Menu Xerais

Misterio con recendos de herbas perfumadas: «O aroma do liquidámbar», de An Alfaya. Crítica de Celestino Amarante

Celestino Amarante publica en El Correo Gallego unha recensión crítica sobre O aroma do liquidámbar, de An Alfaya, ilustrado por Marina Seoane.

 

Un arrecendo moi especial

‘O aroma do liquidámbar’, de An Alfaya, envolve o lectorado agardado de recendos de herbas perfumadas en tempo de crise

A escritora An Alfaya (Vigo, 1964) vén de dar a lume O aroma do liquidámbar (Edicións Xerais de Galicia, 2012), un relato ilustrado por Marina Seoane (Madrid, 1957) e dirixido ao lectorado autónomo que ten como protagonista a Miro, un neno de nove anos ao que os maiores lle agochan un importante segredo: o feito de que Susana, súa nai, estea no cárcere.
O misterio, característico doutras narracións de Alfaya e quizais vinculado coa profesión de detective privado da autora, volve estar presente tamén nesta obra, mais axiña lle será resolto a Miro e ao lectorado agardado grazas á intervención do tío Fermín.
Este, despois dun enfrontamento do protagonista cun compañeiro de clase, e en contra da vontade da avoa Manuela, toma a decisión de lle contar ao sobriño as razóns polas que Susana está presa e nas que as drogas, as malas compañías, a pouca formación e a crise teñen moito que ver.

coñecemento da verdade. O coñecemento da verdade provocará no rapaz un cambio de actitude e comportamento, mais co apoio de familiares e amigos volverá novamente ao seu. Neste transo, ademais da axuda do tío Fermín, será fundamental a proporcionada por Daniel, un neno natural de Guatemala que, despois de residir en diferentes lugares de España, chegou a Galicia cos seus pais, Humberto e Adelaida.

Adelaida encherá de recendos (a canela, a loureiro, a lavanda, etc.) a casa e os negocios da familia de Miro e contaralle a ambos os rapaces cousas do seu país e da súa estancia en España, mentres que Humberto alegrará coa súa harmónica e bo humor a ebanistería do tío Fermín.

Pola súa banda, Daniel un apoio para Miro, pois, unha vez que Adelaida teña que deixar unha tempada a familia para atender en Guatemala a súa nai enferma, ambos compartirán os seus padecementos pola ausencia das respectivas proxenitoras.

Trátase dun relato moi actual no que a crise económica ten gran protagonismo, pero no que tamén están presentes a aceptación doutras culturas; a necesidade de deixar o país no que naciches e emigrar a outro con costumes e oportunidades diferentes no que non sempre es ben acollido; o bullying ou acoso escolar que, por desgraza, ten maior presenza nas escolas e institutos do século XXI.

Tamén trátase a importancia dos centros educativos e dos seus traballadores á hora de axudar ás familias a solucionar certos problemas; as consecuencias da drogadicción; a mala ou inexistente formación das persoas, que dificulta o acceso a mellores postos de traballo e xeitos de vida, ou mesmo os distintos comportamentos das persoas maiores e da xente máis nova ante determinadas circunstancias.

O aroma do liquidámbar constitúe unha lectura interesante polos temas que aborda mais na que se pode obxectar a linguaxe e o comportamento, nalgún momento da narración, demasiado maduros para un rapaz de nove anos.

 Celestino Amarante

 

Deixa un comentario!