Menu Xerais

«Narradoras para o século XXI» por Teresa Cuíñas

A LITERATURA SAÚDA A UNHA NOVA XERACIÓN DE MULLERES PROSISTAS

Dezaoito anos despois da súa creación, en 2001 o Premio Xerais de Novela, o de maior dotación económica en lingua galega, distinguiu, por vez primeira, unha obra escrita por unha muller. A Marilar Aleixandre, con Teoría do caos, tocoulle estrear un palmarés cuxa lectura diacrónica indica a invisibilidade das producións de autoría feminina e a escasa nómina de narradoras. Desde a inauguración do marcador até hai quince días, cando se resolveu a XXVII edición do certame a favor de Periferia, de Iolanda Zúñiga, as premiadas son seis. Este feito natural e predecíbel é aínda rechamante, por inédito, para os mediadores (editoriais, crítica e prensa) do sistema literario, e así llelo comunican aos lectores a través das canles de difusión. A perspectiva histórica ten a encarga de ofrecer as ferramentas axeitadas para a análise das traxetorias, das vixencias e das repercusións desde o futuro cara ao contexto actual.

“Temos canteira”, aseverou o director da editorial Xerais, Manuel Bragado, na noite dos premios. A expresión aludía á renovación xeracional da cultura galega, que posibilita a continuidade do traballo desenvolvido por diferentes axentes en eidos diversos, e, en particular, espella a relevancia das achegas literarias asinadas por mulleres, tan diversas e diferenciadas como imprescindíbeis no camiño da normalidade sociolóxica. “Supón unha esperanza nun intre no que semella que se nos quere negar a existencia e o futuro da lingua e da cultura galegas”, reflexiona o editor.

Visibilidade, encontro cos lectores e estímulo, os premios literarios son marcadores decisivos tamén no universo literario galego que as prosistas están empregando para crearen cadansúa imaxe autorial. “Os premios, como a posibilidade de publicar en revistas, forman parte de políticas de fomento á creación en galego que, no meu caso e no de moita outra xente, supuxeron un incentivo”, explica a escritora e xornalista Rosa Aneiros. Por un galardón, ao que a presentou un dos seus profesores de instituto, empezou a publicar unha Inma López Silva aínda adolescente. “Case todas as obras que publiquei ou vou publicar foron gañadoras ou finalistas de premios. Non quero dicir que publicar á marxe dos premios sexa difícil ou fácil; simplemente non sei como é, porque para min a saída natural para o que ía escribindo foi sempre mandalo a certames”, conta Eva Moreda, gañadora do Premio Terra de Melide 2010 con A Veiga é como un tempo distinto, unha novela ambientada na emigración galega en Londres, onde a autora está a residir. “Levo anos escoitando que a emigración é un tema trillado demais na literatura galega, e cando vivía en Galicia pensaba o mesmo, pero unha vez fóra, cando ti mesma estás experimentando, aínda que desde outra perspectiva, os sentimentos e emocións que viviron os que emigraron antes ca ti, paréceche inmediato e real”, recoñece.

Xerais publicou en 2000 a compilación Narradoras, volume inaugural da colección Abismos, destinada a acoller publicacións en prosa de carácter experimental. Ao coidado do escritor Fran Alonso, o libro reúne 25 relatos inéditos de escritoras galegas, algunhas autoras novas e outras consolidadas. Na súa presentación, Narradoras constaba como a primeira antoloxía de narrativa galega escrita por mulleres coa intención declarada de reflectir a formación dun corpus literario “que sen dúbida marcará o futuro da literatura galega”. A autodefinición como “comezo posíbel”, explícita no prólogo, indica a sensación de estar traspasando portas pechadas.

“Aínda que abrangue textos de desigual calidade”, observa a crítica literaria Dolores Vilavedra, “o libro provocou un efecto de bóla de neve que demostrou a eficacia deste tipo de estratexias de planificación cultural para facer visíbeis as escritoras”. A aparición de Narradoras e o Xerais de Aleixandre son os fitos cos que Vilavedra traza a fronteira cronolóxica do que denomina “a primeira xeración de narradoras da literatura galega”, nacidas a partir da década dos 70 ou que empezan a publicar no abrente do século XXI: “Non houbo xeración anterior, escritoras como María Xosé Queizán, Marina Mayoral ou Úrsula Heinze, primeira gañadora do premio Blanco Amor en 1994, foron pioneiras, case francotiradoras. Agora si existe un corte xeracional nestas autoras: comparten un perfil biográfico, constitúen un grupo dinámico e estabelecen relacións dialécticas e fructíferas neste momento” …

Fragmentos do artigo de Teresa Cuíñas publicado nas páxinas de «Luces» de El País Galicia o 25 de xuño de 2010.

Comentarios pechados