Menu Xerais

«Mesteres» de Arcadio López Casanova, tradución ao castelán en Cátedra

Dicir na historia da literatura galega contemporánea Mesteres é iluminar un espazo de creación lírica que é marca absoluta de identidade dun dos grandes poetas galegos do noso tempo. O libro de poemas titulado Mesteres, de Arcadio López-Casanova, viu a luz por primeira vez no ano 1976, en edición bilingüe galego-castelán, na valenciana colección de poesía Lindes, que dirixían os poetas e profesores universitarios Pere Bessó, Ricardo Arias e Ricardo Bellveser. E Mesteres –a poesía é un milagre de comunicación e centro produtor e irradiante de secretas e vizosas influencias– pasou a ser, xunto Con pólvora e magnolias, de Méndez Ferrín, unha obra fundamental na reorientación estética de fondo da poesía galega contemporánea. Esta obra emblemática de López-Casanova vería unha segunda edición no ano 1999, na colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais, baixo unha coidada edición de Román Raña Lama e con supervisión definitiva do propio autor, téndomos así –agora con 35 poemas, fronte aos 19 da primeira edición– a edición definitiva dunha obra que foi no seu día e segue a ser hoxe unha fonte de enerxía lírica amplamente significante entre nós. Pois ben, a “voluptuosidade formal” e a “fondura sentimental” que a mellor crítica viu nos Mesteres de Arcadio López-Casanova témola agora nunha nova e espléndida edición en castelán realizada por Xesús Rábade Paredes, tamén tradutor da obra, que ve a luz na moi prestixiosa colección Letras Hispánicas de Ediciones Cátedra. Eu, como lector, debo dicir que a tradución dos poemas de Arcadio López-Casanova ao castelán realizada por Rábade Paredes –”nunca literal”, confesa o poeta e tradutor chairego– é sinxelamente, digámolo así, unha obra de arte. Unha excelente e perfecta obra de arte. A ritmicidade profunda asociada á linguaxe que latexa, sonoramente viva, no idioma orixinal –marca do poeta– foi levada ao castelán por Rábade Paredes con mestría, creatividade e “divina proporción”. Agora Mesteres é un clásico tamén en castelán. Miguel Anxo Fernán Vello

Artigo publicado en Galicia hoxe o 31 de maio de 2010.

Sobre esta edición recomendamos moi vivamente, tamén, o artigo de José Manuel Estévez Saá, publicado en El Correo Gallego o 5 de maio de 2010.

Outrosí sucede coa entrevista de Camilo Franco ao autor en La Voz de Galicia, publicada o 25 de maio.

Comentarios pechados