Menu Xerais

Noites insomnes cos «Relatos de terror» de Lovecraft. Artigo de Jaureguizar

Jaureguizar publicou en El Progreso un artigo de opinión sobre os Relatos de terror, de H. P. Lovecraft

 

O regresista Lovecraft

Foron noites de terror insomne, de botar horas deitado agardando a que un deus extraterrestre esvarase por baixo da cama e se presentase no medio da habitación. Daquela, na adolescencia contra a fin dos 70 ler a Lovecraft era unha necesidade para calquera candidato a ser o máis moderno da vila. Eu mercara ‘Los mitos de Cthulhu’ (Alianza) e non me perdoei unha noite sen visitar os desertos e os mares dos que, a volta de calquera páxina, xurdía un enxendro que rachaba con calquera mínima norma estética occidental. O que me restaba era o espanto de ollos abertos. Canda esa sensación anuladora, nacíame o acougo de sentirme conectado con alguén que vivira medio século antes ca min en Providence.

No fondo, eu era un pailán de Ribadeo identificándose cun pailán de Estados Unidos, que aturara en Nova York durante dous anos e reparara, coma Paco Martínez Soria, en que a cidade non era para el. Curiosamente, o máis avanzado dos autores, a lectura máis elitista para os rapaces de clases medias en economía e cultura era un regresista a conciencia, alguén que combatía o progreso con criaturas imaxinarias e terribles. O resto da súa existencia pasouna no seu ámbito de orixe entregado a recrear as historias de horror gótico que lle contaba o entrañable do seu avó. Durante os seus anos, Lovecraf non deu máis ca publicado contos nalgunhas revistas profesionais, sendo Xerais a que recupera agora algúns deles en ‘Relatos de terror’.

Andados os anos, os amigos lograron convertilo nun pailaroco autor do máis famoso dos libros que nunca se escribiron: O Necronomicón. O soño de calquera autor, evidentemente; un‘adelgace sen privarse de nada’ literario.

Jaureguizar

Deixa un comentario!