Menu Xerais

No centenario de Manuel Lueiro Rey

A Real Academia Galega publicou unha información sobre o centenario do nacemento de Manuel Lueiro Rey,  de quen Xerais acaba de reeditar a novela Non debían medrar, en edición de Ramón Nicolás.

 

No centenario de Manuel Lueiro Rey

Como persoa, Xosé Neira Vilas definiu a Manuel Lueiro Rey como un “home íntegro, dunha sinceridade e dunha honradez pouco comúns”. Como escritor, Luís Seoane afirmou que un dos seus libros, Non debían medrar (1974), era un dos máis belos da literatura galega do seu tempo. Xusto cen anos despois do seu nacemento, o 9 de abril de 1916, a vila natal de Lueiro Rey, Fornelos de Montes, volverá mañá renderlle homenaxe ao escritor e xornalista coa entrega do premio que leva o seu nome ao gañador da cuarta edición.

Exhumación, de Marcos Abalde, é a última obra gañadora do Premio Lueiro Rey de Poesía, un certame que, ademais de apoiar a edición de poesía en lingua galega, pretende contribuír ao coñecemento e recoñecemento do escritor, falecido en 1990 no Grove, onde se trasladara a vivir con só sete anos e onde tamén botou raíces. Alí mesmo traballou durante un tempo nunha forxa, sendo case un neno, e logo de contable nunha conserveira da que foi despedido por se solidarizar cunhas compañeiras que non percibían o salario merecido, nunha mostra do compromiso coa xustiza e os valores democráticos que mantería toda a vida. Aos 18 anos chegarían as primeiras incursións no mundo xornalístico, no xornal pontevedrés El País, que dirixía Roberto Blanco Torres. No 36 participou na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia e tras o levantamento militar permaneceu agochado no monte durante o verán. Finalmente alistouse no bando nacional presionado por un irmán que era oficial maior no concello da Estrada.

Na posguerra, mentres opositaba en Madrid ao corpo técnico do Ministerio de Facenda, Lueiro Rey entrou en contacto co Partido Comunista na clandestinidade. Xa fincado en Pontevedra como funcionario, comezou a colaborar con distintos xornais e en 1950 publicou o seu primeiro libro, Nacencia. Cuentos y poemas. Durante esa década colleitou varios premios e empezou tamén a colaborar, probablemente a partir de 1955, coa emisora de radio La Pirenaica, segundo recolle Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida (2013), o volume coordinado por Ramón Nicolás que xuntou unha morea de colaboracións para renderlle tributo ao escritor.

O seu compromiso político antifranquista tivo consecuencias en distintos momentos da súa traxectoria e tamén deixou rastro na súa produción literaria. En 1967 saíu así á luz, previo paso pola censura, Manso, novela coa que gañara o Premio Cidade de Oviedo e publicada integramente en Arxentina en 1968. Ese mesmo ano, Lueiro Rey viaxou por primeira vez ao país austral, onde entrou en contacto coa Galicia que mantiña viva desde o exilio a cultura galega. Alí publicou La noche espera el alba e Un tempo de sol a sol (poemas do neno galego) e alí volvería tamén en varias ocasións estreitando lazos coa diáspora.

Fragmento da carta de Manuel Lueiro a Xosé Neira Vilas, conservada no Arquivo da Academia, que acompañaba o envío do seu libro Escolma ferida (1977).

Non debían medrar (1974), Escolma ferida (1977), O sol na crista do galo (1982) e Nova escolma ferida (1988) son outros títulos que viu publicados en vida. Postumamente verían a luz, entre outros, Derradeira escolma ferida ou a compilación de artigos de temática arousá O Grove: canción do mar e do vento.

Comentarios pechados