Menu Xerais

Memoria, imaxinación e humor: «Retallos daquela infancia», de Bautista Álvarez. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez.

 

Memoria, imaxinación e humor

Bautista Álvarez reúne neste volume dezaseis contos que recrean pola pola memoria a vida propia do rural galego da zona ourensá do San Amaro, onde naceu o autor, entre os anos corenta e os sesenta, mais adobiados cunha doses grandes de imaxinación e sen que falte o humor.

A maior parte dos contos parten das experiencias vividas polo autor entre o corenta e os sesenta nesa devandita zona rural ourensá. Ábrese o libro coa historia do morto descoñecido, relato en que a Garda Civil, dos anos corenta, é quen de atopar asasino, mais non de identificar o asasinado. A crítica aos procedementos da Benemérita naqueles anos da inmediata posguerra non ten desperdicio, polo seu ton humorístico e cheo de retranca: A singularidade do caso está en ser o primeiro, quizais o único, en que temos asasino sen saber quen é o morto. Parécese moito ao crime de Cuenca, coa diferenza de que alí os asasinos non tiñan morto (páx. 34). A seguir aparecen outros relatos centrados en festas e romaxes, como o da procesión de Santo Antonio, ou en figuras como o mestre andaluz que non fartaba de comer e beber gratis ou o do pobre donxoán Severo que remata, tras casar cunha fidalga, convertido en garda de tráfico en Ourense. Son personaxes realistas e que puideron existir entre os corenta e os sesenta, mais aparecen feitos e personaxes tocados por unha fantasía deformadora propia do relato popular, que, malia partir de personaxes e feitos rechamantes, os vai recreando con doses de imaxinación, sen que por iso perdan a verosimilitude.

Non faltan tampouco os relatos que podemos considerar xenuinamente políticos sobre a Galicia da Ditadura e mesmo da Transición como “O carniceiro de Figueiroa” ou “O pasaporte da IV Internacional”. Outro grupo de contos está formado polos que tocan temas relacionados coa relixión ou mesmo cos misterios da morte, o alén e a Santa Compaña. Todos eles se resolven dun xeito en que as leis da natureza se impoñen sobre as que podemos chamar senrazóns da superstición, mais o tratamento está cheo de lirismo e mais de humor, sen que falte o tremendismo, como acontece en “O cadaleito branco”. Cheos de lirismo e tenrura están así mesmo os relatos protagonizados por animais, nunha especie de fabulario popular galego de posguerra.

Xa que logo, conxunto de contos onde aparece o mundo rural da posguerra na zona do San Amaro, mais que é símbolo da Galicia rural e labrega daqueles tempos. Curas nacionalcatólicos, falanxistas, mestres ignorantes e un feixe máis de penalidades, mais iso non lles quita as ganas de vivir e ata o humor ás boas xentes do rural que poboan estes contos de Bautista Álvarez. Son todos eles integrables no realismo, mais nese realismo do conto popular que, sen adulterar esencialmente a realidade, a contamina coa fantasía e fai dos personaxes e dos feitos algo que é verosímil, mais que sae do convencional e acostumado. É unha especie de épica popular do mundo rural e labrego da posguerra.

Bautista Álvarez dá co ton que tiñan entre os corenta e remate dos sesenta os contos sobre feitos e figuras do contorno que se relataban daquela por todos os lugares nas conversas ou nas noites de inverno a carón do lume. A realidade aparecía adornada pola fantasía. Eu, que por orixe paterna son da mesma zona xeográfica ca o autor, podo dar fe de que Bautista Álvarez acertou con este rexistro do relato popular anónimo baseado en tempos e feitos reais que amenizaba a vida das xentes do rural antes da irrupción masiva da televisión e doutros entretementos de masas. Por iso, gocei tanto aos ler.

Por último, non quero deixar sen lembrar as notas irónicas e humorísticas que vai soltando ou autor, coma quen non quere a cousa, sobre temas políticos e sociais. Como se di na zona coma quen lle bota barro á parede. Valla como exemplo disto a humorística definición que dá da fidalguía: Era un home lido… Cousa rara entre a fidalguía, precursoa dos nin-nin, que nin traballaba nin estudaba (páx. 95). Comentarios coma este hainos aos feixes ao longo da obra e o lector agradece este sentido do humor.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados