Menu Xerais

Merecente de gabanza: «O espello do mundo», de Ramón Nicolás. Artigo de Xoán Carlos Domínguez Alberte

O xornal Sermos Galiza publicou un artigo de Xoán Carlos Domínguez Alberte sobre a novela O espello do mundo, de Ramón Nicolás.

 

 

O espello do mundo

Ramón Nicolás sitúa o epicentro do universo narrativo da súa primeira novela nas vizosas terras do val de Ramirás no século XII. Un período no que o poder eclesiástico do seu mosteiro estendía a súa área de influencia sobre un vasto territorio de dominio.

Dende o plano temporal do presente, un mozo, con domicilio en Vigo mais con raíces nunha parroquia -Escudeiros- deste concello, analiza o legado duns vellos documentos conservados –escritos en latín e en galego-portugués- dende aquela afastada época. Para o seu abraio estes abren un descoñecido mundo de sorpresas que el terá que desennobelar.

O dito corpus intégrao a correspondencia epistolar mantida entre a abadesa (que recibía o nome de ona) do mosteiro, Guiomar Méndez, e Hildegarda von Bingen, quen fora abadesa e magister en varios conventos femininos á beira do Rhin.

Mercé a esta valiosa documentación que se manexa abeirámonos a un tempo á vez remoto e ignoto que, a medida que van pasando as páxinas, non deixa de nos sorprender.

Así, nun período no que cobraba plena vixencia o ora et labora, ponse ao descoberto a visión dun, non inmaterial, mundo eclesiástico ateigado de intereses materiais. No cal acatamentos, posesión, décimos, rendas, aforamentos, lucros e privilexios (unido ao control espiritual das ánimas) non eran precisamente pecatta minuta.

Dende o interior deste envoltorio de intereses emerxe a complexa figura da abadesa alemá. Autora de varias obras, recreadora mesmo dunha lingua ex novo, é no eido humano onde radica a propiedade terapéutica dos seus vastos saberes.

Froito da súa capacidade de observación constrúe un amplo e meritorio catálogo sobre as propiedades sandadoras de plantas e animais, do que se dá conta amplamente na novela, o cal mesmo propiciará a aparición dunha corrente médica na Alemaña do seu tempo.

Non é este o único ángulo de interese, dado que a obra exhibe asemade unha esculca na condición –de orixe relixiosa– pecaminosa e impura da muller, o cal provocaba a súa marxinación e afondaba na súa exclusión social. Porén entrambas as protagonistas do epistolario non acatan esta visión miope e manifestan unha conduta que supera estritas normas e prexuízos de dominación machista de carácter sexual.

Polo demais, o libro serve para pór puntos de luz sobre unha xeografía que, ata non hai moito, gozou de vitalidade e riqueza –material e humana– e que agora, coma en tantos outros lugares da nosa nación acontece, sofre o abandono e o desleixo.

Neste sentido O espello do mundo constitúe unha magnífica metáfora que, dende a fermosura latexante do val de Ramirás, se erixe, con fachenda, como reivindicación do propio. Como recuperación dun pasado que nos pertence, abondo descoñecido, e do que extraer valiosos saberes. E, por riba de todo, como reflexo dunha terra rica e feraz que agora fica encoberta polo mato, esperando ser descoberta e posta de novo a producir.

Merecente de gabanza é, xa que logo, esta opera prima no eido narrativo dun autor coñecido e recoñecido, ata agora, fundamentalmente, polo rigor e bo facer do seu traballo no ámbito da crítica literaria e do ensaio. Unha novela que asemade insinúa lampos dunha vizosidade lingüística xa posta de manifesto polo autor en obras anteriores. Parabéns, entón, pola acometida nesta nova vertente creativa.

Xoán Carlos Domínguez Alberte

Deixa un comentario!