Menu Xerais

Moi entretido: «O Castañeiro de Abril», de Antonio Manuel Fraga, Premio Merlín 2013. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog unha recensión crítica sobre O Castañeiro de Abril, de Antonio Manuel Fraga, Premio Merlín de Literatura Infantil 2013, ilustrado por Antonio Seijas.

 

O motivo do neno pobre e explotado

Un dos motivos tratados pola narrativa infantil-xuvenil é o do neno pobre e explotado. É en definitiva o modelo de Oliver Twist. Antonio Manuel Fraga aproveita este molde achegándolle ademais unha boa dose de fantasía, especialmente coa figura do personaxe que lle dá título ao relato, de tal xeito que consegue unha adecuada mestura de realidade-fantasía.

O realismo, nunha liña que lembra a Dickens, vén dado polo tema, mesmo lacrimóxeno, do neno pobre e abandonado no poder dunhas avarentas e caricaturizadas tías, as irmás Carabullo, que o explotan e se quedan cos seus bens. Nese medio realista aparece a figura marabillosa do Castañeiro no mes de abril, cando xa non hai castañas, que lle propón ao protagonista curiosas adiviñas, polas que pasa a converterse nun heroe popular ao librar a vila de grandes males.

A carón do motivo realista do neno pobre e explotado e mais do do ser misterioso (o Castañeiro) que o protexe, hai un terceiro elemento no relato: o pai emigrante para conseguir cartos e sempre desexado polo fillo.

Neste ambiente Baltasar, o rapaz protagonista, vaise ver convertido en heroe mediático pola súa capacidade adiviñatoria. Están logradísimas as páxinas en que se caricaturiza os reality, comezando pola presentadora Pastora Caínzos. Tanto a súa caricatura coma a das irmás Carabullo está plenamente lograda.

Unha nova profecía, que ha de desentrañar o protagonista Baltasar e que lle foi comunicada de novo polo Castañeiro de Abril, converterase no nó do argumento. Como  o desentrañamento da profecía sempre salvaba dalgunha desgraza a vila e neste caso Baltasar non dá coa solución para a adiviña-profecía, isto crea unha situación de angustia na vila e mesmo en toda a comunidade, de tal xeito que ata os medios se ocupan do asunto, por medio da xa aludida Pastora Caínzos. Este nó e mais o motivo que desenvolve a profecía-adiviña lémbranos moito a cousa de Castelao Aínda eu non nascera, tanto no seu plan como no desenlace, ou mesmo no título do capítulo, “A noite da fin do mundo”.

No remate, todo conclúe felizmente para o protagonista, ao mesmo tempo que se resolve o enigma da derradeira profecía-adiviña do Castañeiro. Xa que logo, estamos perante unha narración que manexa adecuadamente unha serie de motivos que son propios da literatura infantil-xuvenil como o protagonista neno pobre e explotado, explotadores ou explotadoras malignas e ata caricaturizadas, os adxuvantes reais e fantásticos ou a ausencia do pai pola maquinación dos malvados, que no remate serán castigados. O mundo máxico do Castañeiro e das súas profecías-adiviñas abre o relato cara ao fantástico, que se ve rebaixado dun xeito profundamente anticlimático co desenlace e resolución da derradeira profecía, moi na liña irónica das Cousas de Castelao.

En fin, como alguén escribiu por aí noutro comentario desta obra, relato que resulta moi entretido xa non só para os cativos e cativas, senón mesmo para os maiores que conserven un chisco da capacidade imaxinativa e empática co fantástico que se lles presupón aos rapaces e rapazas. As ilustracións son un complemento visual acaído para a lectura. Abonde con lembrar as das irmás Carabullo que aparece na páxina 25. Como sempre digo, bo galano para estes días do Nadal.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!