Menu Xerais

Medio cento de lectores compartiron con Pedro Feijoo e «Os fillos do mar» a Cea Literaria de Sanxenxo

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a cea literaria que mantivo en Sanxenxo Pedro Feijoo sobre Os fillos do mar.

 

 

Cea Literaria en Sanxenxo

Despois da intensa xornada no Consello da Cultura Galega sobre «A cultura impresa na Rede», acompañei a Pedro Feijoo na Cea Literaria do Hotel Justo de Sanxenxo. Con  este encontro do autor d’ Os fillos do mar cun medio de cento de lectores e lectoras, iniciábase en Sanxenxo o programa de «Noites literarias» nas que se pretende gozar da gastronomía, da lectura e doutras expresións creativas. Un traballo en man común entre un cociñeiro, un adegueiro e un libreiro que funcionou á perfección. A cociña de Casa Justo presentou algúns dos novos pratos da tempada de primavera (como as filloas recheas de grelos e o polbo á grella con alioli de pistacho, excelentes!!!), a Adega Eidos puxo o seu albariño (xenial!), mentres que a Libraría Nós promoveu durante tres semanas entre os seus lectores e lectoras a novela coa que debutou o autor vigués. Un modelo que se amosou moi exitoso xa que na sobremesa a conversa co autor alongouse máis dunha hora, con algunhas intervencións moi analíticas, detalladas, entusiastas e, sobre todo, emocionantes por parte tanto dos lectores e lectoras coma do propio Pedro Feijoo nunha noite moi brillante. Beizóns ao noso admirado Xaime Corral por crear esta actividade chamada a converterse nun modelo da acción proactiva da libraría coa comunidade de lectores á que serve.

Manuel Bragado

Comentarios pechados