Menu Xerais

Misterio, aventuras e educación viaria en «O misterio do Faro Vello», de Fina Casalderrey. Crítica de Carmen Ferreira

Carmen Ferreira Boo publicou onte 30 de agosto en El Correo Gallego unha recensión crítica sobre  O misterio do Faro Vello, de Fina Casalderrey, ilustrado  por Manolo Uhía.

 

 

O misterio do Faro Vello

A nova achega narrativa de Fina Casalderrey propón misterio e aventuras sen esquecer o tratamento da educación viaria

Unhas estrañas luces no faro, unha panda de nenos, un personaxe diabólico, unha mascota moi ben ensinada, unha avoa enigmática e unha auténtica amizade son os elementos que caracterizan a última achega narrativa de Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1952), O misterio do Faro Vello, publicada na colección “Sopa de Libros” de Edicións Xerais de Galicia e dirixida ao lectorado a partir de 10 anos.

Nesta obra que reescribe sutilmente, cun cambio de título, a historia de 1 pulga, 5 amigos e 1 tándem (Concello de Pontevedra, 2009), a autora tampouco renuncia á finalidade educativa da literatura, ao traballar diferentes valores e contidos transversais.

Trátase dun relato de misterio no que se narran as aventuras dunha panda de nenos e nenas que queren descubrir a orixe das misteriosas bólas de luz que flotan pola noite sobre o Faro Vello.

ESTRATEXIA NARRATIVA.

Estas aventuras son a estratexia narrativa que emprega a autora para tratar temas transversais como a educación viaria e a discapacidade visual. Así a educación viaria adoba toda a narración e aparece xa no inicio cando Lorena, a nena protagonista, descobre que seu pai morrera nun accidente de tráfico e, debido a iso, súa nai se volvera unha maniática insistente en que se cumprisen as normas de tráfico.

Tamén se incide nesta temática cando Lorena recibe unha bicicleta como agasallo de aniversario e ten que aprender as normas de circulación ou cando misteriosamente a vila mariñeira de Beiramar sofre un caos circulatorio debido a que os sinais de tráfico e pintadas da estrada aparecen borrados con tinta negra de lura.

O tema da discapacidade visual represéntase coa figura de David, amigo de Lorena, quen perde a vista nun fatal accidente de bicicleta provocado pola maléfica acción dun diaño cheirento, ruín e rebuldeiro, que adopta a forma dun neno, chamado Belial Viario (apelativo hebreo de Satanás) e que será o contrapunto das ensinanzas desta historia: non só se encarga de transgredir todas as regras de seguridade, senón que incita aos demais a quebrantalas.

 

BARREIRAS ARQUITECTÓNICAS

David, cunha sorprendente forza de vontade e a axuda de seus amigos, será quen de continuar cunha vida normal e superar os atrancos desa perda visual e as barreiras arquitectónicas coas que se atopa en Beiramar.

Un ameno, tenro e entretido relato cunha linguaxe sinxela e coidada para ler este verán no que o lectorado infantil atopará boas mostras da verdadeira amizade, bos consellos viarios para corrixir as imprudencias e aplicar nas súas saídas estivais en bicicleta, ademais dunha intriga na que o ben trunfa ao mal.

Todo isto acompañado novamente do bo traballo ilustrativo de Manuel Uhía (Portonovo, 1944), que reflicte moi ben os protagonistas e diferentes escenasnarrativas co emprego de cores transparentes e luminosas aplicadas con acuarela.

Deixa un comentario!