Menu Xerais

Novela moi entretida: «A antesala luminosa», de Antonio Tizón. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet unha recensión crítica sobre a novela A antesala luminosa, de Antonio Tizón.

 

Historia de madrigalegos

O célebre xornalista Borobó (Raimundo García Domínguez) cuñou o termo madrigalego para referirse a galegos que vivían en Madrid dedicados alí a algunha actividade profesional, mais que non esqueceron o seu compromiso coa lingua, literatura e cultura galegas. Así foron madrigalegos Rosalía de Castro e Murguía; máis recentemente, os Brais Pinto. Mesmo a materia de galego da Facultade de Filoloxía da Complutense edita unha revista titulada Madrygal. O termo de Borobó non ten ningún matiz pexorativo, aínda que quen isto escribe foi alcumado de madrigalego, coma se fose algo malo, por unha besta que daquela pasaba por mestre da filoloxía galega. Madrid, desde os tempos de Rosalía e Murguía, é evidentemente lugar onde hai moitos galegos descastados que só buscan medrar na política estatal ou mesmo en calquera profesión, mais tamén é un lugar que ofrece traballo abondo, especialmente no eido intelectual, para os que foxen dos que Rosalía chamada os señores da terra, que tamén os hai, e moitos, no eido cultural e no das chamadas profesións liberais ou da política. Esta novela de Tizón é unha novela negra, mesmo novela coruñesa pola presenza nela da cidade da Coruña, como teñen sinalado algúns críticos, mais para min resulta moi rechamante que relata historias de madrigalegos, entendido o termo co sentido positivo que lle daba Borobó e non a besta filolóxica.

Madrid é un espazo que aparece con frecuencia na literatura galega xa desde o célebre Coloquio de 24 gallegos rústicos de Sarmiento, obra que hoxe coloca Angueira como inicio do Rexurdimento. Dúas novelas que foron fundamentais na formación de moitos de nós, grazas á segunda edición publicada por Galaxia, O porco de pé e mais Arredor de sí, concédenlle á cidade madrileña unha boa presenza. Cumpriría estudar esta presenza da capital do Estado na literatura galega. Mesmo a actual normativización/estandarización da lingua galega comezou moi fortemente condicionada pola Escola Lingüística de Madrid dos Menéndez Pidal, Dámaso Alonso, Zamora Vicente ou do propio franquista-opusdeísta Consejo de Investigaciones Científicas da madrileña calle de Medinaceli. A separación tallante de galego-portugués, a atención só á lingua falada-dialectal ou o esquecemento da literatura-rexistro culto nos primeiros tempos do ILGa, controlado daquela pola parella formada na Escola de Madrid Lorenzo Vázquez-C. García, moito ten que ver coas concepcións madrileñas sobre o galego.

Volvendo ao rego, o que máis me chamou a atención desta novela é a forte presenza do espazo madrileño. Nas presentacións e críticas dise que esta é a novela da Coruña. Si, é certo que a cidade coruñesa aparece moito na novela, mais imponse a presenza de Madrid. O protagonista Gustavo Gallego fórmase basicamente na cidade madrileña, como lle acontece ao Solovio de Arredor de sí. Como tantos galegos, Gustavo Gallego marcha a Madrid porque Galicia non lle ofrece oportunidades: quere no ano 78 estudar xornalismo e esa facultade non existe en Galicia. Hoxe Gustavo Gallego podía ser un licenciado ou traballador que non atopa emprego en Galicia e ten que procuralo en Madrid ou mesmo en Europa, se non está protexido por algún cacique dos que lles procuran cargos públicos nas institucións ou empresas favorecidas polas súas decisións a parentes, amigos e correlixionarios, como podemos ler todos os días na prensa. Xa que logo, o madrigalego de verdade adoita selo ao seu pesar, como acontece no caso de Gustavo Gallego.

A cidade madrileña, como dixemos, vai ser fundamental na formación-aprendizaxe do Gustavo mozo. Non só se forma intelectualmente, ten amigos, senón que ademais coñece o amor con outra madrigalega, María Silveira. Vive ademais na cidade madrileña toda a Transición, co cambio de costumes que iso supón, ou feitos tan rechamantes como o golpe do 23-F. Mesmo o autor dálle ao seu relato de Madrid, cando presenta o mundo da pensión onde reside Gustavo, un ton que demostra que asumiu as ensinanzas sobre este tema de Galdós, Baroja, Pérez de Ayala ou Martín Santos. Gustavo quedou tan marcado pola cidade madrileña que, aínda que resida xa en Galicia,  sempre volve alí: E case sempre acaba en Madrid metido nalgunha lea… Por que Madrid? Porque alí están os seus amigos, os seus inimigos, ex_compañeiros, ex­_amantes, amores platónicos… Media vida… (páx. 129).

A novela, como ben sinalan comentaristas anteriores ou a propia información editorial, é unha novela de detective e negra. Como acontece na novela policial clásica pártese da investigación por parte do inspector Sánchez, un cincuentón de volta de todo e ata corrupto, como el mesmo recoñece, sobre a aparición de dous cadáveres calcinados na Coruña o día de san Xoán do ano 2000. Como se pensa que un dos mortos pode ser Gustavo ou estar relacionado co crime comeza así a investigación sobre Gustavo Gallego, en dous planos. Nun primeiro plano co relato en primeira persoa do inspector Sánchez. Nun segundo plano coa lectura que o propio inspector fai da novela autobiográfica que deixou escrita, só nos capítulos pares, o propio Gustavo.

Estamos, xa dixemos, perante unha novela clásica de detectives pola forma en que se investiga e se descobre, nun argumento moi ben artellado, a dobre morte con que parte a novela. Acerta así mesmo o autor coa redución temporal pois todo transcorre entre o 24 de xuño de 2000 e o 5 de xullo dese mesmo ano. Manexa axeitadamente as voltas atrás para comprendermos a vida de Gustavo e doutros personaxes, especialmente desde o remate dos anos setenta, en que marcha estudar a Madrid. Como acontece nalgunhas das últimas novelas que vimos comentando aquí, o protagonista presenta un grave problema de saúde mental. Padece bipolaridade. Tizón presenta o problema desta enfermidade con certa dose de humor e resignación, mais pon o lector diante deste grave problema.

Tamén estamos perante unha novela negra, especialmente polo tratamento da figura do inspector Sánchez (el mesmo se recoñece como un corrupto). Non faltan tampouco policías corruptos e resulta totalmente inusual a presentación que o autor fai da prostitución e do seu exercicio, fóra dos límites do que se considera hoxe politicamente correcto. Propio da novela negra é tamén a conexión entre policía-poder económico e negocio da prostitución, como se reflicte nesta novela.

En fin, novela que presenta como dixemos un argumento moi entretido. Sorprende favorablemente o desenlace e resolución das dúas mortes que abren a historia. O inspector corrupto Sánchez, que non é realmente tan corrupto, está ben trazado, a non ser por esa manía de converter todos os policías de novela en gastrónomos e catadores de viños. Como di a crítica, é unha novela da cidade da Coruña, mais para min é sobre todo unha novela de madrigalegos, no sentido positivo de termo, pois madrigalego non é só o protagonista, senón tamén o propio inspector Sánchez, a súa antiga parella ou ata o mafioso Naveira. O tratamento, fóra do politicamente correcto, da prostitución é tamén gratificante, así como a presentación da bipolaridade en toda a súa crueza, mais sen que falte un certo sentido do humor nas tolas aventuras do bipolar Gustavo. Por todo iso, agardamos, como se di na lapela do libro, que o inspector Sánchez siga con novas aventuras e investigacións nas sucesivas entregas que esta lapela parece prometer.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados