Menu Xerais

Novela trepidante e de intriga: «Os fillos do mar», de Pedro Feijoo. Crítica de Vanesa Oliveira

A xornalista Vanesa Oliveira publicou no seu blog unha recensión crítica sobre Os fillos do mar, de Pedro Feijoo.

 

Os fillos do mar, a novela de Vigo

Veño de rematar a lectura de Os fillos do mar (Xerais, 2012), a novela coa que Pedro Feijoo quedou finalista do Premio Xerais en 2011, e xa lle fixen unha película na cabeza. Adóitame pasar cando leo un libro que me presta moito: os personaxes adquiren corpo de actores, as localizacións tornan escenas de Tarantino e o argumento, obra mestra do mellor Haneke. Os fillos do marfoi a grande revelación do pasado ano para Crítica e Lectores –non en van vai xa pola súa cuarta edición-. Razóns para isto hai a moreas: novela trepidante e de intriga, que engancha a lectura dende a primeira folla e obríganos a seguir lendo con ansia para desvelar os misterios que se agochan tras as identidades difusas de Simón Varela e Mariña Dafonte, a mestura de retranca e humor, o Vigo recreado ao longo da historia… Porque iso está claro: esta é a novela de Vigo porque non só se desenvolve polas súas rúas senón tamén nos achega un retrato dos seus lugares máis emblemáticos.

Precisamente esta narrativa de cidade tróuxome á memoria novelas sen as que a literatura galega dos anos 80 e 90 tería sido moi diferente: Land Rover de Suso de Toro ou Unha noite con Carla de Aníbal Malvar. Salvando as distancias entre o xénero negro e o de aventuras que nos propón Os fillos do mar, estas obras teñen algo en común: tornan a lectura nun exercicio de “insatisfacción” permanente –un non pode parar de ler- e sitúan o seu protagonista, o antiheroe, nunha persoa tan cercana a ti que de seguido te identificas con el e non podes quitarlle o ollo de enriba.

Pedro FeijooOs fillos do mar é unha novela sobre a memoria –o mar máis fondo de todos, como di un dos personaxes, Mariña-, pero tamén sobre a historia –dende a Batalla de Rande até a Guerra Civil e o Nazismo alemán- e, moito, tamén, sobre Vigo –esa cidade na que o arquitecto Michal Pacewicz tiña moito que dicir-. No fondo e na forma, é unha búsqueda da identidade. O legado máis importante é a nosa memoria. Xúlgaa o tempo pero tamén nós debemos ser xuíces: saber se realmente quen decidiu o noso herdo loitou por un fin xusto e honroso é a búsqueda de Simón e Mariña.

Ben é certo tamén que as explicacións sobre o trasfondo da historia fanse ás veces longs e enleadas así como os saltos de tempo ás veces fannos perder o fío narrativo, pero todo se lle perdoa grazas ao talento de Pedro Feijoo á hora de artellar os clímax da novela. Pois iso, que a obra engancha á lectura coma só o fan as boas historias. E coma en toda boa historia, sempre existe un tesouro que, neste caso, máis alá do que agocha o Buraco do Inferno nas Ons, habita no corazón dos personaxes, no amor que descobren nos seus antepasados e en si mesmos.

Ademais, o autor soubo conectar cos lectores non só a través da súa novela senón tamén a través das redes sociais. En Facebook, por exemplo, abriu unha canle de comunicación para que os lectores colgasen fotos relacionadas coa novela a partir das que Pedro Feijoo está a crear pequenos relatos cheos de ironía e humor. O que está claro é que o éxito de Os fillos do mar non remata aquí. O autor está a preparar a tradución ao castelán da novela que publicará Editorial Espasa. Boas noticias para unha excelente novela.

Vanesa Oliveira

Deixa un comentario!