Menu Xerais

Morreu Ray Bradbury, autor de «Crónicas marcianas» e «Fahrenheit 451», traducidas ao galego por Xerais

O escritor norteamericano Ray Bradbury morreu onte aos 91 anos de idade. Autor de libros xa míticos, Edicións Xerais de Galicia traduciu ao galego dúas das súas obras máis emblemáticas, da man de Magdalena Fernández Pérez: Crónicas marcianas e Fahrenheit 451.

Para Ray Bradbury, o poder da lectura radicaba no seu carácter de conquista colectiva, e así defendeuno en Fahrenheit 451, novela publicada en 1953 que constitúe unha distopía a través da que o autor describe un mundo onde os libros están prohibidos. Para Bradbury, lectura e escritura compartían a singularidade de seren celebración, pracer e ben social. Fillo de nai sueca e pai americano, o seu avó e bisavó era editores de xornais e desde moi cativo se revelou como ávido lector e escritor vocacional.

Ray Bradbury foi novelista, poeta, escritor de contos curtos, ensaios, obras de teatro e guións para o cine e a televisión. Está considerado como un dos máis importantes escritores de ciencia ficción do século XX. En 1989 foi nomeado Gran mestre da SFWA (Asociación de autores de ciencia ficción norteamericanos) e en 1999 recibiu o premio SF Hall of Fame por toda a súa carreira.

Entre a súa extensa obra narrativa, formada por máis dunha trintena de obras, podemos citar os libros de relatos O home ilustrado (1950) e os dous libros traducidos ao galego por María Magdalena Fernández Pérez, Crónicas marcianas (1950, Xerais 2004) e Fahrenheit 451 (1953, Xerais 2005).

 

 

Deixa un comentario!