Menu Xerais

María Reimóndez: «O Club da Calceta» e «Pirata» abordan as formas de violencia sutís ás que nos enfrontamos as mulleres. Entrevista de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás recolle no seu blog, Caderno da crítica, unha entrevista con  María Reimóndez que publicou no número 174 da revista Que Leer.

 

María Reimóndez: «Experimento co estilo»

 

María Reimóndez (Lugo, 1975), vive en Vigo e exerce como tradutora e intérprete. Recibiu numerosos galardóns literarios e realizou diversos traballos de investigación e divulgación sobre feminismo. Fundou en 1998 a ONG «Implicadas no Desenvolvemento», que preside na actualidade, e da que falamos nesta entrevista. Para adultos, entre outros títulos, publicou O club da calceta (traducido ao castelán en Algaida) e Pirata. A súa próxima  novela –En vías de extinción– aparecerá en galego a primeiros de maio e en castelán a final de ano na editorial compostelá «KNS Ediciones».

(Foto de Achim Wagner)

Como tradutora a súa última achega reflíctese en Despois da medianoite, de Salma. Fáleme desta experiencia concreta.
Para min foi sobre todo unha gran responsabilidade. Para as persoas que entendemos a tradución como unha práctica ética na que o poder desempeña un gran papel, traballar coa voz de «a outra»por excelencia requiría unha serie de estratexias moi reflexionadas pola miña banda. Ademais foi un gran pracer dado que é unha novela magnífica, chea de matices e capas de lectura.

Coincide en que O club da calceta e Pirata únense por unha común preocupación pola identidade e polo papel da muller?
Creo máis ben que ambas as dúas se ocupan do poder. O club… achégase ao poder no cotián e sobre todo ás formas de violencia sutís ás que nos enfrontamos as mulleres cada día dende un punto de vista optimista onde a unión na diversidade supera as dificultades. Pirata intérnase como ben di na identidade de xénero, de clase e de orientación sexual nunha viaxe pola Idade de Ouro da pirataría, pero nela hai tamén un cuestionamento da historia patriarcal e do papel que deixou, silandeiro, ás mulleres en xeral e ás  lesbianas/bisexuais en particular.

E onde radicarían as diferenzas destas novelas?

As diferenzas destas dúas novelas creo que falan bastante das miñas inquedanzas como autora. Son unha persoa moi curiosa e gústame moito experimentar co estilo narrativo. Á parte das diferenzas obvias (unha é contemporánea, outra traslada un tema contemporáneo a outro tempo e lugar) creo que a diferenza central é a forma na que están escritas.

Igualmente escribe para xente máis nova, cal é súa experiencia neste ámbito?
Sen dúbida marabillosa. A literatura infantil é un espazo para falar de cousas importantes pero dun xeito diferente onde a imaxinación non ten fronteiras. Ademais, divírteme moito escribir para un colectivo tan esixente como entusiasta!

Coordina dende hai tempo a ONG Implicadas no Desenvolvemento, cales son os seus obxectivos?
Os obxectivos son promover unha conciencia crítica na nosa sociedade en xeral e en Galicia en particular sobre como nos relacionamos cos pobos do Sur dende un punto de vista de xénero. O noso traballo é político e crítico e nel a cultura como ferramenta de cambio e de alianzas coas activistas do Sur ten un papel fundamental. Nese marco entendo tamén a tradución de Salma, a quen primeiro traducín para un libro da organización, Vanakkam-Benvidas, de poetas galegas e támiles.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados