Menu Xerais

María Marco por «Coidadora», Antonio Manuel Fraga por «santoamaro» e Andrea Maceiras por «A folla azul», Premios Xerais 2020

 

 

En Vigo, o venres 18 de decembro de 2020, anunciouse o ditame da XXXVIIª edición do Premio Xerais de Novela, a XIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, os tres premios dotados con 10.000 euros cada un.

 

 

«A folla azul» de Andrea Maceiras

Premio Merlín de Literatura Infantil 2020

 

O xurado da XXXV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 43 obras, acordou por unanimidade, declarar como gañadora a obra «A folla azul» de Andrea Maceiras

O xurado da XXXV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 43 obras, formado por: Marta Añón Montes (Mestra e autora de material educativo), Sonia García Vidal (Mestra, ilustradora e videógrafa), Víctor Pérez Estévez  (coordinador do Club de lectura Lendo Contigo de Espazo Lectura), María José Pousa (Asesora técnica docente de bibliotecas escolares), Mario Regueira (escritor e crítico literario) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: «Fedora», «Husu» e «O moucho está no Penedo».

Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Husu», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Andrea Maceiras  e corresponde ao título «A folla azul».

«A folla azul» en palabras do xurado:

«A folla azul» narra en primeira persoa a historia de Husu Aké, unha nena pertencente ao pobo amazónico dos Tacaré.

No corazón da Amazonia, sen contacto coa civilización occidental, a vida da tribo transcorre marcada polo ciclo da natureza e rexida polo espírito de Bekororoti. Ata que un día, a sabia avoa Arumi ten un soño premonitorio e presente que se aveciña un desastre. Sabe que é o momento de contarlle á súa neta Husu Aké, «a nena dos ollos de luz», o segredo que leva gardando durante anos e preparala para salvar o seu pobo da ameaza, a enfermidade e a morte.

Husu Aké emprende entón unha viaxe heroica na procura dunha folla azul, o único remedio capaz de salvar os seus segundo o soño da avoa Arumi. Durante esta aventura terá que infrinxir leis e mandados ancestrais e descubrirá que existe un lugar máis alá do «mundo verde» onde se perdeu o amor pola Nai Terra. Un mundo que constitúe unha ameaza de morte para o seu modo de vida, mais que asemade lle brinda oportunidades para loitar por preservalo.

Cun dominio da arquitectura da narración na que destacan as descricións xeográficas e antropolóxicas, a través do uso dunha linguaxe precisa e fluída, «A folla azul» é unha novela de fondo compromiso social. Un berro contra a desigualdade, contra a destrución dos recursos naturais, e un canto a favor da cooperación e do compromiso individual polo ben común. A autora lévanos nunha viaxe dende o respecto polas identidades propias que se vai achegando a unha visión aperturista ante o coñecemento de novas realidades.

Andrea Maceiras ao coñecer o fallo dixo:

Gañar un premio tan emblemático como o Merlín supón para min cumprir un soño de adolescencia e, máis aínda, facelo con esta novela. Vivimos nun mundo globalizado, mais acotío esquecemos que formamos parte dun mesmo planeta, dun todo indivisible. Porén, a miña experiencia dime que os nenos e nenas de hoxe en día son especialmente sensibles e lúcidos no que respecta ao ecoloxismo e a defensa da natureza. Como adultos e adultas, adoitamos dicirlles que un mundo diferente é posible. Erramos na nosa mensaxe: non se trata dunha utopía, senón unha realidade. A vida das tribos amazónicas non contactadas, apenas imaxinable para nós, é a proba. Escribín esta historia pouco antes da pandemia e creo que agora ten aínda máis vixencia. A fraxilidade de Husu, a nena protagonista, e da súa tribo é tamén a nosa. E o mesmo sucede coa súa fortaleza.

 

«santoamaro» de Antonio Manuel Fraga

Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2020

 

O xurado da XII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 24 obras, acordou por unanimidade, declarar como gañadora a obra «santoamaro»de Antonio Manuel Fraga.

O xurado da XII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 24 obras, formado por: Pablo G. Freire (redactor na revista online de literatura xuvenil El Templo de las Mil Puertas), Selina Otero (xornalista en Faro de Vigo), Cristina Álvarez Pérez (profesora de Educación Secundaria e coordinadora do Comando Le de Espazo Lectura) María Xesús Nogueira (profesora na USC e crítica literaria), Brais Nogueira (xornalista)  e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: «Doppel», «Santo Amaro» e «Xules».

Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Santo Amaro», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Antonio Manuel Fraga e corresponde ao título «santoamaro».

«santoamaro» en palabras do xurado:

Un grupo de amigos e amigas que acaban de rematar bacharelato deciden reunirse todos os sábados do verán pola noite na coruñesa praia de Santo Amaro. Queren aproveitar o tempo que lles queda antes do inicio dun novo curso con cambios importantes que poden supoñer a súa separación.

As relacións que se establecen entre eles e elas durante eses dous meses e medio, a evolución da súa personalidade, as preocupacións que lles xorden por distintos motivos vitais e a resolución deses conflitos propios da idade adolescente conforman a trama da novela, presentada como unha función teatral cuxo escenario é a propia praia.

Os capítulos en que se estrutura, organizados como actos dunha obra dramática, ábrense coas mensaxes do grupo de WhatsApp mediante o que se comunican, que transmite certa información de relevancia tendo en conta as variacións que nel se van producindo.

En gran medida, a obra está narrada cun estilo directo onde os diálogos áxiles e adecuados a cada personaxe son a cerna dos acontecementos. Coa utilización dunha linguaxe próxima, clara, concisa e con intervencións nas cales figuran referentes actuais coñecidos polo lectorado, «santoamaro» consegue manter a tensión ata as últimas páxinas.

Por outro lado, a voz narradora insire na novela aspectos relacionados coa textualidade teatral que lle conceden á obra varias capas de lectura e que provocan en quen le unha novidosa reflexión sobre o propio acto de creación literaria. Así mesmo, esta voz narradora vai xebrando sutilmente pero con precisión a lograda ambientación acorde cos acontecementos que envolve todo o relato.

Antonio Manuel Fraga explicou que:

Sempre é unha alegría recibir un premio, mais este ten un aquel especial por dúas  razóns persoais. Primeiro, porque a escrita deste texto supón transitar camiños que eu aínda non explorara, un afastamento voluntario dos espazos onde me sinto cómodo. E segundo, porque é a primeira novela que fun quen de rematar cun novo rol nas costas, pai dunha meniña pequena, o que implicou unha revolución dos meus horarios e tempos de escrita.

O título, «santoamaro», fai referencia ao lugar a partir do cal construín a ficción, a praia urbana de Santo Amaro, que servirá de único escenario dun texto narrativo en constante diálogo co teatro. Ten ademais o texto unha clara vontade de conectar coa contemporaneidade. Os personaxes son doce rapaces e rapazas que gozan do verán despois do último curso de Bacharelato. O meu traballo diario con persoas desta idade serviume como aprendizaxe e pulo para construír unha historia moi pegada á vida e (ás veces) á súa crueza.

 

«Coidadora» de María Marco Covelo

Premio Xerais de Novela 2020

 

O xurado da XXXVII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 54 obras, acordou por unanimidade, declarar como gañadora a obra«Coidadora» de María Marco Covelo.

O xurado da XXXVII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 54 obras, formado por: Noa Moreira (poeta), Carlos Coira (libreiro), Alberto Cifuentes  (profesor), Sara Vila Alonso (xornalista), Iria Pedreira Sanjurjo (filóloga e tradutora) e Ramón Nicolás (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: «As cerdeiras», «Batemos na porta do mundo» e «Por min e por tódalas compañeiras».

Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Por min e por tódalas compañeiras», que, despois de aberta a plica, resultou ser de María Marco Covelo e corresponde ao título «Coidadora».

«Coidadora» en palabras do xurado:

«Coidadora» que acadou o Premio Xerais de Novela 2020 por unanimidade, aborda un tema de actualidade como é o das coidadoras e faino desde a perspectiva de alguén que coñece ben esa profesión de maneira que é quen de meternos na pel das persoas que o desempeñan, facéndonos partícipe da angustia que, en ocasións, provoca este traballo.

Ademais, o xurado salienta a inclusión na novela de focos temáticos vinculados coa ciencia, o  lirismo que agroma que en moitas das súas páxinas e a existencia de distintos niveis de lectura da mesma, sen esquecer o feito de que a proposta configura unha lectora, un lector, activo e interveniente e, en xeral, ofrece un traballo literario pouco convencional e arriscado.

Por último, o xurado quere destacar o desenvolvemento dun rico tecido simbólico e o excelente pulso narrativo que exhibe no que entende como unha novela orixinal e suxestiva.

Unha novela distinta, atrevida, capaz de dialogar cos problemas da sociedade actual, que dará moito que falar.

María Marco Covelo (Vigo, 1979) é licenciada en Humanidades e doutora sobresaínte cum laude en Belas Artes cunha tese sobre o retorno da textualidade na práctica artística contemporánea. Actualmente compaxina a crítica de arte co comisariado de exposicións colaborando habitualmente no suplemento El Cultural do xornal El Mundo e na revista Tempos Novos, entre outros. Desenvolveu a maior parte da súa vida profesional fóra de Galicia, de onde tivo que marchar con tres anos, vivindo en diferentes cidades e países, entre eles os Estados Unidos, e á que retornou recentemente para centrarse máis en profundidade na escrita.

María Marco Covelo declarou:

Gañar o XXXVII Premio Xerais de Novela é, sen dúbida, unha grande honra, pero cando o gañas coa túa primeira novela convértese no inicio dun camiño novo e excitante por explorar. Tamén dá un pouco de vertixe, mais sobre todo dáme forzas para seguir investigando nas entrañas da miña escrita para continuar a alimentala e que floreza máis forte e máis bela. Quero agradecer ao xurado que apostase -por unanimidade!- por esta historia radical e chea de matices, de capas, de fragmentos das diversas realidades e tempos aos que se enfronta unha coidadora. Só podo engadir que moitas grazas por este momento de felicidade inesquecible.

A noticia foi recollida polos seguintes medios de comunicación:

Comentarios pechados