á xente nos recitais, iso é evidente, pero eu recito porque me gusta moito, faime moi feliz, o directo é o que máis me gusta de recitar. Supoño que tamén hai lectores que prefiren ler eles, ou mesmo recitar en voz alta eles, no canto de escoitar a un poeta, pero eu disfruto tanto recitando que non me imaxino sen facelo.


Aínda que tamén a narrativa non che é nada allea… pero porque cremos que te sentes máis a gusto na lírica?

Porque teño seis poemarios publicados e ningún liro de narrativa, supoño. Eu disfruto moito de escribir para prensa, é algo que me encanta, pero non o fago moi habitualmente Tamén me gusta moito o relato curto, pero apenas teño media ducia de contiños. E aínda que escribo teatro, por razóns que agora non veñen ao conto, tampouco teño nada publicado. A min case todo o mundo me relaciona coa poesía que é o que máis fago.

E seguindo coa narrativa, por que a necesidade da obra Narradoras? Será que tamén na narrativa ten que aínda haber un espazo semellante ao da “Festa da palabra silenciada”?

En realidade esta pregunta debería contestala alguén de Xerais, que foron os que daquela promoveron esta publicación. Era un libriño no que apareciamos un feixe de escritoras novas (hai tantos anos que nin sequera recordo quen estaba), a min pedíronme un relato e encantoume facelo, pero non seguín por aí. Supoño que a outras lles pasaría igual e que a outras moitas non. Recordo que estaba Ledicia Costas, e mira, ela é unha narradora cunha traxectoria incrible. Ese tipo de publicacións fan falla porque o lector achégase a novos autores e os autores teñen a posibilidade de publicar.

Participaches como actriz na obra teatral, Oeste solitario… que tal esa experiencia como actriz? Gustaríache repetila?

Si, a min encántame o teatro. Dende que empecei a carreira sempre estiven moi vinculada ao teatro, participei moitos anos do teatro universitario e xa tiña feito varias incursións no teatro profesional. Así que cando xurdiu a posibilidade de facer de Girleen en Oeste Solitario non o dubidei. Eu, se non fose poeta, intentaría buscarme a vida no teatro, pero por sorte ou por desgraza -nunca se sabe-, vivo de poeta e non teño que andar de casting en casting. Cando me chaman para algún proxecto vou, mesmo emprendo proxectos propios, algúns moi vinculados coa poesía e outros co teatro infantil, pero son máis poeta que actriz, porque é do que máis traballo.

maria-lado-recibe-premio-avelina-valladaresTes un poemario titulado Nove, co que gañaches o certame de poesía “Avelina Valladares, 2008”. Por que o xogo de “nove”, “novembro”…?

O libro ía chamarse novembro, porque foi o mes do Prestige e é un poemario que reflexiona sobre a dor a nivel persoal e colectivo e, en certa maneira, sobre a idea de país. Pero finalmente quedou en Nove, porque daquela escribira tamén un guión de radionovela e o de Novembro foi para o título da radionovela e ao poemario quedoulle Nove, que era como máis sonoro

Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra…Que sentiches contra aqueloutra “negra sombra” so século XXI?

Como reacción ao Prestige escribín Nove, como reacción persoal. Sentín ira, frustración e dor, supoño que como toda a marea de xente que saíu á rúa daquela. Nesta antoloxía de poetas o que se aprecia é basicamente eses tres sentimentos que acabo de mencionar.


A túa primeira obra foi A primeira visión. E claro, comezamos no edén co primeiro pecado… Por que tamén cremos que esta obra ten algo, ou moito, de subxectivo?

Todas as obras son subxectivas, non pode ser doutra maneira, pero esta miña é un libriño de adolescente, de poeta que comeza a descubrir a poesía e a vida. Téñolle cariño por iso, pero non me vexo xa nada reflexada nela… hai anos que non a leo.

Tes dito por algures que para ti “a concepción da obra literaria que traspasa xéneros” che interesa abondo e coido que foi ao te referires á túa obra Berlin, onde con posterioridade converxeu coa arte musical… Cres que esta interacción de xéneros é o futuro especialmente para a lírica?

Non necesariamente. A lírica sempre estivo moi unida á música e tamén leva séculos existindo sen necesidade de mesturarse con outras artes. Eu atopo moi divertido facer esa mestura, pero non básico nin necesario. O básico e necesario para a poesía que eu fago é a palabra. O resto son cousas a maiores que a min me parecen entretidas, curiosas, divertidas… pero o futuro da poesía supoño que seguirá sendo a palabra.

O mar… “ronca o mar” escribía María Canosa, o mar de Bernardino Graña… Xa cho teñen preguntado abondo, pero imos facelo unha vez máis… que supón para ti, unha persoa nada na Costa da Morte, o mar? E para a túa poética?

O mar é parte da miña paisaxe persoal e sentimental, como supoño que será a montaña para un tipo do Courel, e por iso está tan presente na miña obra con diferentes significados.

Antes falabamos dos recitais, da mestura música-poesía… que nos podes contar dunha actividade que levades a cabo Lucía Aldao e ti verbo desta interacción?

Lucía e eu levamos dez anos facendo “Aldaolados”, que son recitais nos que mesturamos as nosas historias chistosas (ou non), a música da guitarra de Lu e a súa voz, e a poesía das dúas. O que facemos é intentar demostrar que a poesía non ten porque ser un trauma para o espectador sen ter que facer nós poemas de chiste, senón facendo os nosos poemas tal cal son. É unha experiencia xenial para nós, que o pasamos moi ben, e, polo que din, para moito público, que adoita virnos ver e pasalo ben.

maria-lado-2Dicíanos Octavio Paz: “Erotismo e poesía: o primeiro é unha metáfora da sexualidade, a segunda unha erotización da linguaxe”. Ti, que impartiches cursos sobre poesía erótica, que pensas deste pensamento anterior?

Non vou vir eu aquí a desdicir a octavio Paz.


Se a fin de contas a poesía é a expresión do íntimo, por que cres que aínda se ve como algo tabú o erotismo poético?

Ben, eu non creo que se vexa como algo tabú, realmente. Eu creo que a xente xa está preparada para iso e para moito máis. Ás veces pensamos que o público se ruboriza por atopar “cona” nun poema, pero eu creo que se ruborizan máis cando len un poema malo anque fale da receita das filloas.

María, ti soes facer gala do teu galeguismo, da túa defensa do noso… Que terá que ocorrer neste noso país para que o noso idioma, a nosa cultura… se normalicen dunha vez e os que o traballamos nesa tarefa deixemos de ser “terroristas”?

Pois… se o soubera presentaríame a presidente do goberno, en serio. Supoño que ter un verdadeiro apoio institucional real, implicación, respecto e intelixencia, que mude a idea da maioría da poboación de que o galego non vale para nada.

Grazas, amiga María, e a seguires aportando banzos para esta nosa literatura na procura dunha normalización que temos que procurar desde dentro.

Deixa un comentario!