Menu Xerais

Novela sobre todo subversiva: «Liña azul», de David Pobra. Crítica de Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Novenoites unha recensión crítica da novela Liña azul, de David Pobra.

 

A liña azul dun texto metaliterario

En boa lei e non na do funil, tamén un cadoiro de interrogantes e boas doses de pasmo debería xurdir, e é posible que así aconteza, en algúns lectores tras rematar o seu percorrido por esta proposta narrativa de David Pobra, personaxe heterónimo creado polo escritor David Pérez González. A novela foi galardoada co Premio Novela Curta “Cidade Centenaria de Riveira” o pasado ano. Porque no seu formato de novela breve Liña azul encova as mesmas múltiples preguntas e sondaxes sobre os estatuto narratolóxico na posmodernidade que algunha outra novela metaliteraria  publicada hai algún ano. A súa construción, e xa o subliña a Acta do xurado do Certame, tórnase metarrelato: “un proceso de construción  da propia novela, na que se mesturan os textos ata confundírense”. Xa logo, unha tematización ficcional do mesmo acto da escritura que nos últimos tempos, de xeito non abondoso e con dispar fortuna, abre os lindes da prosa galega e nos aveciña á narrativa máis vangardista dos nosos días.

A maior parte dos narradores galegos desbotan estas novas formas de narrar experimentais e vangardistas e constrúen as súas propostas narrativas segundo as arquitecturas canónicas de sempre, esquecendo que a vangarda é o que fai avanzar, aínda que cómpre asumila sempre desde a reflexión. Hai ademais lectores que son moi escépticos diante destes novos exercicios de ficción, de narrar, non querendo lembrar que a novela é o reino da subversión, protéica e aberta, ou, dito con palabras de Henry James, non ten unha, senón un millón de fiestras.

Os lectores, pois, de Liña azul atoparanse cun exercicio en boa parte metaliterario, que é algo máis que conversar sobre libros ou interrogarse arredor de cuestións relacionadas cos ámbitos literarios. Liña azul é principalmente unha novela autorreferencial no ronsel de Spires, é dicir, a novela que se refire a si mesma como proceso de escritura. Escribir entón sobre o acto de narrar, amosando desde dentro o taller do escritor. Escritura que contesta, por conseguinte, a tradición mimética da arte.

David Pobra enceta a súa proposta cunha referencia á liña azul -unha das liñas do metro barcelonés- que rotula o título e coa autopresentación do protagonista, un bo detective -case como un artista, un pseudo detective diría eu-, cuxo nome coñeceremos nas últimas páxinas. Logo, durante os primeiros capítulos, refírese á xénese da novela, comezando polo título e polo primeiro capítulo. E esmiúza os ires e vires do investigador pola liña azul do metro da cidade barcelonesa, coa meta posta no seu traballo detectivesco que é ben curioso porque non ten claro o obxecto do seu caso nin a quen persegue pola liña azul. Investigador, pois logo, sen crime e sen criminal, mais cun detective que escribe o relato da súa propia investigación.

Un encontro e un singular parrafeo, por veces pándego, por veces atafegante c e repetitivo cunha  moza, contumaz representante dun clube reintegracionista e feminista, que sempre di “nosoutras” para rexeitar o patriarcado lingüístico, e que ten a súa sede -un clube de leitura- baixo a superficie, nunha  plataforma abandonada do túnel do metro, deriva o relato cara á literatura, papel do narrador, debate sobre os xéneros literarios, construción dos personaxes, pacto narrativo, punto de vista e outros temas e digresións propias da narratoloxía. Amalgama pois de novela de intriga e reflexión metaliteraria, de tal xeito que a investigación funciona como a planificación dunha obra literaria. E sobre todo, o feito de que o autor se albisque a si mesmo, e como tal se asuma, convertido nun personaxe da súa propia novela (“Quen podía pensar que aquel monifate resultaría se-lo avatar literario do mesmísimo autor”, páxina 111).

Liña azul, nomeadamente na terceira parte final é un cumprido diálogo metaliterario ata o punto de que no mesmo texto se recoñece que explicar como se fai unha novela pode ser máis un ensaio ca unha novela. Ademais Liña azul racha fronteiras xenéricas e pode ser lida tamén como novela negra -ou pseudo detectivesca-,  novela literaria, relato de humor -remito aos graffiti e ás conversas excéntricas e surrealistas coa lectora reintegracionista do clube underground-. Sexa como for, novela sobre todo subversiva que mestura personaxes narradores: un narrador en primeira persoa que por veces o fai na terceira. E nada ten que ver cos discursos compactos, pechados e canónicos (presentación – no – desenlace) que xa non responden a nosa maneira de percibir o mundo, cada día máis fragmentado.

Un estilo da prosa fresco e espontáneo, diálogos por veces divertidos, pero tamén sobrecargados e enfastiados noutras ocasións. Mais volvendo ao rego da condición metaliteraria desta novela, coido que o feito determinante para nos decantar pola mesma ou rexeitala, é a acuidade, a chispa coas que o narrador é capaz de levar adiante o relato cun verdadeiro criterio novelesco. No caso contrario, a metaliteratura, como se di no Epílogo desta peza de David Pobra, é unha estafa, un vicio, cousa de culturetas, ou de culturas para sermos máis condescendentes, sen esquecer, porén o que tamén se afirma no texto: “este mundo non é un departamento de facultade” (páxina 115).Secasí Liña azul trae consigo a menciña contra o exceso de treitos digresivos de natureza metaliteraria, que por veces producen canseira e demandan un lectorado instruído ou disposto a abeberar neste subxénero.

Francisco Martínez Bouzas

Comentarios pechados