Menu Xerais

Non podo máis que recomendar a lectura deste libro: «María Victoria Moreno: A muller que durmía pouco e soñaba moito», de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre. Crítica de Ramón Nicolás

O crítico Ramón Nicolás publicou en Caderno da crítica unha recensión sobre o libro María Victoria Moreno: A muller que durmía pouco e soñaba moito, de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre.

«María Victoria Moreno.  A muller que durmía pouco e soñaba moito», de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre

Lin xa hai algúns días este libro, que é a primeira biografía publicada sobre a autora do Día das Letras deste ano, subscrito por un inédito tándem creativo composto por Fina Casalderreye Marilar Aleixandre. Francamente teño para min que esta será unha das biografías referenciais que suscitará a autora de Anagnórise. Ao meu ver, o ton didáctico e o rexistro narrativo que adopta sitúanse nese punto medio acaído que converte un traballo biográfico en algo accesible e suxestivo tanto para un lectorado novo como para quen desexe mergullarse nel á procura dun dato novo, dalgún acontecemento descoñecido ou pouco tratado de María Victoria Moreno. Nun e noutro caso pode facelo con garantías porque hai aquí moito traballo de investigación detrás en forma de documentación consultada, como a que deita luz sobre o seu verdadeiro ano de nacemento; moita relectura e reinterpretación de textos literarios; moitas entrevistas realizadas e filtradas dun xeito solvente no libro que, así, vai adquirindo esa tonalidade de achega verdadeiramente coral onde, mesmo, as autoras resultan directamente interpeladas entre si. Sobrancea,  ademais, unha inequívoca vontade de achegarse a puntos escuros, ou talvez confusos, da súa biografía intelectual e vital, sempre  desde a atalaia do respecto e admiración sen caer no haxiográfico, achegándose con solidez e claridade ao que a autora supuxo para as nosas letras mais tamén a aquilo que significou para as persoas que a trataron en moi diversos ámbitos como foron os laborais, os literarios e os persoais.

Neste sentido resulta plausible, mesmo, esa estrutura que abraza o libro e que parte dun socalco vital pouco coñecido como foi o labor que desenvolveu á fronte dunha libraría pontevedresa para logo avanzar, en seis capítulos máis que se abeiran a un marco cronolóxico lineal que resulta operativo para revelar as claves vivenciais máis salientables da súa infancia -onde a contorna familiar se analiza con moita atención achegando datos descoñecidos-, deténdose ao tempo na relación de complicidade que sempre mantivo cos animais e na orixinalidade da súa obra literaria, sen esquecer a actitude afouta dos seus derradeiros anos na loita contra o cancro. Hai tamén espazo, claro é, para analizar esta faceta vinculada co exercicio da profesión de docente:  tan importante, quen o dubida, para que parte da súa obra literaria foi como hoxe podemos coñecer, porque alí -dise neste libro- era onde o seu corazón “florecía”
Non podo máis que recomendar a lectura deste libro. Dúas grandes voces -as das biógrafas- converxen felizmente na análise desoutra voz, chea de inesgotables e coruscantes matices, como foi a de María Victoria Moreno. Beizón por este traballo.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados