Menu Xerais

Medio século de «Longa noite de pedra». Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou onte no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro.

Ecoares de Celso Emilio

Vai alá medio século dende que viran luz por vez primeira os versos de Longa noite de pedra. Digo así e digo inexacto, pois o certo é que aquel emblemático poemario de Celso Emilio Ferreiro levaba no seu interior, como no ventre da balea, moita vida anterior. Ata el chegaran composicións que apareceran antes en Voz y voto (1955) e outras nas revistas Papeles de Son Armadáns e mais Vieiros.

E é que Longa noite de pedra non foi libro concibido unitariamente e si terra fértil aluvión. Sabido é que a idea do poema que dá título ao libro xurdira moitos anos antes, cando, por manifestar nunha tasca a súa antipatía contra o bando nacional, foi encarcerado durante catro días e tres noites nun zulo pétreo do vello mosteiro de San Rosendo, na súa Celanova natal. Corría o ano 37 e aquela vivencia carceraria, que o marcaría a lume, fixo agromar o espírito de Longa noite de pedra, liberando o aire das miasmas.

Vinte e cinco anos máis tarde Celso Emilio erguía as nasas poéticas que fora deitando aquí e acolá para amosar a prata líquida de Longa noite de pedra, unha ardora que ben pronto gañaría a todos, crítica e lectores, xa avisados da valía do escritor por portentos anteriores como O soño sulagado (1955).

Mais, visto dende os ollos dun lector de comezos do XXI, cómpre preguntarse se aquel éxito fulgurante do libro naceu unicamente da excelencia literaria que deitaba, que tamén xaora. E teño para min que boa parte da masiva aceptación daqueles versos lle veu á obra de Celso Emilio pola vía do musical. Non digo eu que Longa noite de pedra non fose sobradamente recoñecida e considerada dende o puramente textual como un fito indiscutible dende a propia hora da súa publicación. Non. O que afirmo é que se chegaron as súas composicións a converterse en verdadeiramente populares foi por arte e graza das versións que delas fixeron cantautores da Nova Canción que ben pronto alentaría. Noutras palabras: que os versos de Celso Emilio esponxaron naquela harmonía guitarresca producindo o mesmo efecto propalador que hoxe provoca a adaptación cinematográfica dun texto narrativo previo.

E a sombra da Longa noite de pedra foi alongada, pois a escrita sociopoliticamente comprometida e belixerantemente denunciadora do poeta creou escola que se estendeu ata entrados os anos setenta para, mudados os tempos e chegadas as airexas democráticas, ir devagariño pousando lene no Olimpo dos deuses literarios aos que vagamente se volve se as humanas xeiras non o precisan.

E velaí onde quero ancorar esta miña reflexión efemerística de hoxe, na consideración da actualidade e/ou vixencia do legado de Longa noite de pedra para os nosos días, pois, como tentarei explicar telegraficamente, son da opinión de que a súa escrita ha rexurdir e repopularizarse con forza inusitada nos tempos inmediatamente vindeiros. Máis aínda: ese camiño xa se empezou a andar.

¿Por que o Celso Emilio de “Longa noite de pedra”, de “Deitado fronte ao mar” ou o “Monólogo do vello traballador” proxecta unha mensaxe actualísima para os lectores deste novo milenio? Pois porque nunca antes nos últimos trinta anos viviu Galicia unha situación socioinstitucional de tan rabudo autodesprezo, de tan obsceno desmantelamento das estruturas socioidentitarias que foron erguéndose, con infinito esforzo e gañando mil e unha pequenas batallas, ao longo dos tempos democráticos. Eses logros vense agora en claro perigo de desaparición e o lectorado galego, que viviu décadas recentes aprendendo a desaprender a mercenarización da súa lectura, comeza a repregarse nunha sorte de contracción de anana branca da que, con seguranza, acabará por estoupar para a liberación definitiva. Nese vieiro libertario os versos de Celso Emilio seguirán ecoando como ensalmo esconxurador, como biblós votivo no que espellar, para seguir así o exemplo dos que antes de nós foron. Porque, como nos ensinou o poeta, “Erguerémo-la espranza/ sobre ista terra escura/ coma quen ergue un facho/ nunha noite sin lúa”. E os tempos dados veñen duros. E o inverno ha ser longo. Mais o lume que alampexa…

Armando Requeixo

Comentarios pechados