Menu Xerais

Novidade: «Long Play», de Lois Pérez. Un poemario que viaxa ás formas da canción ou da «twitteratura»

 Long Play, de Lois Pérez, é unha novidade da colección Poesía de Xerais.

Long Play soa coma unha poesía incitada polas persuasións da aventura e do risco, conformando unha sorte de «jukebox de autoxeografía». Estes versos teñen un pé no feitizo do estético, transitando pola benévola tiranía da rima; e outro, na inmediatez da emoción, a da esquina sucia do ring, cando o centro do libro viaxa ás formas máis propias da canción ou da «twitteratura» a ritmo de música e desexo, coma un parteluz que observa a «aritmética beatle»: letras tristes + alegres melodías. A «forma» do Long Play navega libertaria cara ás augas de sinxeleza do fondo, tensando as fronteiras do xénero poético que galantea por intres con algún riff de humor —se Ian Curtis é de Curtis e Ohio é O Hío, eu a Bueu digo vou, Jhonny, go, go!— e evasións cara «outros territorios posíbeis»; concíbese o propio proceso de creación como un «crescendo de arte e ensaio» pleno de liberdade e de poesía por si mesmo. As palabras cantan e denuncian, celebran, imaxinan e protestan, concisas e inmersas na observación da experiencia vital: os problemas, os medos e inquedanzas de quen as escribe, os ollos tisnados da infancia infinda. A «ledicia blue» que agroma do triste. A loita por habitar os silencios da nosa zona escura.

 

Comentarios pechados