Menu Xerais

Novela intelectual e ironica: «Dióxenes en Dolorida» de Ignacio Vidal Portabales. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Dióxenes en Dolorida de Ignacio Vidal Portabales, XXX Premio Blanco Amor de Novela.

 

 

 

Novela intelectual

Un dos subxéneros novelescos da modernidade é a chamada novela intelectual. Nela o argumento ten moi pouca importancia ou incluso a psicoloxía dos personaxes. O importante son as ideas que desenvolven os devanditos personaxes, a análise subxectiva da realidade que fan, así como unha certa dose de lirismo, vontade pola forma coidada e tamén un evidente culturalismo. Esta novela que agora comentamos móvese nesta dirección, mais os resultados finais non cumpren as expectativas que temos ao comezarmos a lectura.

A novela ábrese coa historia en primeira persoa que nos conta un Dióxenes dos nosos días, que decide vivir nunha especie de tubo dos usados na construción de redes de sumidoiros e lugares semellantes. Mais a partir deste Dióxenes damos o salto cara a análise intelectual e mesmo lírica das relacións de parella. O agora desesperado Dióxenes foi noutro tempo parella dunha muller que acadou o triunfo profesional, mentres el non pasaba de ser un biólogo en paro ou case. En certo xeito Dióxenes considera esta súa muller como unha especie de divindade castradora, que o anula.

Realizada esta presentación, Dióxenes, ao xeito do filósofo clásico, axiña terá tres discípulos, vítimas tamén da ruptura das súas respectivas parellas. Esa será a grande ocasión para que Dióxenes se converta no seu gran mestre. Os catro homes son ilustrados e teoricamente están a prol da igualdade home-muller, mais con toda a ironía que se queira, Dióxenes e os seus expresan a dificultade que, de feito, lles supón esta igualdade, sobre todo cando son superados no eido profesional. Unha cousa é o que di a razón e outra o corazón, lastrado por anos e anos de machismo. É este para min o aspecto máis rechamante deste texto, porque as meditacións e consellos de Dióxenes sobre como vivir á marxe da nosa sociedade resultan máis ben aburridas. Dióxenes e os seus tres discípulos son aparentemente uns partidarios da igualdade home-muller, mais non soportan realmente que a muller poida ocupar unha posición igual a eles e moito menos superior, aínda que só sexa no eido profesional.

Con todo e iso, as meditacións que Dióxenes e os seus lle subministran ao lector sobre supostas caracterizacións do sexo feminino a partir da obsesión pola depilación, a ocupación do espazo en armarios ou a preparación do vestiario resultan tópicas e tremendamente aburridas. Malia toda a ironía e perspectivismo que lles queiramos dar ás afirmacións de Dióxenes e dos seus discípulos sobre a condición feminina, eu non chego a verlle a graza a frases como As mulleres, por algunha estraña razón, necesitan variedade e non se rexen polos mesmos parámetros dun tío para perfumarse; por iso é polo que non se atoparían cómodas con Femia Dandy… (páxs. 158-159).

Nunha segunda parte o foco narrativo pasa de Dióxenes e mais dos seus amigos a un prostíbulo e á figura dun conserxe que soña coa visita de extraterrestres. Se me parecían tópicos moitos aspectos da primeira parte, esta segunda, co asunto do prostíbulo e mais do conserxe que espera a chegada dos extraterrestres, tenme un aire a Cela, Vargas Llosa de Pantaleón e as visitadoras ou mesmo a algún programa de televisión de telelixo (a propósito do conserxe Ganímedes), que non me chista nada e que fai que o que prometía ser unha novela intelectual interesante se vaia esvaecendo. Así o proxecto inicial deste choque entre igualdade de sexos racional e machismo xenético-afectivo vaise diluíndo na banalidade, como unha pedra de azucre nunha cunca de café con leite. En fin, a revolta das mulleres de Dolorida contra o prostíbulo ten un ton celiano bastante casposo, ata de película de serie B ou españolada de Martínez Soria.

Con todo, hai que gabar o propósito do autor de elaborar unha novela intelectual sobre a dificultade das relacións home-muller nunha liña de verdadeira igualdade. O home leva impresos moitos séculos de machismo e non é doado que, no momento da verdade, acepte esa igualdade e xa non digamos a superioridade en eidos como a profesión ou o deporte. Descobre, indubidablemente, a hipocrisía que se produce en moitos homes, mesmo universitarios que, teórica e publicamente, se amosan sempre favorables á esta igualdade home-muller, mais que no seu interior os magoa e mesmo os fai tolear, como lle acontece ao devandito Dióxenes e aos seus amigos. Tamén acerta o autor cando enriquece o rexistro coloquial cun bo feixe de tecnicismos da bioloxía ou na parodia do rexistro burocrático nos episodios do bordel. Pero como digo, non se mantén a tensión intelectual do comezo do relato e cáese na banalidade segundo se vai avanzando e ata no tópico.

Ben é certo que non é doado escribir unha novela intelectual e irónica sobre un tema tan arriscado. O autor tentouno e iso está ben. Como esta é a súa primeira novela é normal que lle resultase difícil manter o ton ao longo das cerca de trescentas páxinas que ocupa o relato. O comezo, os exercicios de perspectivismo, a parodia de rexistros e a ambición ao tratar un tema tan complexo fan esperar que en futuras novelas manteña o nivel elevado co inicio desta narración.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados