Menu Xerais

Normalización lingüística e mocidade: «Do estigma á estima. Propostas para un novo discurso lingüístico», de Valentina Formoso. Reportaxe de Montse Dopico

Montse Dopico publicou no «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha reportaxe sobre Do estigma á estima. Propostas para un novo discurso lingüístico, de Valentina Formoso.

 

 

Fronte aos prexuízos

Normalización lingüística e mocidade

Os prexuízos sobre a lingua galega fican, nas enquisas, agochados baixo o discurso do politicamente correcto. Pero seguen aí, tal como demostran as investigacións baseadas en técnicas cualitativas. A máis recente delas foi a realizada pola profesora e presidenta da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, Valentina Formoso, que recolleu os resultados da súa pesquisa no ensaio Do estigma á estima. Propostas para un novo discurso lingüístico (Xerais).

En realidade, Do estigma é estima tira conclusións semellantes ás achegadas por Ana Iglesias en Falar galego: “No veo por que” ou pola Real Academia Galega en O galego segundo a mocidade. Pero a súa autora céntrase no estudantado de secundaria de zonas rurais galegofalantes,no que atopou “actitudes lesivas para a lingua”, froito de “representacións negativas” que continúan vivas.

A estigmatización do galego como lingua pouco útil, do rural e da clase baixa tradúcese, segundo Formoso, en actitudes detectables en diversos graos e niveis nos adolescentes como o rexeitamento da variedade estándar como construción artificial ou marca de ideoloxía nacionalista; a consideración da propia fala como código non válido para empregar fóra do seu contorno; a negación, ao falaren castelán, dos trazos que os identifican como galegos como o “acento” ou a non aceptación de medidas normalizadoras no ensino en nome da “liberdade” dos docentes.

Para mudar este tipo de representacións é preciso, segundo Formoso, modificar o discurso lingüístico. A súa proposta pasa, ao respecto, entre outras cuestións, por adoptar argumentos do ecolingüismo –en confluencia co exposto por Teresa Moure en Ecolinguística. Entre a ciencia e a ética–; presentar o galego como sinal de identidade da sociedade galega e non de ideoloxías políticas determinadas; valorizar a cultura propia sen caer en “folclorismos pasados de moda” e,no canto de negar a realidade do galego como lingua predominantemente rural, tratar de desmontar os estereotipos negativos cara a este medio para que non se identifique co atraso, a pobreza e a incultura.

A análise de Formoso coincide, por outra banda, coa do presidente da Coordenadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística, Nel Vidal, ao sinalar a necesidade de ser proactivos e non reactivos, –nos termos de Lakoff–.“Os argumentos teñen que ser adaptados aos distintos sectores sociais. Se cadra a xustiza social, a rebeldía contra a inxustiza cun idioma historicamente marxinado, poden funcionar mellor coa xente nova.

Non temos formulas máxicas, pero non debemos deixar que tomen a iniciativa os contrarios á normalización e limitarnos a responderlles, porque así reforzamos o seu discurso”, opina Vidal. Para o presidente da Mesa pola Normalización Linguística, Carlos Callón, “todos os argumentos suman: o galego como marca de calidade, a utilidade, a lusofonía… Pero o máis importante é que os poderes públicos garantan que a xente nova teña a posibilidade de usar o galego, e para iso non pode estar excluído dos ámbitos de poder, dos medios de comunicación, do mundo do traballo… Non hai que esquecer tampouco fenómenos novos como que xente nova castelánfalante participa nas mobilizacións en prol do galego, ou chatea e escoita música en galego…”.

Desde Prolingua, Alejandro Tovar subliña tamén a presenza do galego nas redes sociais, “pois moita xente nova dá o primeiro paso cara ao galego en internet. Tamén hai agora pais de 30 anos que están a educar os fillos en galego, e iso é algo positivo que non sabemos que vai dar. En calquera caso, nun mundo globalizado, o galego pode ser eixo da reivindicación identitaria” fronte á colonización cultural do inglés.

Montse Dopico

Deixa un comentario!