Menu Xerais

Ninguén que se achegue a este libro sairá defraudado: «A furgoneta branca», de Fina Casalderrey. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica unha anotación sobre o libro: A furgoneta branca, de Fina Casalderrey, ilustrado por Lucía Cobo. O libro está publicado por Xerais na colección infantil e xuvenil Pequeno Merlín.

 

A furgoneta branca, de Fina Casalderrey

 

Ler a Fina Casalderrey é sempre unha oportunidade de gozar e de aprender; se, coma nesta ocasión, a súa historia se acompaña dunhas ilustracións magníficas, como as que Lucía Cobo nos deixa neste libro, entrar neste álbum ilustrado titulado A furgoneta branca é,  para min, unha feliz reencontro coa súa palabra.

E non sairá defraudado ninguén que se achegue a este libro. Nel, Fina Casalderrey, como fai adoito, articula unha historia sinxela e enxeñosa, que fai chiscadelas ao mundo das persoas máis novas desde o primeiro momento e que, sobre todo, trata a quen o le, sexa este quen sexa, como alguén intelixente. Ademais, como un valor inequívoco,  suxire reflexións sobre os hábitos e os costumes, sobre aquilo que ocorre cando estes rompen a súa dinámica cotiá, cando xa non todo “é sempre así”, para poñer o foco de atención noutros dous elementos, que fía con sensibilidade e efectividade, como son o amor aos animais, por unha banda, e o concepto de perda ou ausencia por outro, dispostos ademais estes dous nun final aberto que deseña unha invitación a seguir construíndo a historia particular e persoalmente. Grazas, Fina, por escribir esta historia; grazas, Lucía Cobo por ilustrala.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados