Menu Xerais

Non é o que o lector agarda, pero si o que o lector precisa: «Todos somos», de Marcos Calveiro. Crítica de Berta Dávila

Berta Dávila publicou en El Correo Gallego unha recensión crítica de Todos somos, de Marcos Calveiro.

 

 

Radiografía de claroscuros

Marcos Calveiro constrúe na novela ‘Todos somos’ o relato poliédrico das pantasmas dunha sociedade miserable, a nosa

Como punto de partida de Todos somos -a última proposta de Marcos Calveiro (Vilagarcía de Arousa, 1968), para o lectorado mozo- está a desaparición de Natalia, unha rapaza de doce anos que se perde para o seu mundo e para o de todos os que a rodean nun día normal, na praza dun barrio como tantos outros, nunha cidade que podería ser calquera.

Desde o hábil xogo de perspectivas que o autor escolle para esta novela, vanse debullando as novidades sobre a falta de Natalia: os poucos feitos, xa sexan reais, inventados ou reconstruídos. E algo máis. A análise de pormenores dunha vida anódina, a constatación da falta de razónsque expliquen por que -unha procura esta sempre absurda- revela en realidadee desde o comezo, a vontade de contar outra cousa, non un suceso senón o seu eco, non o camiño cara a un desenlace policial, senón a historia de como escoa sobre os cidadáns para descubrir a verdade de como somos. De como somos todos.

Editada na colección “Fóra de Xogo” de Xerais, da que constitúe o número redondo 150, a novela vai precedida dunha cita que podemos ler desde a ironía, desde a carraxe ou desde a crueza do que esperta: “Demos a nova que todo xornalista querería dar”, dixo a presentadora Ana Rosa Quintana no seu programa matinal, a raíz dun suceso semellante ao que se conta na novela.

E é que os medios de comunicación, que teñen cabida nela a través dos ollos da xornalista Belén Soliño – veterana e en horas baixasxogan sempre un papel importante na construción colectiva do escuro. Sobre esa ollada, un narrador que se coida de non xulgar, de permitir, con grande oficio, que o personaxe se ispa a si propio para que nós o interpretemos, para que lle perdoemos a vida ou o condenemos segundo o noso criterio.

O medo que se espalla sobre a veciñanza, andazo tamén sobre a cidade enteira,e a mirada do neno Antón cara á desaparición de Natalia e cara á reacciónprotectora e inestable dos adultos, supón outro dos vértices de interese no libro. Esa enfermidade invisible e paralizante que é o non saber, a necesidade de conxecturar para tratar de convencernos de que algo así non podería acontecernos a nós, provoca no lector a reflexión necesaria sobre os límites do irracional e o atávico; reflexión que se completa coa perspectiva da inspectora Lina Souto que, malia estar travesada polo seu pasado, non responde, con todo, ao arquetipo de detective torturada nin descrida. O pragmatismo e a capacidade de aproximarse ao outro fan de Lina Souto unha profesional que se amosa competente e confiable para Antón e para un lector que demanda personaxes que desmonten tópicos.

E é que resulta precisamente isto o que fai de Todos somos unha achega tan interesante: que non é o que o lector agarda, mais si, con certeza, o que o lector precisa.

 Berta Dávila

 

Deixa un comentario!