Menu Xerais

Novidade: «dente de leite», de Arancha Nogueira. Un libro nostálxico sobre a inocencia perdida

dente de leite, de Arancha Nogueira, é unha novidade da colección Poesía de Xerais. O libro gañou o XXII Premio Johán Carballeira de Poesía do Concello de Bueu.

dente de leite é ante todo un libro nostálxico, sobre a inocencia perdida, que parte do recordo dun verán na infancia. O cotián, desde a tenrura e a lucidez dunha nena, vai amparado na figura totémica da nai, omnipresente no proceso de aprendizaxe da cativa, malia que no futuro a lembranza converte a nai nunha estraña, como case todo o que poboaba a nenez.

En dente de leite, amais de ollar a maternidade desde os ollos da filla, Arancha Nogueira constrúe a narrativa das medras nun poemario agridoce pero cálido, que abeira a infancia e a idade adulta dunha xeración que ansía o regreso da protección constante, da emoción da descuberta.

Comentarios pechados