Menu Xerais

Novela entretida, con humor, que se le deseguida: «Sete Caveiras» de Elena Gallego Abad. Anotación en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publica unha anotación sobre Sete Caveiras, de Elena Gallego Abad.

 

Sete Caveiras

Quen siga no Facebook a Elena Gallego Abad, coma min, terá pensado máis dunha vez por que estes monecos -que todos e todas tivemos nas nosas casas algunha vez- acompañan a autora nas súas viaxes. Por iso, cando vin a portada, non me estrañou demasiado, aínda que teño que recoñecer que sentín unha punzada de dúbida antes de coller o libro na libraría. Porén, ao pouco de iniciada a lectura, as dúbidas disípanse e seguimos o xogo dos “click” canda ela. Tamén teño que apuntar que, cando menos, conseguiu que a miña crise lectora deste 2014 se disipase momentanemente xa que o libro procura unha das funcións básicas da Literatura: entreter, cando menos un par de horas longas.
Anúnciase que é a primeira incursión de Elena Gallego Abad no xénero negro logo da súa ben acollida triloxía Dragal, publicada tamén pola editorial Xerais, como acontece con este Sete Caveiras do que falamos (libro que por certo está presente nas redes sociais co seu propio Facebook e Twitter). Non estou certa de ser unha novela negra aínda que falemos dun asasino e unha investigación e teña certos carices que se aproximen; cando menos, lectora voraz deste xénero, teño as miñas dúbidas. Creo que a novela está ben, é entretida, aínda que o derradeiro parágrafo para min sexa un erro e sobre: o que si agradecemos é a resolución do conflito, por aquilo da xustiza poética xa que vivimos un mundo sen xustiza. Coido asemade que é unha homenaxe á profesión de xornalista, devolvendo eses trazos de humanidade que ás veces conseguen difuminarse coa publicación de certas fotos e co enfoque de certas novas, dándolle un matiz profesional á xornalista protagonista ben acaído. Agora ben, resulta demasiado feble o personaxe do policía que a axuda, con pouca categoría -podería dar máis de si o tándem?-, así como dos demais personaxes da contorna do protagonista; na miña opinión, a autora pediu un protagonismo excesivo  para esta heroína que centraliza toda a acción -e o que non o é- para maior louvanza da profesión e dela mesma (da personaxe Marta Vilas, enténdase).

A novela, como digo, lese deseguida e é entretida: ten certos toques humorísticos moi de agradecer e un percorrido musical dos anos 80 que nos farán cantaruxar os temas que tantas veces nos acompañaron (máis cando pasou tan pouco tempo do falecemento de German Coppini) nos anos mozos. Así que a súa lectura provoca unha certa nostalxia tamén.

Comentarios pechados