Menu Xerais

Novela negra sobre a negra vida: «Conduce rápido», de Diego Ameixeiras. Crítica de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en tránsito unha recensión crítica sobre a novela Conduce rápido, de Diego Ameixeiras.

 

A NEGRA VIDA

Hai veces, na vida, que non sae nada, por moito que un o intente o fracaso é o único destino posíbel. Na vida de calquera. Para canto máis cando se trata de personaxes que se arrastran pola vida, personaxes de mal vivir, perdedores reincidentes, buscavidas que sobreviven como mellor poden e iso sempre é malamente. Así son Érika e Samuel, dous irmáns que, na Compostela dos nosos días, van tirando pola vida, entre a marxinalidade e a delincuencia móvense para tratar de sobrevivir nunha cidade que só lles amosa a cara máis inhópita da vida. Nisto, un dos dous ten un golpe de sorte, ou iso lle parece, porque este tipo de xentes non adoitan ter nunca a sorte de cara e iso xa é para sospeitar. Porén nin un nin outro teñen moita máis saída que deixarse enrodelar nun mundo de delinuencia que, sen serlles alleo pois viven na marxinalidade, tampouco é onde mellor se saben manexar.
A novela de Diego Ameixeira reproduce tipos socias xa coñecidos de obras anterirores, e , sobre todo, un mesmo esquema narrativo baseado nunha estudada secuencición que fai converxer personaxes e situacións, a primeira vista illados e diferentes, nun único e converxente final onde a violencia estoura como única solución posíbel á cadea de causas e consecuencias en que voluntariamente se mergullaron. Esta é a Compostela non dos baixos fondos senón a Compostela, como arriba indicamos, dos seres derrotados que nunca tiveron unha oportunidade para dar esquinazo á precariedade vital na que arrastan o seu existir, na que penan unha vida que os condue de golpe en golpe sempre cara ao fondo.
Ninguén os obrigaba, mais era a mellor posibilidade que se lles presentara para abandonar o simulacro de vida que levaban. A mellor oportunidade para a bandonar a vida negra que lles tocou vivir. E non podían dicir que non. Igual que a propia Érika tampouco é quen de dicirlle que non a Ventura en materia amorosa aínda sendo de idades ben diferentes. Ventura é a única personaxe que sae con ben, e sae con ben precisamente porque adopta unha dirección contraria á dos dous irmáns. El quere abandonar aquela vida de delincuente de pouca monta, man dereita doutro que tampouco é un gran capo. Porque a vida é así, está chea de delincuentes de pequena catadura, moitos máis que grandes capos, moitos máis e con vidas moito máis miserentas.
Deste xeito Diego Ameixeiras compón o relato negro das vidas da Compostela marxinal coma se fora unha sucesión de fotogramas que teñen en común a miseria, así como o “fatuum” que as sobrevoa porque nunca estas empostas rematan nalgo postivo. Relato negro e realista onde o narrador é moi protagonista. Moi protagonista non porque nalgún momento xulgue as personaxes, esa é tarefa do lector ou lectora. É moi protagonista porque súa autoría é a estudada, calculadísima secuenciación que levas as personaxes a un único e tráxico final posíbel. E cómpre salientar esta importancia do narrador, suficientemente hábil como para presentarnos as mesmas personaxes desde diferentes ángulos. Máis de xeito que teña que ser o propio lector quen as recoñeza que presentándoas el.
Esta narrativa de Diego Ameixeiras lémbranos moito o “realismo suxo”, aquela etiqueta que tan ben funcionou hai máis de dúas décadas, só que agora decídese claramente pola novela negra, fría, impersoal, obxectivista e con remate traumático.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!