Menu Xerais

Movida escríbese con V de Vigo. Recensión de Gustavo Hervella sobre «Vigo a 80 revolucións por minuto» de Emilio Alonso

O soportal de literatura do Consello da Cultura Galega, LG3, publica unha recensión crítica de Gustavo Hervella sobre o libro Vigo a 80 revolucións por minuto de Emilio Alonso.
 

Movida escríbese con V, de Vigo

Crónica da movida viguesa da década de 1980 realizada por Emilio Alonso, colaborador activo deses acontecementos que supuxeron unha renovación conceptual das artes nunha época convulsa en Vigo. Un movemento cultural que tivo na música a súa bandeira, aínda que tamén destacaron as artes visuais, o cine e a vídeo creación, o teatro, a banda deseñada, a arquitectura, o deseño ou a moda.

Gustavo Hervella. Santiago
Trala morte do ditador e a instauración da democracia, a sociedade española gozou dunha liberdade que outros países xa experimentaran na década de 1960: A concepción hedonista do mundo pasou a ser a filosofía vital da última xeración que naceu coa ditadura e que desenvolveu a súa adolescencia na década de 1980. Este proceso chegou con vinte anos de atraso, pero cunha forza sorprendente no noso país. Madrid, Barcelona ou Valencia apareceron no mapa cultural europeo e, xunto a elas, unha pequena cidade de provincias, nunha rexión periférica: Vigo. O libro de Emilio Alonso Vigo a 80 revolucións por minuto relátanos —coa experiencia de primeira liña do propio autor— o acontecido na cidade olívica nos anos 80 co proceso cultural que se veu en denominar como “a movida”. “O Vigo de finais dos setenta e comezos dos oitenta era un ermo cultural”, e deste deserto xurde un movemento cultural sen parangón na cidade que repercutiu en toda Galicia e cuxas últimas rabexadas aínda se notan nos inicios do século XXI.

E sobre este ermo ao que se refire Alonso, creceu un movemento cultural que tivo na música a súa bandeira, aínda que tamén destacaron as artes visuais co colectivo Atlántica, o cine e a vídeo creación con profesionais como Chano Piñeiro ou Antón Reixa, o teatro, a banda deseñada, a arquitectura, o deseño ou a moda. Mais foi a música a que abandeirou a cultura naqueles anos; de feito, se hai que buscar o momento de nacemento do que se veu chamar posteriormente “movida”, sería o concerto de Siniestro Total no colexio Salesianos en decembro de 1981. No primeiro número da revista Tintiman afírmase: “Lo de Vigo se articula en torno a la música y es casi estrictamente musical”. Aínda así, e arroupados pola música, foron moitos os creadores que comezaron a experimentar e a traballar en literatura, artes visuais, moda ou deseño. E isto foi así porque o público vigués desexaba coñecer, quería saber que era o que se estaba a facer fóra e como iso repercutía nas súas vidas. É unha urbe nova, que durante a década anterior experimentou un crecemento exponencial de poboación e foi o lugar elixido polos emigrantes retornados de Europa; traían cartos e fillos que foron crecendo na cidade chegando a ser, quizais, a primeira xeración que de verdade se sentiu viguesa. Ao tempo, a dura reconversión industrial que levou á ruína a moitas familias e que creou un espírito especial entre os novos; como afirmou a xornalista Merche Yoyoa en El País: “Ser joven en Vigo, una de las capitales de Galicia más urbana, ciudad en la que nadie es vigués, es algo grande [….] Paisaje obliga y crisis y reconversión naval acompañan”. Este é o espazo onde se desenvolve a “movida”.

A postmodernidade, onde o lema era vivir o presente, foi a filosofía de vida de toda esta xeración. Trala segunda guerra mundial en Europa occidental houbo un intento de renovación das formas tradicionais da arte, da cultura, do pensamento e das relacións sociais. A España este proceso chegou despois, e fíxoo para quedarse. A provocación é o principal leit motiv da xuventude inconformista que xa non quere saber nada do franquismo e que está cansa da mensaxe de reconciliación que se institucionalizou na transición. En Vigo un neto e sobriño de asasinados en 1936, Javier Moreda, patrocina unha galería de arte, é produtor musical e axuda economicamente a todos aqueles que teñen algo que amosar culturalmente. Isto é o que se vivía en Vigo, tal como afirma o propio Emilio Alonso, “Pero o certo é que, finalmente, a todos poderían meternos nun único saco: o dos posmodernos”. E neste xeito de ver a realidade inscríbese o movida viguesa. Baste con lembrar algúns dos nomes con que se denominaron moitos: Golpes Bajos, Semen Up, Os Resentidos, Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano (como grupos musicais), Escupe, Tintiman ou Pharo the Bego (como publicacións alternativas) ou Kremlin e Ruralex (como lugares de encontro músico-social). Tamén a forma de vestir, de peitearse ou, simplemente, de vivir o día a día; como sinala o actor Antonio Durán Morris, “Ir a maquearse a Mara Costas te imprimía un sello de calidad” foron síntomas de diferenciación. Por que iso era o que se pretendía, amosarse no lado oposto á maioría. Deste xeito, vestir, falar ou traballar de forma distinta converteuse nun sinal de identidade dunha xeración para a que vivir o presente e rexeitar por igual o pasado e o futuro se converteu no seu principal axioma, “[…] despois da explosión dos primeiros anos da década, onde a diversión era o obxectivo primordial […]”.

A política, aínda que era rexeitada polos que protagonizaron a movida, estivo moi presente en todas as súas facetas. Lembramos os discursos, mitins e fotografías de Tierno Galván nos concertos da movida madrileña. Vigo tampouco se quedou atrás; “Desde os seus primeiros momentos de existencia, as institucións, o poder político, estivo moi preocupado por aproveitarse da movida”. Manuel Soto, alcalde “progresista” de Vigo tamén tentou converterse no protector e fomentador de todo este movemento cultural. As instantáneas xunto a Joaquín Leguina, Alaska ou os compoñentes de Gabinete Caligari en 1986 con ocasión do evento Madrid se escribe con V de Vigo —e do que deixou testemuño gráfico, entre outros, Víctor de las Heras— dan fe do afán protagonista duns políticos que, certamente, estaban aprendendo a marchas forzadas o seu traballo. Xunto a el, Antonio Nieto Figueroa Leri, propulsor dun “viguismo” que competía co “coruñesismo” do entón alcalde da cidade herculina Francisco Vázquez.

Compre sinalar que a cultura daquel momento era en castelán. O galego quedou relegado a uns poucos, os menos, que escribían e cantaban nesta lingua. Unha xeración creceu culturalmente como monolingüe, o que, por outra parte, nos axuda a comprender a realidade actual a respecto da cultura en galego: Vigo e A Coruña, as cidades da vangarda nos oitenta tiveron como lingua vehicular de cultura o castelán.

A Galicia actual é a que se xerou na década de 1980 tanto desde o punto de vista político —o estatuto autonómico foi aprobado o 21 de decembro de 1980— como social e cultural. Vigo deixou de ser só a cidade dos que traballan, a partires dese momento tamén soubo divertirse. Galicia deixaba atrás o atraso e mergullouse de cheo na postmodernidade europea e Vigo tivo moito que ver neste feito. O traballo que nos presenta Emilio Alonso así o corrobora. Sendo fundamental no estudo a presenza da música, non se esquece das outras artes así como tampouco da política e da loita obreira. Certamente, o proceso desenvolto naquela década hai que entendelo no seu conxunto e esta visión é a que se nos ofrece neste traballo. Xunto a este libro, a publicación fotográfica Vigo. A explosión dos ’80 (Edicións Xerais, 2011) de Víctor de las Heras —o reporteiro gráfico oficioso da movida— supoñen un chanzo máis nos estudos que sobre a década dos oitenta están a aparecer nos últimos anos —lembremos, entre outros, o libro-memoria de Víctor Coyote Cruce de perras y otros relatos ou, noutras latitudes, a exposición e libro do CCCB Quinquis dels 80—.

Agardamos que non sexa o último estudo sobre esta temática e que, amais de empregar nas investigacións as arquivos persoais, se poida ir máis alá e comezar a contextualizar os acontecementos con outra documentación, aínda que isto presente notables dificultades xa que, como non podía ser doutro xeito, os posmodernos non se caracterizaron especialmente polo seu afán conservacionista.

Gustavo Hervella

Deixa un comentario!