Menu Xerais

María Solar: «Son escritora porque o levo dentro»

Noticieirogalego.com publicou unha entrevista que lle fixo Carlos Loureiro Rodríguez á escritora  María Solar.

 

María Solar: «Son escritora porque o levo dentro»

María Solar (Santiago de Compostela, 1970). Poderíase dicir que comparte a súa profesión como xornalista, especialmente na CRTVG, (presentadora de “Zig Zag diario”, “A revista fin de semana”…) coa súa actividade literaria, especialmente dirixida a lectores infantís e xuvenís (Boa sorte // Vou ter un irmán!!! // A verdadeira historia da mosca da tele…) onde temos que salientar a obra O meu pesadelo favorito (“Premio Lazarillo de Creación Literaria” 2014).

Xornalismo, Bioloxía, Maxisterio… e ao final remataches como xornalista. Circunstancial ou máis ben foi por vocación real?

Foi simplemente que a vida vai amosando camiños segundo a vas vivindo. Eu quería ser mil cousas desde actriz a presentadora, pasando por médico, era difícil escoller. Pero realmente ás idades que empezamos a elixir o noso destino nin sequera sabemos o abano inmenso de posibilidades que a vida che ofrece. Eu ía ser mestra, e un bo profesor de bioloxía fixo que decidira facer tamén esa carreira. Pero mentres, xa traballaba en dobraxe para ir sacando uns cartos. Da dobraxe pasei á radio en Radio Compostela. Sempre estudei e traballei, e foi moi positivo para min, pese ao duro que era. Un día tiven que elixir entre un contrato de mestra ou seguir co traballo que tiña na radio, por horas e sen ningunha seguridade, daquela estudaba bioloxía. Elixín co corazón e creo que gañei. Rematei a carreira e chamáronme para facer unha proba na Radio Galega porque me escoitaran en directo. De aí xa veu todo, a Radio Galega e a TVG. Entre as dúas levo 18 anos na empresa, os tres últimos en plantel. Xornalismo estudeino cando xa era xornalista de profesión. E teño que dicir que estou orgullosa da miña formación, todo me serviu, e todo é parte de min.

E tras toda esta formación, escritora… por vocación, por evasión, circunstancial…?

Son escritora porque o levo dentro. Eu escribía xa no instituto. Os dous primeiros libros que fixen foron moi nova, de encarga, sobre didáctica da ecoloxía e do mar. Atreverte a enviar os teus textos de ficción a unha editorial veu moitísimo máis tarde. De feito o primeiro que publiquei foi hai relativamente pouco tempo, no 2008.

”A literatura é a arte de escribir algo que se le dúas veces; o xornalismo, a de escribir algo que se le unha vez.” Se puideres vivir de calquera das dúas facetas, quedaríaste coa perpetuidade do escrito literario ou co fuxidío do xornalístico?

A perpetuidade do literario eu creo que está, lamentablemente, un pouco esvaecida nos últimos anos. Cada vez ter un clásico é máis difícil e o mercado nútrese das novidades. En todo caso, o xornalismo é a miña vida, e a escrita a miña paixón. Pero todo son caras da mesma necesidade que é a da comunicación. Síntome comunicadora por natureza. Sexa na radio, na tele ou nos libros contamos historias, facémosllas chegar ás persoas. Eu presento sempre para alguén, non lle falo a unha cámara, fálolle a unha persoa que me escoita e me ve. Nos libros igual, escribo para quen me le. A diferenza é que nun son historias reais, e no outro, invéntome mundos propios.

Na actualidade da nosa literatura vemos que aquela máis dirixida cara lectoras e lectores de menor idade está a pasar por un momento realmente álxido… Por que a túa pluma se dedicou até agora a escribir para estes receptores?

Non sabería dar unha razón. Non son consciente de que a haxa. Simplemente a idade a quen me dirixo márcama a historia que quero contar. Pero ollo, calquera dos meus libros teñen un solo pero non un teito. Pódenos ler nenos pero tamén maiores, para iso traballo con niveis de lectura, de xeito que o adulto profundiza máis nalgunhas claves que os nenos pasan por riba. E realmente creo nesa literatura “para todos os públicos” como o cine.

Nalgún momentmaria-solar-foto-xoan-dieguezo esta pluma procurou outro tipo de lectores?

Hai unha novela inédita, pero xa asinada, que sairá o ano que vén en galego e castelán. Unha historia de amores e paixóns, chea de reflexións sobre a vida, e pide un público adulto.

Practicamente o teu traballo xornalístico transcorreu sempre na Radio e na Televisión galegas… Cres que estes medios cumpriron aqueles obxectivos digamos normalizadores con que naceron van alá trinta anos ou aínda falta traxecto que percorrer?

Eu teño moi presente o que foi e o que é a TVG e a Radio Galega no tocante ao idioma. Levo 18 anos traballando no idioma que falo e iso só pode ser alí. Só quedan en galego algúns xornais dixitais e máis nada. Pero non nos enganemos a culpa é nosa, deberamos demandar máis galego nos medios. As empresas responden ao mercado, e o mercado non o esixe, polo que tampouco o esixen os seus propietarios. Cando a TVG abriu eu era moi nova e lémbroo perfectamente, é innegable o carácter normalizador que desenvolveu. É o que debe facer, e o que hai que esixirlle, á empresa e a nós, os xornalistas da TVG e a Radio Galega, que debemos amar e mimar o idioma porque é a nosa razón de ser como medio.

Fuches presentadora na TVG dun programa cultural dos máis relevantes para a nosa cultura (“Zig-Zag”). Que función cumpre unha presentadora dun xornal destes? Non será soamente o de presentar, non?

Cando presentataba o “Zigzag” tamén coordinaba as seccións de libros e arte. Buscaba e decidía temas a tratar nas entrevistas e nas reportaxes xunto coas demais coordinadoras das outras seccións. O traballo era inxente, e tamén marabilloso. Cando fas un programa diario de cultura decátaste de cantas persoas hai traballando nela no país, nas máis diversas facetas. Logo, como presentadora e sobre todo como entrevistadora debes respectar ao convidado documentándote todo o que podes, lendo os libros, vendo as obras de teatro, ou no posible os concertos ou os vídeos. Era un traballo sen horario, pero no que fun moi feliz e sentinme moi útil á sociedade.

Tamén tes presentado outros programas culturais… Que lles forneciches ti a estes programas e, por outra banda, que che forneceron eles a ti?

Hai dúas maneiras de presentar a cultura á xente nos medios, igual que a ciencia, que tamén amo. Unha é en programas especializados, normalmente vistos por xente que xa os buscan. Así eu presentei o “Zigzag” ou o “Ciencianosa”. Son necesarios, pero para min é igual de necesaria a outra opción que é introducir a cultura e a ciencia nos programas xeralistas como un tema máis. Libros, investigadores, divulgación, cine, arte…e tc non son redutos para eruditos, nin aburridos. Pódense abordar nos magazines e buscar nova xente para a cultura e a ciencia máis alá dos xa concienciados. Aí coxeamos.

maria-solar-foto-eduardo-castro-balTras bastantes anos no programa de radio “As tardes da galega”, cando o deixaches non sentiches que estabas digamos encaixada abondo e necesitabas outros alicientes?

“As tardes da galega” deumo todo, alí fíxenme como xornalista e comunicadora. Aínda hoxe hai xente que me coñece pola voz. Foron oito anos moi exitosos de radio. Pero creo que unha das mellores cousas que me pasaron na vida é ter percorrido tantos programas, tantos equipos, tantos formatos en radio e televisión… a aprendizaxe é inmensa.

Nestes momentos temos a María Solar en “A revista fin de semana”… Sénteste mellor perante a cámara ou para unha xornalista é tanto ou máis importante o labor que hai por detrás?

Eu estou moi cómoda diante dunha cámara porque antes fixen moito labor por detrás. Son moi meticulosa, tento levar todo preparado ao 100% para despois, se me dá a gana no directo, improvisar ou introducir outras preguntas. Estiven diante e detrás das cámaras e dos micros, na rúa cun micrófono, nas roldas de prensa, coordinei, dirixín… todos os labores son importantes e necesarios. Se podo elixir prefiro estar diante do micro ou da cámara comunicando e en directo.

Agora vou poñerte nun pequeno apuro: ti que recibiches premios xornalísticos e literarios… con cales te sentiches máis recompensada?

Con todos, cada un na súa faceta. Pero tamén os relativizo moito, non aseguran o bo éxito do seguinte traballo, ese está por conseguir.

No 2014 gañaches o prestixioso “Premio Lazarillo de Creación Literaria” coa obra O meu pesadelo favorito. Sabemos que entendes un premio como algo circunstancial, pero nada máis ca iso?

O premio é a unha obra concreta, e así o entendo, hai que seguir traballando. Pero foi un recoñecemento moi significativo, máis aínda fóra de Galicia.

Por que xogares coa mestura do absurdo e o onírico para chegares a un mundo infantil-xuvenil? Ah, e poderíase definir esta novela como “obra infantil de humor absurdo”, tal e como apareceu por aí?

A novela é unha historia de humor absurdo e moito máis. Ten reflexión, ten critica social, fala das persoas diferentes, de que te fagan sentir raro, da perda dun ser querido… e de mil cousas máis, e está envolta no humor e tamén no absurdo como pilar creativo.

Dende logo que ás veces a realidade supera á ficción, como se soe dicir, pero é difícil encontrarmos literatura infantil-xuvenil sen o recurso do marabilloso, da ficción, non?

En O meu pesadelo favorito tiña claro que quería ter dous planos narrativos un, nunha realidade absurda (porque ás veces non hai nada máis absurdo e irreal que a realidade), e o outro no mundo dos soños e a febre, que me permitía crear os seres máis fantasiosos como Dinorrinco, Hipodrilo, O doutor Ensaio, O extraterrestre ZZC5, o bar das mentiras ou a propia Alicia que serve de ponte de unión entre mundos, e aínda que está presente en toda a historia só aparece cara o final. Eu divertinme facendo ese xogo entre o posible e o imposible.

maria-solar-foto-eduardo-castroA escritora Ana María Matute está bastante presente en María Solar, non? E que bebeu a túa obra da dela?

Non son consciente de ter referentes na escrita, que seguro que os teño. De Ana María Matute o que hai en O meu pesadelo favorito é unha humilde homenaxe. O día que morreu dei a noticia na Radio Galega, e ao poñerme a escribir esa noite quixen lembrala a través dun vendedor de recordos de olores e olores de recordos ao que chamei Arsenio Matute no seu honor. Logo, cando gañei o premio Lazarillo, entereime de que xusto este ano fai 50 que ela gañou ese mesmo premio. E pareceume unha máxica homenaxe do destino.

Dicía Oscar Wilde “non existen máis ca dúas regras para escribir: ter algo que dicir e dicilo”… Calquera diría que é ben simple escribir, pero cumprirá algo máis, non?

Escribir ten certa técnica que vas adquirindo co tempo. Pero, evidentemente, hai algo máis que como na comunicación, no xornalismo ou na arte, ou tes ou non tes.

Tamén probaches como actriz de dobraxe… que lembras desa experiencia da posta en escena fóra de cámara?

Traballei moitos anos como actriz de dobraxe, primeiro compaxinándoo cos estudos e máis tarde compaxinándoo co traballo como xornalista. Dobrei tanto en galego como en castelán. É unha profesión que adoro e na que hai excelentes profesionais en Galicia.

E quédanos por che preguntar tamén da mestura dos teus estudos de Bioloxía coa literatura, no teu caso digamos que de momento ensaística (Ecoloxía na aula // O libro do noso mar)… Para cando obra narrativa didáctica e ecolóxica?

A bioloxía pertence á miña vida, son de ciencias metida ás letras e non só non podo evitalo, senón que o potencio e aprovéitoo en cada libro. Case toda a miña obra ten pinceladas científicas. E despois dos libros que citas de didáctica, fixen unha mestura entre ficción e divulgación que son Boa sorte e O tempo do revés. Pero un libro inédito que adoro é Teño uns pés perfectos, ten conto e divulgación. É un libro dentro de outro e sairá a finais de ano en Kalandraka en galego e castelán coas ilustracións de Gusti. Todo un luxo. Aí falo da zona máis esquecida e maltratada do corpo: os pés.

Vemos que as túas dúas últimas obras narrativas publicadas (A verdadeira historia da mosca da tele e O meu pesadelo favorito) foron traducidas ao castelán. Non se bota de menos que a nosa literatura pase a ser espallada noutros idiomas como feito realmente normalizador e universalizador?

Nos dous próximos meses sairán as dúas tamén en catalán. E no ano que vén teño asinadas outras tres traducións de obra anterior, máis a nova que sairá en galego e castelán. Para min este ano foi o ano do despegue nas traducións. Eu escribo en galego, sempre e todo, pero quero e desexo que os meus libros se lean no mundo enteiro. É moi difícil conseguilo pero tiven a sorte de que algunhas das máis importantes editoriais do país abríronme as portas e traducíronme, e faime moi feliz. Creo que é a vía para profesionalizar e normalizar o sector da escrita.

E para rematarmos, prezada María, poderías adiantarnos algo do teu futuro literario? Para cando novas obras de María Solar?

O futuro literario está nas traducións que van saír; no libro de Kalandraka Teño uns pés perfectos e ademais sairá a miña primeira novela para adultos. Será un lanzamento conxunto en galego e castelán do que aínda non podo contar máis, pero que vai ser moi importante para min. Estou inmensamente ilusionada.

Carlos Loureiro Rodríguez

Deixa un comentario!