Menu Xerais

Histórico, identitario, ensaístico, confesional: «O Miño. Un caudal de historia», de Anselmo López Carreira. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet unha recensión crítica sobre O Miño. Un caudal de historia, de Anselmo López Carreira.

 

 

Isto si que é un ensaio

En todas as literaturas e non só na galega, adoitan pasar por ensaios obras que non son outra cousa que resumos ou adaptacións de memorias, estudos ou incluso teses de doutoramento. Neste caso o autor presenta un verdadeiro ensaio sobre o río Miño,  desde o punto de vista xeográfico, histórico e mesmo como símbolo, no seu decorrer atravesando practicamente toda Galicia, do transcurso da historia no noso país, desde os remotos tempos da Prehistoria ata a actualidade.

O libro aparece composto por unha serie de artigos ou textos breves onde se tratan diferentes aspectos do río Miño, fundamentalmente os históricos. O autor, nestes artigos, utiliza un ton suxeridor e interpretativo sobre os feitos histórico-xeográfico-culturais que analiza sempre en relación co Miño. Así xa no artigo que abre o libro o autor non se contenta con describir os cambios que o desarrollismo trouxo na paisaxe do Miño áo seu paso por Ourense, senón que os interpreta como resultado do furor hidroeléctrico do franquismo e do célebre conde de Fenosa, o ínclito franquista Pedro Barrié de la Maza, en contraste cos plans que para esta mesma beira do río ao seu paso por Ourense tiña a República. É así unha suxestión ao lector para conservar no futuro a paisaxe de noso e non tolerar desfeitas coma as do feudalismo hidroeléctrico do Conde de Fenosa-franquismo, como ben o denominou Otero Pedrayo, lembrado precisamente noutro lugar deste libro.

O ensaio ten así mesmo un carácter confesional que fai que se encha xa non só de interpretacións subxectivas, senón mesmo de notas autobiográficas. Cando o autor nos fala do Miño, estanos tamén moitas veces a dar as súas experiencias de neno-adolescente na ribeira ourensá deste río. No caso de lugares visitados da beira do Miño tampouco faltan estas referencias persoais.

Grazas a estas referencias persoais, o autor logra establecer unha comunicación ou diálogo co lector, que, ao ler algúns artigos do libro, revive as vivencias de seu como habitante-visitante-turista da ribeira do Miño. Quen isto escribe sentiu que volvían á súa mente, ao ler os artigos dedicados ao Miño ao seu paso por Ribadavia-Castrelo de Miño, gran parte da súa infancia-adolescencia vivida nesta paisaxe antes da construción do célebre encoro de Castrelo. Este carácter subxectivo, persoal e suxeridor é básico no ensaio.

O libro ademais, coa súa gran variedade temática, remata por ser unha verdadeira historia de Galicia. O Miño é testemuña da invasión romana, dos irmandiños, da Guerra da Independencia e tamén da represión do 36. A referencia aos asasinatos na ponte de Castrelo de Miño resulta emocionante para todos os que somos desa zona, por exemplo.

Xa que logo, este percorrido histórico-xeográfico que o autor fai polo Miño permitelle pasar revista a toda a historia de Galicia, desde a Prehistoria ata hoxe mesmo. Na liña que vimos defendendo aquí, o autor amósanos unha Galicia e un galeguismo eminentemente progresistas e este percorrido polo Miño é así mesmo un estudo da Galicia progresista e dos seus grandes fitos, como pode ser a célebre chegada da primeira locomotora a Ourense, tan gabada por Curros, a lembranza da Galicia republicana e galeguista do 36 ou a crítica ao entrismo do grupo Galaxia. O autor, ademais, ten a valentía de non deixarse levar polo politicamente correcto e sitúa no seu lugar a franquistas como Pedro Barrié de la Maza, o célebre conde de Fenosa. Teñamos en conta que moitas das novas xeracións de galegos xa non saben quen foi Pedro Barrié e mesmo tenden a asocialo cun mecenas do galeguismo, posto que a Fundación Barrié de la Maza (creada como a Juan March para facer esquecer ou malinterpretar o pasado), que aparece nada menos que na web da RAG, fai que se asocie, hoxe por hoxe e polos máis novos, ese nome cunha sorte de galeguismo cultural e mecenado cara á cultura galega, o que evidentemente non foi así, por moito que a RAG acepte este patrocinio. Canto nos desgusta a moitos consultar o dicionario da RAG na web da Academia e toparnos alí con Barrié de la Maza!

Como non podía ser menos o autor tamén analiza o papel do Miño como fronteira con Portugal. Presenta como xorde esta fronteira e desmostra que, malia a independencia política do reino de Portugal desde a Idade Media, o factor decisivo na separación Galicia-Portugal foi a chamada Guerra de Restauração, 1640-1668. Desde 1580 Portugal formaba parte da monarquía hispana dos Habsburgo, mais en 1640, como ben sinala o autor, rebelarase contra a política castelanizadora do Conde-Duque de Olivares. Foron máis de vinte anos de combates e a fronteira miñota galega tivo un triste protagonismo. Tropas españolas ocuparon Monção. Pola súa banda, as tropas portuguesas saquearon Bouzas e Salvaterra estivo unha ducia de anos ocupada polos portugueses. Mais a fronteira galega con Portugal, ao contrario do que acontecía coa de Estremadura ou outras máis ao sur, sempre se caracterizou pola súa permeabilidade, mesmo contravindo as disposicións legais. O autor atribúe isto a que desde o propio nacemento do reino de Portugal, no século XII, a nobreza galega está fortemente implicada en Portugal. Deste xeito o fillo de Henrique de Borgoña, o primeiro rei de Portugal, era alcumado galego. Malia o enfrontamento Castela-Portugal que trouxo o triunfo da dinastía trastamarista no reino de Castela, non se quebraron as relacións populares entre as dúas bandas do río.

A Guerra de Sucesión, tras a morte de Carlos II, volveu suscitar o enfrontamento bélico con Portugal durante trece anos. Mais o autor sinala de novo, que esta guerra coma as outras, non conseguiu converter o Miño en barreira con Portugal: As guerras non semellan ter deixado cicatrices. Nunca os portugueses foron percibidos polos galegos como auténticos estranxeiros, a despeito das férreas fronteiras trazadas polos Estados modernos.

Para rematar só me queda engadir que o libro ten, como ensaio que é, unha evidente vontade de estilo. Para achegar ao lector os conceptos non dubida en utilizar recursos propios da linguaxe literaria como esa metáfora que define o Miño como vella columna vertebral das cidades galegas.  O autor sabe manexar os recursos da descrición literaria como cando nos describe o segundo nacemento do Miño en Fonmiñá (páx. 46). Así mesmo bota man de recursos narrativos para referir diferentes sucesos e acontecementos ou da síntese biográfica para presentarnos os personaxes históricos vinculados co Miño. Pero o máis rechamante é que manexa unha sintaxe de parágrafos curtos e de oracións breves cunha orde lóxica, que posibilitan a lectura e a dotan o texto deses tres ces que sempre se lle piden ao ensaísta: claridade, concisión, comprensión doada. Por todo iso, cremos que estamos perante un verdadeiro ensaio que nos enfronta, a través do Miño, coa historia e realidade de noso. A súa lectura e/ou comentario sería, ademais, moi acertada ademais nas aulas de Secundaria e Bacharelato.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!