Menu Xerais

Narrar con mestría, cunha lingua rica e cun xeito divertido: «Erros e Tánatos», de Gonzalo Navaza. Crítica de Diana Pastoriza

O blog Palabras de man ao corazón, de Diana Pastoriza, publicou unha recensión sobre o libro de relatos Erros e Tánatos de Gonzalo Navaza, que leva vendidas 23 edicións.

 

Letters in Books: Erros e Tánatos

Unha nova recomendación de Nacho Rodiño lévame de volta ao fantástico mundo de Gonzalo Navaza. Se Elucidario foi puro xogo lingüístico, Erros e Tánatos (1996) é un monllo de comedias de enredos á galega. Unha colección de dez pezas que son regatos que nacen nun sitio familiar onde cremos que estamos cómodos para acabar desembocando en distopías desapiadadas e escuras. Tan escuras que poderían ser reais.
Historias que encaixan dentro do seu propio prisma: imaxe, voz e argumento feitos a medida para encher ao milímetro o habitáculo que os acubilla. Relatos raposeiros, urbanos e rurais, feros e tenros, fermosos e implacables: Unha femme fatale nun vagón de tren,  un castelo de area que se derrumba ao compás da vida, a desconfianza cara un “amigo”, unha mensaxe en galés que tarda en ser traducida, un affair cun interiorista valenciano, o home do saco asasinado, as pescudas dun detective wannabe, unha vidente que acerta, un revolucionario ao que lle zosca o pai e un troco de moedas con final inesperado. Personaxes que son anfitrións e nos convidan a entrar no anfiteatro da humanidade para logo pornos en evidencia, fitándonos con ollos rufianescos e espíndose para amosar o seu carácter excepcional, atraente, estarrecedor e auténtico.
Un compendio de historias que non ofrecen posibilidade de redención persoal ou global, pero que constitúen un entretemento de primeira orde, estruturando o enredo con mestría e bañándoo coa verosimilitude dun espello deformante.
As miñas favoritas son “Bull & Mignonne”, “O amigo Delmiro” e “Tinta chinesa” , pero Erros e Tánatos ofrece moita variedade e seguro que atoparedes algo axeitado para o voso gusto. Invítovos a experimentar a delicia de que te fagan entrar, descalzarte e sentar confortablemente nunha alfombra de la para despois tirar dela con violencia deixándote totalmente aparvada. Unha habilidade que para min dominou con pericia o mago Roald Dahl, pero que Navaza fai con mestría e co engado adicional dunha lingua rica e unha narrativa sempre, sempre divertida.
 “Unha vez, había tempo, vira na televisión unha parella de pernambucanos centenarios, alegres e louzáns coma mozos, dicindo que o segredo da lonxevidade era andar moito. Por outros casos que coñecía, mesmo de antepasados seus de alá de Galicia, estaba convencido de que aquela era unha verdade coma un templo, polo que ó pouco de xubilarse resolveu mercar un calzado deportivo cómodo e fresco e comezou a dar longas camiñatas de varios quilómetros pola orla litoral dous ou tres días por semana” (p.33)
“Adoraba erguerse tarde, tomar baños de auga quente e perfumada a calquera hora do día, xantar á noitiña comida italiana ou chinesa pedidad por teléfono, rematar de ler novelas abandonadas á metade, escoitar música, deixar correr as horas lendo cartas antigas, ordenando fotos, entregándose ó vicio mol da melancolía” (p.58)
“Meteu a man pola estreita boca e conseguiu apalpar unha ou dúas cartas e un pequeno paquete en papel acolchado. Coa axuda dunhas pinzas podería extraer as cartas (o paquete parecíalle tarefa imposible), pero tería que deixalo para a volta da misa…” (p.79)
Laureano, segundo din, desentendeuse da encomenda e non deu resposta a ningunha das numerosas cartas, cada vez máis angustiosas, que recibía desde Bos Aires” (p.119)
“Entrou na súa camareta sen parar de saloucar. A desesperación non lle collía no peito. Gustaríalle que o tragase a terra. Agarrou o cinto do albornoz, comprobou a súa resistencia e saíu con el cara as duchas. Por un intre pensou en escribir unha nota denunciando a inxustiza, pero logo desbotou a idea” (p.27)

Deixa un comentario!